Por E.P. | Compostela | 05/09/2018 | Actualizada ás 15:07
En Marea reclamou este mércores ao Goberno que, ademais de Cataluña, se ocupe da axenda galega e lembrou ao presidente Pedro Sánchez que tamén necesita os seu cinco votos para sacar adiante no Congreso as propostas do Executivo.
O pasado mes de xullo, a confluencia galega de Unidos Podemos dirixiu unha carta á ministra de Política Territorial na que pedía abrir unha liña de negociación bilateral co Goberno para que a "axenda galega" forme parte das súas políticas. "Cataluña é un problema de Estado, pero non pode opacar a axenda galega", resumiu entón a deputada Yolanda Díaz.
Dous meses despois, o actual portavoz de En Marea, Antón Gómez-Reino, reiterou a súa reclamación con motivo da comparecencia da ministra Meritxell Batet no Congreso e volveu a argumentar que se "Cataluña é importante, Galicia é igual como país e como nación".
QUE ISTO NON SE CONVERTA NUN CONFLITO
En Marea non viu ningún avance en financiamento autonómico e segue esixindo cuestións como o traspaso da AP-9, unha demanda unánime en Galicia, ou a presenza da Xunta nas negociacións da Política Agraria Común (PAC) ou a Pesca na Unión Europea.
Yolanda Díaz espera que a falta de resposta da ministra non se converta nun conflito político e, para ilustrar este 'segundo aviso', lembrou que os cinco votos de En Marea son necesarios para o Goberno Sánchez: "E estamos na antesala da negociación orzamentaria", avisa.
CÍES E ONS
Noutra orde de cousas, a deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández dirixiuse este mércores ao Ministerio de Transición Ecolóxica co fin de que impulse ante a Xunta que se aprobe antes de 2019 o plan reitor de uso do Parque Nacional de Illas Atlánticas.
Tamén alertou de que a masificación en Cíes "estendeuse á Illa de Ons" neste verán, de forma que "a situación de sobreexplotación empeorou se que se adoptasen as medidas precisas para evitar a deterioración dun espazo de gran valor ambiental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.