Feijoo anuncia nova lei de ordenación do territorio para 2019 mentres cualifica a Abel Caballero de arrogante

A norma actualmente en vigor data do ano 1995 e a nova simplificará a tramitación urbanística ao integrar a avaliación ambiental estratéxica no mesmo procedemento. O presisente da Xunta afirma que se o Concello de Vigo xestionase as súas competencias como o fixeron os sanitarios que atenderon aos feridos "nada pasaría".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2018 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A nova lei de ordenación do territorio, chamada a actualizar a norma actualmente en vigor, simplificará a tramitación urbanística ao integrar a avaliación ambiental estratéxica no mesmo procedemento e o obxectivo é que estea aprobada no ano 2019. Diso informou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen compareceu acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, despois de que o seu Executivo autorizase, na súa primeira reunión semanal despois do período estival, o inicio da tramitación do anteproxecto da futura lei, que agora se someterá a exposición pública.

Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA - Archivo
Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA - Archivo | Fonte: Europa Press

Á marxe de simplificar a tramitación dos procedementos urbanísticos, incorpora outras "novidades". Entre elas, Feijóo destacou que, a partir da súa aprobación, cando unha edificación se constrúa "dacabalo" entre dous ou máis municipios, será o concello "máis afectado" pola mesma --no que se levante a maior parte-- o que "teña prevalencia" para decidir sobre a concesión de licenza. A norma tamén persegue "transparencia", polo que "todo instrumento de ordenación en vigor estará a disposición dos cidadáns nun rexistro público". "Sen trampa nin cartón", esgrimiu Feijóo, quen recalcou que a lei "ten que ordenar e prever todas as actuacións supramunicipais". "Con esta lei pechamos un compromiso", concretou o presidente, quen reivindicou todo o elenco normativo en materia urbanística impulsado desde o ano 2009, cando entrou na Xunta. "Imos gañar todos", engadiu, antes de destacar con especial intensidade que as novas construcións "deberán contar cun informe favorable de paisaxe". "Se isto o fixéramos hai anos, Galicia hoxe sería distinta", aseverou.

ARROGANCIA DE CABALLERO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censurou a "arrogancia" do alcalde de Vigo, Abel Caballero, en relación ao accidente rexistrado durante a celebración do Marisquiño e mostrouse convencido de que, se o Concello "xestionase as súas competencias" como o fixo o equipo sanitario que atendeu aos feridos, "nada pasaría". Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo evitou desvelar se o PPdeG apoiará finalmente que se investigue o accidente nunha comisión parlamentaria no Hórreo, dado que deixara a porta aberta a facelo se non se activaba unha investigación no Concello.

"Hai grupos que a pediron", lembrou, e engadiu que o PP se pronunciará cando se debata e logo de escoitar a comparecencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Manifestouno após lamentar que no pleno celebrado en Vigo só se escoitase que "aquí non pasou nada" e que "a culpa é dos demais". "Case non tocaba a un minuto por ferido", reprobou, para reafirmarse, ao tempo, en que o ocorrido após o sinistro foi "bochornoso". "Todo o ocorrido en relación ao accidente é lamentable. A imaxe, desde ese momento até onte, é lamentable, un exemplo de demagoxia, arrogancia e mentira. E iso non o merece ninguén: nin os feridos, nin os familiares, nin os profesionais sanitarios que traballaron", reflexionou.

TERÍA QUE SER "O MÁIS HUMILDE"

"O libro de como comportarnos está claro, un político non pode ser o máis arrogante do seu concello, senón o máis humilde", esgrimiu, en evidente alusión a Caballero, aínda que non o mencionou expresamente. "Se cada administración xestionase as súas competencias, todos nos entenderiamos adecuadamente", engadiu. A modo de exemplo, incidiu en que a Xunta tiña a responsabilidade da atención sanitaria e mostrouse "orgulloso" de como traballaron os profesionais que atenderon ás vítimas do accidente antes de concluír que "se o Concello de Vigo xestionase a súa competencia como traballaron os profesionais sanitarios, nada ocorrería".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta