A Xunta traslada a sede do 061 á Estrada con críticas dos traballadores e do Concello de Santiago

Os traballadores rexeitan un cambio de sede "forzoso" e "unilateral" que afecta a 200 familias, e anuncian novas mobilizacións para este martes.

Por E.P. | Compostela | 03/09/2018 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ve "incomprensible" que o próximo mes se efectúe o traslado das oficinas do 061-Urxencias Sanitarias a unhas instalacións na Estrada, xunto ás do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, xa que non ve que sexan "mellores" que as que aínda manteñen na capital galega.

Martiño Noriega e traballadores do 061
Martiño Noriega e traballadores do 061 | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios tras unha reunión con representantes de traballadores do servizo sanitario, o rexedor defende que as dependencias da central de coordinación actual, situada en San Marcos, "están absolutamente dotadas" e teñen un "funcionamento exemplar", segundo as súas palabras.

Ademais, Noriega lamenta que un servizo "tan valorado e tan prestixiado" polos galegos "estea nesta tesitura". Neste sentido, o rexedor da capital galega tamén pide que, se finalmente se produce o traslado de sede, se execute "en condicións laborais dignas e baixo unha negociación digna", motivo polo que os empregados do servizo se declararon en folga indefinida desde o pasado 1 de agosto.

Pola súa banda, o presidente da xunta de persoal do 061, Mario Otero, incidiu na decisión "unilateral" do Goberno galego do traslado "forzoso" á Estrada, á vez que asegurou que a Administración autonómica non fixo, até o momento, "ningún movemento para tentar de solucionar o conflito".

Así, Otero anunciou novas concentracións para este martes. A primeira delas, fronte ás oficinas administrativas en Conxo, ás 11,30 horas; e a outra, ás 12,00, será tras a reunión que manterán na Xunta, unha entrevista na que non se falará "das condicións do persoal, senón que será sobre cuestións técnicas do traslado", segundo palabras do representante dos traballadores.

MANTERSE EN SANTIAGO

"Santiago, como capital de Galicia, centro neurálxico da administración, debería seguir mantendo as centrais de coordinación, entidades que xestionan o conxunto da Comunidade galega nun sitio tan comunicado como o municipio de Santiago", subliñou o presidente do comité de empresa.

Así mesmo, Martiño Noriega lembrou que o 061 "non é un servizo vinculado" á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia --como si o é o 112--, senón que se atopa ligado ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) pero que "sempre cooperou co 112" e agora se envolve " nun paquete cando ten a súa propia entidade".

"Se a cousa vai de decreto lei ou de 'manu militare', hai que pedir condicións de traslado xustas, porque hai preto de 200 familias que se van a ter que trasladar á Estrada (...) que teñen a súa vida localizada en Compostela", sentenciou o alcalde de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cirigaitas

Demagoxia Pura e Dura...comenzando por Martiño (ex-traballador do ente, ergo parte non imparcial)......ir a traballar a vinte kms. da túa Residencia habitual á algo que fan, a cotío, milleiros de galegos e non se lle caen os aneis....xa quixera eu que eses traballadores utilizasen as súas enerxias en perfeccionar un sistema de atención que (no terreo sanitario) aínda presenta moitas eivas.....