O PPdeG solicita ao Estado unha compensación económica para os portos galegos coma a de Valencia

Os populares demandan unha compensación "en termos xurídicos e administrativos equivalente" ás decisións adoptadas para o porto valenciano, de forma que "libere as autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas por acometer investimentos en infraestruturas loxísticas ou portuarias".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2018 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario do PPdeG rexistrou na Cámara galega unha iniciativa para esixir ao Estado unha igualdade de trato entre comunidades, de forma que as autoridades portuarias galegas reciban "unha compensación económica similar" á do porto de Valencia.

Punta Langosteira. PUERTO DE A CORUÑA - Archivo
Punta Langosteira. PUERTO DE A CORUÑA - Archivo | Fonte: Europa Press

Esta proposta prodúcese após a condonación da Administración estatal á Comunidade Valenciana de 350 millóns de débeda do Consorcio Valencia 2007 pola organización da Copa América de Vela, da Fórmula 1 e de instalacións para deportes náuticos.

Así, os populares demandan unha compensación "en termos xurídicos e administrativos equivalente" ás decisións adoptadas para o porto valenciano, de forma que "libere as autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas por acometer investimentos en infraestruturas loxísticas ou portuarias".

Pon como exemplo na iniciativa o "esforzo económico" para as dúas grandes infraestruturas dos portos exteriores de Punta Langosteira (A Coruña) e Caneliñas (Ferrol), así como o acceso ferroviario ao peirao de Vilagarcía, as melloras de operatividade para colectores en Marín e a mellora da atracada de cruceiros de Vigo.

Ademais, solicítase á Xunta que, a través dos seus representantes no consello de administración das autoridades portuarias galegas, pida a celebración de consellos de administración extraordinarios para dirixirse formalmente a Portos do Estado e establecer vías para a liberación de débedas.

E é que o PPdeG considera que o anuncio do Goberno de Pedro Sánchez sobre a condonación da débeda do porto de Valencia "é unha afronta e discriminación cos galegos en relación ao trato recibido polos valencianos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta