Revanchismo?

O tema de quitar a Franco, o chamado xeneralísimo, do mausoleo do “Valle de los Caídos” saca á luz cantidade de frases e calificativos case todos de parte interesada.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 03/09/2018

Comparte esta noticia

Mentres membros da familia falan de revanchismo, os novos lideres da dereita: Casado e Rivera acusan ó goberno de electoralismo, oportunismo e de furgar nas ferídas do pasado.  Feridas que segundo istes políticos están superadas polo tempo e a día de hoxe hai moitas cousas mellores que facer que falar do ditador e menos movelo do mausoleo no que se atopa. E, facendo un alarde de contrariedades, ate propón, o novo lider dos populares, a sustitución da lei de Memoria por outra chamada de Concordia.

Franco con Millán Astray, fundador da Legión
Franco con Millán Astray, fundador da Legión

Pero, o máis curioso do asunto, e que, tanto Casado como Rivera son dous rapaces novos que pola forma de falar dá a sensación que soamente lles ensinaron  a historia da España oficial. Ou sexa, a que escribiron os vencedores. Historia chea de medias verdades e moitas mentiras; relato que agocha crimes arrepiantes. A outra, a dos perdedores,  descoñécena na súa totalidade e por iso falan con tanta lixeireza, xustificando que  non é o momento nin a forma de quitar do mausoleo o ditador,  o que ven a dicir que é mellor deixalo onde está e non facer unha revisión desa historia dada sempre por boa.  Historia que  esquece que hai milleiros de persoas que precisan, dunha vez por todas, dignificación e pechar unha parte da nosa vida en común  chea de atrocidades, latricinios  e asuntos mois escuros. E para elo hai que  resarcir e dignificar a memoria dos represaliados e mortos por defender a  república e a democracia.

Resúltame imposible, ó falar deste asunto, esquecerme das tropelías que fixeron os vencedores e donos do poder absoluto neses longos anos. Os que escribiron a historia dun pais que sufriu unha guerra civil a que eles lle chamaban cruzada. Resúltame dificil comprender o silencio da nosa igrexa e o seu colaboracionismo co poder. Por iso, a  día de hoxe, moitos milleiros de persoas esperábamos que coa chegada dunha nova xeneración de políticos,  todos saberían algo máis das vergoñas e feitos dun réxime escuro que sempre falou de vencedores e vencidos; ou que asesinou a cidadáns acusandos de erguerse contra o poder establecido, cando foron os franquistas os que se ergueron contra a legalidade republicana. En fin,  o mundo ó revés.
E agora, estas persoas de  alta cuna, veñen a contarnos  a milonga de  que é mellor deixar as cousas como están; de que hai que esquecer, etc.  E son tan demócratas que ignoran as recomendacións sobre o tema  dos organismos internacionais como a ONU.

Rematemos dunha vez con iste asunto. Devolvámoslle o honor ós axusticiados anulando os xuízos sumarisimos. E nese caso lembremos que,  Alexandre Boveda e outros galeguistas que  foron fusilados por defender a autonomía de Galicia que hoxe temos;  que moitos alcaldes galegos e concelleiros, ente eles  o alcalde de Ourense Manuel Suarez e moitos ourensáns entre eles o veciño de Seixalbo Manuel Fontaiña Feijoo foron  axusticiados en xuízos sumarísimos por pensar de maneira diferente ós subblevados; quitemos ós mortos das cunetas e fosas anónimas do cemiterio de San Francisco  e pechemos, dunha vez por todas, iste triste capítulo da historia de España. Pero iso si, contémosllo ós nosos fillos  e netos pois eles deben saber as diferentes versións. Pois coñecer soamente a dos vencedores implica dala sempre por boa, e iso é tanto como falar de negacionismo e busqueda da  verdade.

Por iso, falar de que non ten presa ou de deixar tranquilos ós mortos, ou falar  de  revanchismo e tanto como querer defender e xustificar o que pasou nun periodo tan longo como  escuro da nosa vida en común como  Estado. E, deixémonos de lerias: non é revanchismo: é xustiza, e dignidade democrática.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com