O PPdeG asegura que a petición de fondos para o porto da Coruña incluirá outros portos galegos

Miguel Tellado reivindica que "Galicia non pode ser menos que Valencia", aínda que "alí goberne o PSOE con socios que levantaron a Sánchez á Moncloa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2018 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o feito de que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, pida financiamento para o porto da Coruña, despois da concesión realizada polo Goberno de Pedro Sánchez para pagar a débeda de 350 millóns de euros do porto de Valencia, non implica que non se poida "estender á defensa dos intereses xerais do resto de portos galegos na mesma situación".

Rueda de prensa do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.
Rueda de prensa do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. | Fonte: Europa Press

Así o explicou o líder popular nunha rolda de prensa celebrada este venres na sede autonómica do partido, na que tamén indicou que "é evidente que Beatriz Mato é quen lanza esta cuestión" porque "ten unha inquietude: a débeda que mantén o porto da Coruña para afrontar as obras de construción de Punta Langosteira". Ante esta demanda, Tellado lembrou que esta mesma semana o grupo parlamentario popular no Parlamento galego "rexistrou iniciativas preocupándose por todos os portos de interese xeral do Estado que se atopan en situación similar ao porto de Valencia".

Por iso, a pesar de que recoñeceu que "houbo deputados máis agudos á hora de rexistrar iniciativas", asegurou que, "en calquera caso, dende o PPdeG defenderase non o interese de Vigo ou da Coruña, senón o interese xeral de toda Galicia". Respecto diso, apuntou que esta defensa non só se dará nos portos de Vigo ou A Coruña, senón "tamén noutros como o de Marín ou o de Vilagarcía". "Máis aló de quen tivo a idea de pedir iso que o Goberno (español) regálalle a Valencia para A Coruña, porque estaba nunha situación moi, moi similar", o PPdeG "defende os intereses de Galicia", aseverou.

Deste xeito, o secretario xeral do PPdeG sinalou que "o lóxico é que, unha vez que se abre esta cuestión, se faga unha formulación global en defensa dos intereses de Galicia". "Non me gustaría entrar nunha confrontación interna que non conduce a nada, e pensar que defender o porto da Coruña non é defender Galicia, e que defender Vigo non é defender Galicia", puntualizou.

BEATRIZ MATO, REY VARELA E ETHEL VÁZQUEZ

Así mesmo, preguntado sobre se Beatriz Mato e o conselleiro de Política Social, Rey Varela, solapan a súa actividade como conselleiros coa de representar á súa cidade, Tellado considerou que "non", xa que "o día ten moitas horas e un pode ser conselleiro e ter unha actividade política partidaria como é ser presidente local do teu concello, defendendo os intereses da túa cidade". "Fano moi ben os dous", indicou. Ademais, fronte ao apoio que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presta nesta cuestión a Beatriz Mato a pesar de non ter cargo na estrutura local do PPdeG, o secretario xeral popular insistiu en que "o que fixo foi ratificar o interese de Mato sobre ese investimento no porto da Coruña".

GALICIA IGUAL A VALENCIA

"Galicia non pode ser menos que a Comunidade Valenciana por moito que en Valencia goberne o Partido Socialista cos socios que levantaron a Pedro Sánchez á Moncloa", acusou Tellado. Neste senso, reivindicou que, "por moito que Sánchez teña moitos intereses políticos en Valencia, Galicia non quere ser menos e, se vai haber fondos para apoiar ao porto de Valencia fronte a un endebedamento acometido para poder celebrar regatas, Galicia tamén quere que haxa os mesmos fondos para a seguridade dos seus portos".

"Tan lexítimo é o que piden en Valencia como o que piden en Galicia", polo que "é un erro caer en localismos e pensar que se se pide para A Coruña non pode pedirse para Galicia", resaltou o secretario xeral do PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta