Rueda cuestiona a "legalidade" da comisión para investigar a xestión de Feijóo no Marisquiño

O vicepresidente da Xunta cuestionou esa comisión e a outra pola a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado. Sobre a remodelación do gabinete, Alfonso Rueda di que espera que Feijóo acerte "como sempre acertou".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2018 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

"Eu, como profesional da administración local, dubido da legalidade desa formulación", manifestou nunha rolda de prensa celebrada este mércores ao ser preguntado polo anuncio dos socialistas vigueses. Así mesmo, Rueda considerou que este anuncio mostra "a desesperación e incongruencia" do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que "lanzou unha ameaza para que non se investigase a súa xestión". "Co fácil que tería dar explicacións no Concello se non hai nada que ocultar", expresou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O presidente do TSXG e o vicepresidente da Xunta. XUNTA
O presidente do TSXG e o vicepresidente da Xunta. XUNTA

Ademais, lembroulle ao rexedor vigués que quen pide a comisión de investigación no Parlamento de Galicia, aprobada o martes coa abstención do PP, son "outros partidos". "Un deles socio de goberno de moitos concelleiros de Abel Caballero na Deputación", subliñou en referencia ao goberno provincial de Pontevedra. Após iso, incidiu en que "o que dixo o PP é que non se ía a opor" ante a "falta de explicacións e as ameazas" do alcalde de Vigo.

Dito isto, considerou que, coa "documentación da que se dispón", "ese concerto celebrouse porque quen podía dicir que non se celebraba, á vista de que non había seguridade, é o Concello de Vigo". "A partir de aí, as responsabilidades vanse a ver sen esquecernos de que hai un proceso xudicial aberto. Pero aquí falamos de responsabilidades políticas", resolveu.

REMODELACIÓN

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou a súa confianza en que o presidente do Goberno galego acerte na remodelación do seu Executivo como "até agora acertou". "Espero que siga sendo así, sexa a decisión que sexa e afecte a quen afecte, coa amplitude que decida", manifestou. O tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pronunciouse deste xeito ao ser preguntado por unha posible remodelación dos membros do Goberno da Xunta tendo en conta que se prevé que a titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o de Política Social, Rey Varela, compitan polas alcaldías da Coruña e Ferrol, respectivamente.

"Dedicámonos ao día a día... Non falamos diso", expresou o vicepresidente da Xunta, que se mostrou convencido de que o máximo mandatario autonómico tomará a decisión "tentando acertar" e despois de consultar con "quen estime oportuno". Ademais, cuestionado sobre o momento no que se producirán os cambios, considerou que estes terán lugar "cando o decida o presidente" despois de que xa se anunciasen modificacións "derivadas das candidaturas municipais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta