Dimisión do director de Seguridade de Renfe imputado tras a petición das vítimas ao ministro de Fomento

José Luís Ábalos comprometeuse o martes nunha reunión coas asociacións de vítimas en Madrid para estudar a dimisión dos cargos investigados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2018 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O Ministerio de Fomento aceptou a dimisión como director de Seguridade na Circulación de Renfe de Antonio Lanchares, imputado na causa xudicial polo accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) ocorrido o pasado 24 de xullo de 2013, con 80 mortos e 144 feridos, segundo confirmaron a Europa Press fontes de Renfe. Lanchares presentou a súa dimisión irrevogable, que xa formalizou, aínda que xa manifestara a súa vontade de renunciar ao cargo logo da reunión do ministro, José Luís Ábalos, coas asociacións de vítimas do accidente de Angrois, segundo precisaron as mesmas fontes. A información foi adiantada por Praza.gal.

Antonio Lanchares, director de seguridade na circulación de Renfe. EUROPA PRESS - Archivo
Antonio Lanchares, director de seguridade na circulación de Renfe. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Nese encontro do pasado martes as asociacións de vítimas (Asociación de Prexudicados do Accidente Ferroviario do Alvia (APAFAS) e a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 pediron ao ministro, como viñan facendo desde hai tempo, que cese aos cargos imputados de Renfe e Adif, postos de libre designación, e reclamaron que se lles facilite a documentación relevante sobre a traxedia que está en mans "exclusivamente" de Renfe e Adif.

Fomento trasladou que avaliaría o cesamento do director de seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, segundo indicaron o pasado martes as asociacións de vítimas, que cualificaban de "vergoñoso" que unha persona "hoxe investigada nos xulgados" por "80 mortes por imprudencia" siga sendo director de seguridade de Renfe. "Pedinlles perdón en nome deste Goberno. A atención ás vítimas axúdanos a mellorar como sociedade e impúlsanos a mellorar en seguridade. Tomei boa nota das súas reivindicacións", asegurou Ábalos após reunirse coas vítimas.

DECLARACIÓN

Lanchares xa presentara en outubro de 2017 a súa dimisión despois de coñecer que o xuíz que investiga a causa o citara como investigado, aínda que Renfe freou a decisión do director de Seguridade na Circulación da empresa pública. En sede xudicial Lanchares asegurou que a súa "sensación" era que os maquinistas consideraban que o salto de velocidade que se producía na curva da Grandeira, onde se produciu o accidente do tren Alvia e había que reducir de 200 a 80 quilómetros por hora, era "normal entre comiñas".

O xuíz Andrés Lago chamouno a declarar en calidade de investigado logo de asegurar o outro alto cargo imputado (Andrés Cortabitarte, o seu homólogo no seu día en Adif) que a responsabilidade de avaliar os riscos era "compartida" entre o administrador de infraestruturas e a operadora ferroviaria. Antonio Lanchares era director de seguridade na circulación de Renfe no momento da inauguración da liña Ourense-Santiago, e tamén ocupaba este mesmo posto na operadora ferroviaria cando se autorizou a desconexión do sistema de control da velocidade 'ERTMS'. Lanchares foi quen solicitou a desconexión e foi autorizada o mesmo día por Cortabitarte, unha medida que se prevía temporal pero que ao cabo se mantivo e estaba vixente no momento do accidente, e para a que non consta que se realizase unha avaliación de riscos.

Nos xulgados son sete as persoas investigadas por posible responsabilidade penal: o maquinista (que circulaba cun exceso de velocidade ao ter que atender unha chamada do interventor), dous altos cargos de Adif, un de Renfe (Lanchares) e tres técnicos da consultora pública Ineco (este seis por unha eventual análise de riscos deficiente). O encontro do martes de Ábalos coas asociacións de vítimas produciuse dous meses despois de que empezase a funcionar formalmente no Congreso a comisión parlamentaria sobre o accidente, que se iniciou cunha rolda de comparecentes na Cámara Alta co testemuño dalgunhas vítimas do sinistro. Os traballos retomaranse após o verán con máis comparecentes, entre eles os exministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP). O PSOE votou inicialmente en contra da comisión de investigación no Congreso, pero o seu cambio de posición coa chegada de Pedro Sánchez permitiu que este órgano saíse adiante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta