O PP de Ferrol dá por sentado que Rey Varela será candidato á alcaldía

O congreso do PP da cidade departamental será o día 22 de setembro. O conselleiro evita recoñecer expresamente que será candidato, pero avanza que cando diga que vai facer nun acto de partido "non vai sorprender".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/09/2018 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

O presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, anunciou este mércores a celebración en datas próximas dos congresos locais de Ferrol, o día 22 de setembro, e San Sadurniño, o 10 de outubro, así como a constitución da nova xestora municipal de Oleiros, que estará presidida por Jesús María Fernández Rosende.

José Manuel  Rey Varela  nun acto en Ferrol. Europa Press
José Manuel Rey Varela nun acto en Ferrol. Europa Press | Fonte: Europa Press

O PP de Ferrol está presidido actualmente polo exrexedor da cidade e actual conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. A falta de ratificar se volve presentarse ao proceso interno que agora se activa, no partido dáse por feito que será el quen pelexe pola Alcaldía. No PPdeG o habitual é que o presidente local sexa o aspirante nas municipais.

Este mércores en Ferrol, ante as preguntas dos medios de comunicación sobre o seu posible regreso á cidade como candidato, Rey Varela evitou confirmalo de forma explícita, pero deu a entender que a súa decisión, cando a comunique, non sorprenderá. "Se me preguntan onde quero estar, a miña resposta é que si, que o sei desde hai tempo, pero se o que me preguntan é se llo vou a dicir agora, a resposta é que non", manifestou, antes de engadir: "Cando o diga, nun acto de partido, non lle vai a sorprender".

"Se a pregunta é se agradezo ser neste momento un referente para moitos ferroláns, onde moitos esperaban máis do goberno municipal, a resposta é que si, xa que agradezo ser un referente, pero sei moi ben a importancia da resposta, o compromiso e o momento no que facer público ese compromiso, de acordo cun proceso democrático", indicou.

PENDENTES DA REMODELACIÓN

A saída de Rey Varela, do mesmo xeito que a da conselleira Beatriz Mato para concorrer como aspirante electoral na Coruña, obriga ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a acometer unha remodelación do seu Executivo. Os partidos da oposición agudizaron as súas críticas polo feito de que, aínda que non son candidatos formalmente, Mato e Rey Varela "mesturen" os seus papeis en política local e autonómica.

Así as cousas, dentro das filas do PPdeG espérase que o recambio se realice de forma "máis ou menos inminente". O seu calado --podería facer máis cambios ou esperar até as municipais-- e data exacta depende exclusivamente de Feijóo. A previsión dos populares é ir presentando aos seus candidatos de forma graduada.

"BOS EQUIPOS"

Na reunión do comité executivo do PP provincial, que aprobou a celebración destes congresos e a nova xestora de Oleiros, Calvo defendeu que, á marxe da cabeza de lista de cada municipio, "o importante" para gañar as municipais é "contar con bos equipos" en todos os municipios. Tamén aproveitou para criticar a xestión "das mareas de Podemos". "Son capaces de deixar A Coruña sen fondos para a intermodal, non ler nin sequera o que asinan para quitarse multas como sucedeu en Santiago, ou de mergullar a Ferrol nunha crise institucional sen precedentes", apostilou.

O dirixente popular tamén advertiu que as "políticas de xestos" do PSOE "duran o que duran" e cargou contra un Pedro Sánchez "máis pendente de contentar aos seus socios de goberno, de viaxar no Falcon e de colocar á súa muller que de xestionar os intereses dos cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta