A Universidade de Santiago, sede do encontro mundial da ensinanza do español como lingua estranxeira

Máis de 300 especialistas chegados de catro continentes participan neste encontro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/09/2018 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela é dende este mércores e ata o sábado a sede do XXIX Congreso Internacional de ASELE (Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera), no que especialistas de todo o mundo se reúnen para dialogar e debater acerca dos perfís, factores e contextos na ensinanza e aprendizaxe de ELE/EL2.

XXIX Congreso Internacional de ASELE (Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera)
XXIX Congreso Internacional de ASELE (Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera) | Fonte: USC.

Organizado por Cursos Internacionais e a Facultade de Filoloxía da USC e a ASELE, o congreso inaugurouse cun acto inaugural no que interveu o presidente da Real Academia Española e ex-reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva Prieto, encargado de pronunciar a conferencia de apertura ‘Lingua española e sociedade global’.

ASELE é una organización internacional que conta con máis de 800 docentes, estudantes e profesionais de arredor de 50 países, dedicados a investigar e ensinar o español como lingua estranxeira ou segunda lingua (LE/L2). Fundouse en 1987 para responder ao crecente interese en todo o mundo pola aprendizaxe da lingua española e as súas culturas.

Dende 1989 celebra un congreso internacional anual que, vinte anos despois, volve á Universidade de Santiago (en 1998 acolleu a novena edición) convertida nesta ocasión na cita mundial de referencia nesta especialidade, como darán conta os relatorios e comunicacións das máis de 300 persoas que asisten chegadas desde catro continentes:  África (Arxelia, Cabo Verde, Gabón, Namibia, Senegal, Tunisia); América (Brasil, Chile, Colombia, Estados Unidos, México); Asia (China, India, Israel, Irán, Xapón, Xordania, Taiwán); Europa (Austria, Bélxica, España, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Serbia, Suecia, Suíza).

Ademais da participación de Darío Villanueva, entre o claustro de intervenientes plenarios figuran especialistas tan relevantes como Joan-Tomàs Pujolà Font, da Universidade de Barcelona, e Kim Potowski, da Universidade de Illinois de Chicago (EE.UU.). Haberá ademais unha mesa redonda integrada por Ana Blanco Canales, da Universidade de Alcalá; Elisa Gironzetti, da Universidade de Maryland, (EE.UU.), e a doutora Ana Pano Alamán, da Universidade de Bologna (Italia).

O programa contempla así mesmo un amplo abano de presentacións institucionais como as que levarán a cabo o director académico do Instituto Cervantes, o director do Instituto Caro y Cuervo de Colombia en Madrid e os responsables de Cooperación Internacional e Promoción Exterior Educativa do Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta