O doutor en Dereito Xavier Ferreira avoga pola "reclamación civil" para a recuperación do Pazo de Meirás

Rexeita que a urxencia do proceso de recuperación do Pazo estea asociada a súa venda e a enmarca máis nunha "urxencia histórica de 80 anos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2018 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

Xavier Ferreira, doutor en Dereito e profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela, defendeu que existe unha base legal para incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público, sustentada no seu carácter de ben adscrito á Xefatura do Estado.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Archivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Así o valorou nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España en Galicia, recollida por Europa Press, e na que sostén que o "camiño legal" tería que ser o "inicio dunha reclamación civil por parte da administración do Estado" contra a familia Franco.

A partir dese momento, "habería unha anotación rexistral, preventiva, para que calquera persona saiba que a decisión sobre a propiedade está sub iudice" --os herdeiros de Franco puxeron o Pazo á venda por 8 millóns de euros--. A administración "máis lexitimada" para iniciar esta demanda civil, estima Ferreira, é o Goberno porque se trata, precisamente, "dun ben do Estado", e puntualiza que sería "perigoso" que a comezasen outras administracións.

Tras a reclamación civil, o paso seguinte sería abrir un proceso administrativo "sinxelo", de "expulsión" dos moradores do inmoble, os herdeiros do ditador Francisco Franco, que establecera o Pazo como a súa residencia de verán xa en 1938, en plena Guerra Civil, segundo explica Ferreira. En distintos documentos figura que o recibiu como doazón por parte da Deputación da Coruña tras un peditorio popular.

Xavier Ferreira, que formou parte da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, o organismo constituído pola actual Deputación para analizar a incorporación do inmoble ao catálogo de bens públicos, discrepa da recente reclamación do Concello de Sada para que o Goberno inclúa a devolución do Pazo na reforma da Lei de Memoria Histórica.

O doutor en Dereito cre que o "Estado terá moi complicado a través dunha lei a recuperación para o Patrimonio". "Non o vexo claro, sempre que non se dirima a propiedade", matizou. Tampouco ve "claro" que, no caso de que o proceso de recuperación da propiedade do Pazo prospere, os herdeiros da familia Franco tivesen que ser "indemnizados" polos gastos que carrexou o mantemento do edificio desde 1975.

"Eles ocuparon irregularmente ese ben porque era de dominio público, eles terían que iniciar accións e veríase que diría un Tribunal, pero sería unha absoluta iniquidade que iso se producise", resolveu.

VENDA DO PAZO, "PROVOCACIÓN"

Aínda que os herdeiros de Franco puxeron á venda o Pazo a través dun portal inmobiliario, Ferreira limita esta acción a "unha provocación", encamiñada a lograr a compra por parte das administracións ou á súa expropiación, porque "foi un capricho de Franco e a súa filla, pero agora interésalles máis ben pouco, só queren sacar diñeiro".

Rexeita que a urxencia do proceso de recuperación do Pazo estea asociada a esta venda e a enmarca máis nunha "urxencia histórica de 80 anos". "Levamos moitos anos falando da recuperación histórica pero os negocios xurídicos feitos durante os anos 30 en pleno período bélico, baixo unha coacción absoluta, quedaron impunes, e pasaron 40 anos, e seguen impunes", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta