Serán “máis submisos” ao poder político os funcionarios co novo decreto de altos postos da Xunta?

O Goberno galego anunciou un novo sistema para cubrir xefaturas de servizo por elección interna para eliminar a libre designación. Os sindicatos aseguran que este novo sistema limitará a súa independencia e pasarán a depender dun partido político.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta anunciaba esta fin de semana un novo sistema de provisión dos altos postos da administración que deixará de asignar mediante a fórmula da libre designación, é dicir, a dedo. Deste xeito, a provisión de numerosas xefaturas de servizo (e outros postos), pasarían de seren cubertas mediante un futuro concurso específico, unha forma de provisión “menos discrecional”.

A partir de agora, haberá un concurso específico con convocatoria pública de 591 prazas de xefaturas de servizo na Administración galega. Un cambio que está recollido nun novo regulamento que será trasladado a vindeira semana ás organizacións sindicais para recoller as súas achegas, e que é unha das medidas recollidas polo Executivo autonómico na Lei de Emprego Público de Galicia.

As xefaturas de servizo son postos da Administración ocupados exclusivamente por persoal funcionario que pasarán a cubrirse de xeito maioritario a través dun concurso específico, e non a través do sistema de libre designación tal e como se viña facendo ata o de agora.  Segundo a Xunta, “este cambio reducirá os postos de libre designación ao mínimo na historia da Autonomía e mellora a previsión inicial, que era de cambiar o sistema de provisión duns 500 postos”.

Con todo, os sindicatos non acaban de ver con bo ollo este novo sistema e din que se seguirán nomeando "a dedo".  Tras unha revisión do novo decreto, CIG-Administración denuncia que se trata dun anuncio propagandístico que “politizará” ao funcionariado público. “A propaganda do goberno vende como unha mellora na independencia da Administración respecto do poder político o que en realidade agocha unha maior dependencia e submisión respecto do actual goberno, así como dunha imposición ao futuro goberno dos mandos intermedio”, indica.

Esta central sindical avoga pola “total independencia” da Administración respecto do poder político e aposta pola supresión dos postos de libre designación ou concurso específico e que todos pasen a ser cubertos mediante concurso de méritos ordinario, sen valoración subxectiva algunha.

PROCEDEMENTO

O novo regulamento de provisión de postos de traballo establece que o concurso específico que se realizará para cubrir as xefaturas de servizo constará de dúas fases. A primeira delas, consiste na valoración dos méritos xerais ou específicos e suporá como mínimo o 55% da puntuación máxima alcanzable.

Na segunda fase, valoraranse as capacidades, aptitudes ou coñecementos a través da realización de probas de carácter práctico; memorias; entrevistas ou test profesionais; a valoración de informes de avaliación ou outros sistemas similares segundo se determine na correspondente convocatoria. Pero, a CIG-Administración denuncia que ese outro 45%, é dicir, case a metade da puntuación a valorar para designar os mandos intermedio,s pode non selo con criterios obxectivos.

Tamén indica que a “comisión de valoración” que resolverá as adxudicacións de postos estará composta por catro persoas da propia consellería convocante de cada posto máis un secretario sen voto de Función Pública. “Así que todo se cociña en casa e cabe pensar que se podería acabar coa mobilidade entre consellerías, así como a promoción de quen non teña padriño”, apunta.

CONTROL CADA CINCO ANOS

Ademais, o decreto inclúe como novidade a valoración cada cinco anos do desenvolvemento do posto ocupado que será realizada por unha comisión técnica nomeada a tal efecto, e que determinará a continuidade ou cese da persoa que obtivo o posto no concurso específico.

Este sistema tampouco agrada aos sindicatos que alertan que, tras as eleccións deste persoal, “un futuro goberno terá que comer con patacas os mandos intermedios nomeadas por un goberno anterior”. “Poderíamos estar ante a desaparición da independencia do funcionario respecto do poder político porque a ver que xefe de servizo vai enfrontarse aos seus superiores cando reciban ordes inadecuadas”, apunta CIG-Administración.

OUTRAS REGULACIÓNS

O novo decreto tamén inclúe a regulación dos procesos de mobilidade do persoal funcionario de carreira, desenvolvendo as novidades xa introducidas na Lei de Emprego Público e tamén actualizando a normativa nesta materia, dado que a vixente data do ano 1993.

Respecto ao concurso ordinario, entre as novidades do novo regulamento figuran a posibilidade de realizar concursos ordinarios de carácter permanente, de conformidade co disposto na correspondente convocatoria, ou a distinción na valoración de méritos entre méritos de necesaria baremación –como a antigüidade ou o nivel de coñecemento da lingua galega- e os de méritos de non necesaria baremación.

Dependencias da Xunta
Dependencias da Xunta | Fonte: FESP-UGT

Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano
Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xefe de sección

Este decreto é unha barbaridade. O nomeamento por libre designación é cambiado soamente de nome e de prazo. O goberno de Feijoo nomeará aos seus e conseguirá que permanezan no tempo máis alá do seu goberno. Un hipotético novo goberno na Xunta de Galicia tería que aguantar con esta xente co carné do PP. A solución a isto é un concurso xeral e que as prazas se asignen por criterios de igualdade, mérito e capacidade.