Condenan de maneira unánime o intento de agresión sexual no Festival Armadiña Rock de Combarro

O Concello de Poio (Pontevedra) e a asociación cultural Armadiña, que organiza o Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, convocaron unha concentración de repulsa que terá lugar ás 21,00 horas deste luns na Praza da Chousa de Combarro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2018 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O Concello de Poio (Pontevedra) e a asociación cultural Armadiña, que organiza o Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, condenaron o intento de agresión sexual a unha moza de 20 anos rexistrado na madrugada do domingo na zona de acampada habilitada na Seca con motivo deste evento. Ademais, convocaron unha concentración de repulsa que terá lugar ás 21,00 horas deste luns na Praza da Chousa de Combarro.

Garda Civil na zona na que se produciu o intento de agresión. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA
Garda Civil na zona na que se produciu o intento de agresión. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA

Fontes da Garda Civil explicaron que un veciño de Marín de 38 anos foi detido como presunto autor dun delito de agresión sexual en grao de tentativa. O home foi posto o domingo a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, que determinou a súa posta en liberdade, pero mantivo a súa condición de investigado e impúxolle a obrigación de comparecer ante o xulgado cando sexa requirido, así como de comunicar calquera cambio de domicilio.

Estas fontes explicaron que os feitos ocorreron pasadas as 2,00 horas, cando o home abordou á moza que acudira a unha zona apartada a ouriñar. Segundo relatou a moza, empezou a meterse con ela, agarrouna e tentou levala a unha sebe próxima, realizándolle diversos tocamentos.

A moza defendeuse e conseguiu liberarse do home e abandonar o lugar, pondo os feitos en coñecemento das súas amigas que contactaron inmediatamente co teléfono 016 de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. A alerta chegou rapidamente á Comandancia da Garda Civil, desde onde se deu aviso a todas as unidades despregadas con motivo do dispositivo especial de seguridade organizado esta fin de semana en Combarro. En cuestión de minutos os axentes localizaron ao presunto agresor e detivérono. O home presentaba na cara e no pescozo diversas marcas defensivas que lle fixo a vítima ao tentar evitar a agresión sexual, arañazos visibles que axudaron á súa identificación. A moza foi atendida por unha ambulancia e trasladada a un centro médico, aínda que non sufriu lesións físicas.

REPULSA

Despois de coñecerse estes feitos, a asociación Armadiña trasladou publicamente o seu apoio á vítima da agresión e manifestou a súa repulsa ante calquera tipo de violencia exercida sobre as mulleres. Ademais, lamentou e condenou que, "unha vez máis, un evento festivo sexa o marco de vulneración dos dereitos das mulleres".

Tamén o PP de Poio condenou enerxicamente o intento de agresión sexual e solidarizouse coa vítima á vez que manifesta "o maior noxo e repulsión" contra a violencia machista en todas as súas formas, e pide a implicación da sociedade no seu conxunto para erradicar ideas e actitudes machistas e calquera clase de violencia contra a muller. Do mesmo xeito que o goberno local do Concello de Poio (BNG+PSOE), o PP expresa o seu apoio á organización do festival e súmase á concentración de repulsa. Ademais, a Executiva Nacional do BNG mostrou a súa "absoluta repulsa" contra este tipo de acontecementos e trasladou a súa "sincera solidariedade" coa vítima.

"Unha vez máis vemos a pervivencia do patriarcado e da violencia machista, que tenta impedir que as mulleres podamos desenvolver a nosa vida e o noso lecer en plena liberdade", manifestou a formación nacionalista, que chamou á cidadanía a participar na mobilización convocada este luns en Combarro.

DISPOSITIVO DE SEGURIDADE

Por outra banda, a Garda Civil informou de que formulou case 50 denuncias administrativas, na súa maioría por tenencia e consumo de drogas na vía pública, no marco das súas actuacións con motivo da celebración deste festival.

No dispositivo de seguridade participaron preto dun centenar de efectivos policiais ao longo do tres días que durou o evento. No operativo, ademais da Policía Local de Poio, integráronse diversas patrullas de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Pontevedra, que contaron co apoio da Patrulla Fiscal, a Usecic, o Servizo Cinológico e o Subsector de Tráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Disentería

Me preocupa que conocer los casos no los está disminuyendo lastimosamente, siento que cada vez hay más. Leyes más duras por favor. https://www.disenteria.net/