Feijóo promete unha investigación "con rigor" sobre a morte na Estrada recoñecendo que faltaba un médico

O BNG pide o cesamento do conselleiro de Sanidade e unha investigación parlamentaria, demanda que comparte En Marea.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2018 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Nunha sesión de control na que Ana Pontón (BNG) e Luís Villares (En Marea) sinalaron que "os recortes matan" e demandaron que se active unha comisión de investigación parlamentaria para que "non se volva a repetir" un caso similar, Feijóo lamentou este caso e trasladou á familia do falecido --un familiar do mesmo seguiu o debate do hemiciclo-- as súas condolencias.

Alberto Núñez Feijóo. XUNTA
Alberto Núñez Feijóo. XUNTA | Fonte: XOAN CRESPO

"Entendo que pida xustiza e a vai ter", garantiu, antes de aludir ao expediente iniciado por Inspección Sanitaria para determinar se houbo "irregularidades" ou "problemas de atención" como consecuencia da organización da PAC. Iso si, igual que "respecta" aos familiares, pediu "respecto" para os profesionais e a sanidade pública, cuxa mellora por parte do seu Goberno defendeu a pesar de ter, queixouse, "2.000 millóns menos de orzamento ao ano".

"Un pouco de respecto pola sanidade de Galicia", esixiu á oposición, antes de relatar, á espera de que conclúa o expediente de Inspección Sanitaria, os datos dos que dispón en relación ao sucedido na xornada na que faleceu o paciente da PAC --con "unha enfermidade crónica avanzada"-- e de explicar por que faltaba un médico.

Así, relatou que o equipo médico tivo que ausentarse da PAC a requirimento do 061 e proposta da Garda Civil para efectuar un traslado de urxencias ao hospital de Santiago. "Cando isto ocorre, o 061 coordina a atención da PAC", explicou, antes de incidir en que os seus efectivos se puxeron en contacto co persoal que "estaba a regresar" e que "aos dez minutos xustos estaba a atender" ao sexaxenario.

OS "MOTIVOS" POLOS QUE NON HABÍA MÉDICO

"Por que non conta por que motivos non había médico e enfermeira na PAC?", preguntouse, antes de explicar que se contactou con outro doutor para que "fosen dous", como determina a normativa, pero este "teoricamente foise a outro centro" distinto ao que o demandou. "Tentouse contactar a outro para esa xornada pero non foi posible, e ao día seguinte xa había dous", explicou.

Dito isto, reivindicou que os profesionais da PAC da Estrada "cumprían co seu deber" e destacou o elevado número de urxencias que se atenden nese centro. Do mesmo xeito, rexeitou que se "manipule" e "denoste" a sanidade pública en termos xerais.

POLÉMICA ALUSIÓN AOS XEMELGOS PREMATUROS DE IGLESIAS

A modo de argumento, no seu debate con Villares, Feijóo realizou unha alusión ao recoñecemento que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, fixo publicamente da atención da sanidade pública aos seus xemelgos prematuros.

"Agora que no seu partido se sabe moito de como se atende á xente nos hospitais, mesmo de prematuros, debería coñecer o que acaba de dicir o xefe da unidade do hospital da Coruña, sobre que até 100 persoas atenden a un prematuro", advertiu a Villares, provocando as críticas desde as bancadas da oposición.

"Parécelles mal que alguén do seu partido que ten un pouco máis de cerebro que vostedes poida pór en valor a atención a prematuros na sanidade pública?", engadiu Feijóo. Ao termo da sesión de control, Villares pediu ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, que corrixise as alusións aos prematuros e á "capacidade cranio encefálica", ao entender que atentan contra o "decoro" na Cámara e son "inaceptables".

Santalices, quen previamente xa aclarara ao presidente que ninguén ten máis ou menos cerebro, rexeitou profundar na polémica. "Sei distinguir o que é un insulto, que fun á universidade", resolveu.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN E MÁIS PROFESIONAIS

Ademais de censurar a "falta de elegancia" de Feijóo por aludir aos prematuros, Villares cargou con dureza contra os "malditos recortes" e preguntou ao presidente se lle "compensou o aforro" da Estrada. Dito isto, pediulle reorientar as políticas e garantiu que terá o apoio de En Marea se "modifica o crédito" orzamentario de inmediato para dotar aos centros galegos sanitarios de máis profesionais.

Feijóo, previamente, na súa defensa da sanidade pública, defendera que o cadro aumentou en 1.500 efectivos. Durante o debate, o portavoz de En Marea tamén pediu crear unha comisión de investigación parlamentaria para "investigar cales son as causas" do ocorrido na Estrada e facer, se é preciso, "unha proposta de reforma lexislativa" para que non se repita o ocorrido. "Se a lei permite que poida morrer xente por falta de atención médica, hai que cambiala", esgrimiu.

PLAN DE MELLORA DE ATENCIÓN PRIMARIA DO BNG

Tamén a nacionalista Ana Pontón, na confrontación dialéctica previa con Feijóo, advertiu que "os recortes matan" e instou a reorientar as políticas sanitarias da Administración autonómica. Para iso, suxeriu ao presidente galego que aproveite a remodelación de Goberno pendente para destituír ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Pontón tamén advertiu que o ocorrido na Estrada "non se tapa con publicidade e propaganda", e puxo as súas propostas encima da mesa, instando a "investigar na Cámara" o ocorrido, pero tamén a impulsar un plan de mellora da Atención Primaria que garanta que haxa sempre "como mínimo" dous equipos con persoal médico e enfermaría nos centros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta