O BNG reitera a súa petición no pleno da Coruña de realizar un referendo sobre o futuro dos peiraos interiores

Insta ao alcalde a que realice as "actuacións necesarias" para que o custo da construción en Punta Langosteira corra a cargo do Estado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2018 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O BNG volverá trasladar á sesión ordinaria do pleno que se celebrará este luns na Coruña o debate sobre a organización dun referendo en torno ao futuro dos peiraos interiores, así como a necesidade de realizar actuacións para que o custo de construción do porto exterior de Punta Langosteira corra a cargo do Estado.

Punta Langosteira.
Punta Langosteira.

O Bloque solicitou tamén que o Goberno municipal convoque a consulta popular, aprobada no pleno do 6 de marzo de 2017, "instando o alcalde para que no prazo dun mes someta en pleno ordinario, na súa parte resolutiva, un punto separado na súa orde do día para a aprobación desta consulta".

"A aprobación desta proposta significaría que para o próximo mes de outubro a Corporación Municipal daría o visto e prace para a convocatoria inminente, e sen máis demora, da organización do referendo", polo que "demandamos ao Goberno que poña unha data concreta sobre a mesa", algo que, "por desgraza, leva xa máis dun ano e medio aprazándose, dende o momento no que aprobamos esta proposta en marzo de 2017", destacou a portavoz nacionalista Avia Veira.

Do mesmo xeito, a moción entregada a todos os grupos municipais e que defenderán os nacionalistas, tamén insta ao alcalde a que realice "as actuacións necesarias" para que "o custo da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións", por ser "unha obra do Estado", sexa "pagada por este".

Neste senso, os nacionalistas lembraron que o BNG é "a única organización que mantivo unha coherencia continuada no debate a respecto dos terreos portuarios", tal e como reivindicou o pasado venres nunha rolda de prensa na que participou a súa portavoz nacional, Ana Pontón; e os candidatos que se presentan ás eleccións municipais na Coruña, Francisco Jorquera e Avia Veira.

Ademais, tamén aseguraron que mantiveron a súa posición en referencia ao financiamento do porto exterior e á "necesidade de derrogar os convenios de 2004", xa que "demandaron que os demais grupos políticos mantivesen unha postura inequívoca de defensa dos intereses lexítimos da cidade da Coruña", e "non en función dos seus intereses partidarios e de quen estea na quenda de Goberno".

SUPRESIÓN DO CONVENIO DE 2004

"Xa o dixemos máis dunha vez, pero non nos cansaremos de repetilo, e neste senso a moción que levamos ao pleno implica a supresión do convenio de 2004, a devolución gratuíta dos terreos portuarios —unha vez desafectados— para usos sociais e produtivos en beneficio da cidade, e a construción do porto exterior a conta dos orzamentos xerais do Estado", demandou Veira.

"Cremos lamentable o espectáculo que se deu durante estas semanas que o único que evidenciou foi como as demais organizacións, en ningún momento nestes últimos anos, actuaron con lealdade para cos intereses dos veciños da Coruña", concluíu a candidata municipal á Alcaldía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta