En Marea denuncia a "inacción" da Xunta para que o Estado condone a débeda ao porto da Coruña

Levará este asunto ao Parlamento galego, mentres esixe ao PSOE un "cambio de posición".

Por E.P. | A Coruña | 06/09/2018 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea no Parlamento galego Antón Sánchez denunciou a "inacción" da Xunta para que o Goberno central condone a débeda de 200 millóns contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña polas obras do porto exterior de Punta Langosteira.

Obras do Porto Exterior da Coruña
Obras do Porto Exterior da Coruña | Fonte: galicianaves.com

Acompañado polo concelleiro de Rexeneración Urbana do Concello herculino, Xiao Varela, Antón Sánchez explicou, nunha comparecencia ante os medios de comunicación, que o seu grupo trasladou ao Parlamento galego unha iniciativa para o seu debate "a próxima semana", co fin de demandar ao Executivo galego que "actúe".

En concreto, En Marea reclama que "faga xestións" co Goberno central para que se condone a débeda. Tamén solicita que se deixe sen efecto o "protocolo da vergoña", dixo sobre o documento subscrito por Xunta, o Ministerio de Fomento --cando gobernaba o PP-- e Portos do Estado e no que se deixaba "aberta a porta" á desafectación dos peiraos de San Diego.

Así o remarcou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, que pediu de novo ao Goberno "unha solución integral para os terreos portuarios", que inclúa a condonación da débeda do porto, deixar sen efecto o protocolo subscrito cando gobernaba o PP no Estado e crear un ente consorcial para definir o futuro da fachada marítima coruñesa.

Na mesma liña, o deputado de En Marea lembrou aos socialistas que o apoio a Pedro Sánchez na súa investidura non foi "un cheque en branco". "O PSOE é corresponsable histórico da situación dos terreos do porto e esixímoslle un cambio de posición", sentenciou.

PROTOCOLO

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana volveu a rexeitar o protocolo subscrito pola Xunta, ao entender que é "inaceptable" unha posible desafectación dos peiraos de San Diego.

Como fixo xa este mércores á saída do consello de administración do porto, insistiu en que, por iso, solicitaba que se retirase do debate calquera "mención" ao citado protocolo e que optou por ausentarse do consello ao non facelo.

"É un teatrillo en mans do PP", volveu a denunciar o concelleiro sobre o funcionamento do organismo portuario. Ademais, lamentou o "cinismo absoluto" dos conselleiros. "O mesmo presidente que me di durante tres anos que a quita non é posible, agora a demanda coa axuda de Beatriz Mato", dixo en alusión á conselleira de Medio Ambiente.

Na mesma liña de Antón Sánchez, que acusou ao PP apostar "sempre" pola privatización do espazo litoral coruñés, o concelleiro reprochou á conselleira votar, no seu día, "primeiro a favor da poxa de La Solana e logo, cos mimos criterios, a favor da suspensión". "O PP vai a remolque porque non é capaz de vencer o clamor en favor da utilización pública destes espazos", apostilou o deputado de En Marea en relación aos posicionamentos do PP en relación a este asunto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta