Galicia podería acoller a Escola de Verán dunha das maiores asociacións de lingüistas do mundo

Esa é a intención da catedrática de Filoloxía Inglesa Teresa Fanego, nomeada nova presidenta da Societas Linguistica Europaea, con sede en Amsterdam, e que conta con 1.500 socios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/09/2018 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

A catedrática de Filoloxía Inglesa da USC e directora do Grupo de Investigación Variación, Cambio Lingüístico e Gramaticalización (VLCG), Teresa Fanego, vén de ser nomeada este venres presidenta electa (‘President Elect’) da Societas Linguistica Europaea (SLE) no marco da asemblea xeral de socios celebrada na Universidade de Tallin (Estonia). Trala súa elección, Teresa Fanego incorporouse ao Comité Executivo da SLE para converterse, a partir do 1 de setembro de 2019, en Presidenta desa prestixiosa institución.

Fanego será a primeira persoa de nacionalidade española en acceder á presidencia da SLE nos seus 53 anos de historia, un cargo no que sucederá a Mira Ariel, catedrática de Lingüística da Universidade de Tel Aviv. Durante o seu mandato, que se prolongará ata setembro de 2021, Teresa Fanego desexaría impulsar actividades como a celebración en Galicia da prestixiosa Escola de Verán de Lingüística da SLE, dirixida a estudantes de doutoramento, ou do congreso anual da sociedade, un evento internacional que atrae a máis de 700 relatores.

O nomeamento de Teresa Fanego como presidenta electa da Societas Linguistica Europaea tivo lugar o mesmo día en que esta docente e investigadora inicia unha nova etapa na USC como catedrática emérita. "O novo cargo de Teresa Fanego na SLE supón a culminación dunha longa e destacada traxectoria profesional durante a que, ademais de ademais de obter numerosas axudas e proxectos de I+D como coordinadora do grupo de investigación Variación, Cambio Lingüístico e Gramaticalización (VLCG)", apuntan desde a USC. Fanego dirixiu 25 teses de doutoramento, doutores que ocupan hoxe postos destacados en universidades españolas e estranxeiras.

A Societas Linguistica Europaea, con sede en Amsterdam, conta con 1.500 socios. É a asociación de lingüistas de maior importancia a nivel internacional, xunto coa Linguistic Society of America. Foi fundada en 1966 por iniciativa de Werner Winter, catedrático de Lingüística da Universidade de Kiel (Alemaña), coa finalidade de promover o estudo científico das linguas europeas e non europeas. Entre os lingüistas que presidiron a asociación cóntanse, entre outros, André Martinet (U. da Sorbona), Eugenio Coseriu (U. de Tubinga), Josef Vachek (U. de Praga), Peter Trudgill (U. de Friburgo), Bernard Comrie (U. de California en Santa Bárbara), Martin Haspelmath (Instituto Max Planck de Leipzig) ou Ian Roberts (U. de Cambridge).

A catedrática de Filoloxía Inglesa da USC,  Teresa Fanego, presidenta de Societas Linguistica Euroepa
A catedrática de Filoloxía Inglesa da USC, Teresa Fanego, presidenta de Societas Linguistica Euroepa | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta