A Xunta amplía un mes o prazo para pedir axudas aos afectados pola explosión de Tui

Reclámalle a Goberno central e Deputación que "arrimen o ombreiro" para axudar a estes veciños.

Por E.P. | VIGO | 29/08/2018 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia anunciou este mércores que ampliará un mes máis o prazo para solicitar axudas para vivendas e enxoval aos veciños afectados pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico en maio pasado, na parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra).

A Xunta amplía o prazo para pedir axudas pola explosión de Tui. XUNTA DE GALICIA
A Xunta amplía o prazo para pedir axudas pola explosión de Tui. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Así o confirmou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que este mércores mantivo un encontro co alcalde tudense, Carlos Vázquez Padín, e con veciños de Paramos, no que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Segundo explicou a conselleira, o prazo inicial acababa o próximo 6 de setembro, pero ampliarase un mes para que os veciños teñan máis tempo para "decidirse a solicitar estas axudas e reunir a documentación necesaria".

A ese respecto, e dado que os problemas de tributación fiscal son o principal obstáculo para que os afectados opten ás subvencións, reclamou ao Goberno central que "arrime o ombreiro" para axudar, en lugar de "porse de perfil".

IMPLICACIÓN DE GOBERNO E DEPUTACIÓN

Así, Ethel Vázquez reclamou á administración do Estado que se faga cargo do custo do desentullo da zona afectada pola explosión para que se poida reiniciar a reconstrución, e que arbitre medidas para que os beneficiarios das axudas teñan exencións ou beneficios fiscais.

Do mesmo xeito, reclamou tamén a implicación da Deputación de Pontevedra (presidida pola socialista Carmela Silva), á que afeou a súa "pasividade". Segundo criticou, o organismo provincial limitouse a ofrecerlle ao Concello de Tui a posibilidade de presentarse a convocatorias de axudas non específicas para este desastre.

AXUDAS DA XUNTA

Por outra banda, a titular de Infraestruturas e Vivenda confirmou que a Xunta xa concedeu 21 axudas para aloxamento provisional a veciños afectados pola explosión. Con respecto ás axudas para a reconstrución de vivenda, presentáronse 107 solicitudes, das que 66 foron obxecto de resolución favorable. Así, trátase de subvencións por valor de 1,5 millóns, das que "xa están aboados máis do 40 por cento".

A conselleira tamén lembrou que a Xunta activou, desde distintos departamentos, axudas que superan os 8 millóns de euros, e que son compatibles con axudas doutras administracións, polo que reclamou a Goberno e Deputación que completen ese apoio económico da administración autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta