A Xunta admite que "o escenario de incerteza" pode afectar ao crecemento de Galicia

O conselleiro de Economía remarca que "as exportacións seguen crecendo respecto de 2017 e o propio comportamento do comercio interior", o que fai que "Galicia manteña o pulso dun crecemento por encima da media estatal".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2018 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, valorou que o Produto Interior Bruto (PIB) galego "segue tendo un comportamento moi positivo" e "mantendo o pulso", pero avisa de que existe un "escenario de incerteza" que "pode afectar o conxunto da economía española e da galega".

Francisco Conde na firma dun convenio do CSIC
Francisco Conde na firma dun convenio do CSIC | Fonte: Europa Press

A preguntas da prensa este venres tras participar na firma dun convenio co CSIC en Santiago, Conde valorou os últimos datos de "tendencia clara de crecemento", que ve positivos, "sobre todo con respecto á media do Estado". O PIB galego creceu no segundo trimestre a un ritmo do 2,8%, aínda que rexistrou unha lixeira desaceleración, xa que baixou do avance do 3% tras dous anos e medio en polo menos ese nivel.

Conde remarca que "as exportacións seguen crecendo respecto de 2017 e o propio comportamento do comercio interior", o que fai que "Galicia manteña o pulso dun crecemento por encima da media estatal". Así, chama a "seguir traballando", cunha aposta pola creación emprego, a "innovación" e a "abrir oportunidades en mercados internacionais".

Todo iso, nun "contexto de incerteza a nivel nacional, europeo e internacional", nunha "situación que se está conformando nestes momentos en España coa aprobación dos orzamentos para 2019, xunto coa situación política en Cataluña", unido ao 'brexit' e "as decisións" en Estados Unidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta