Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/09/2018 | Actualizada ás 17:07
Inaudito: as rúas de Vigo comezarán a vestirse de Nadal cando aínda non rematou o verán. A montaxe iníciase este mércores en varias rúas da cidade, e continuará nas próximas semanas, até completar a ornamentación de máis de 300 rúas, fachadas, mercados municipais e outras instalacións.
Así o confirmou o rexedor olívico, Abel Caballero, quen lembrou que se instalarán case 1.500 motivos de iluminación nas rúas, mil arcos, bólas de Nadal xigantes, varias árbores iluminadas por toda a cidade, e diferentes motivos ornamentais. En total, Vigo contará este ano coa iluminación de 9 millóns de lámpadas led.
Tampouco faltará a árbore xigante en Porta do Sol, que este ano terá unha altura de 31 metros, e contará cun espectáculo de luces e música, do que se poderá gozar en tres pases diarios.
"Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín, que imos ser o non vai máis. Que se preparen. As alcaldesas de Madrid e Barcelona xa nin poden competir, é natural", chanceou o alcalde, quen se atreveu a prognosticar que a cidade olívica terá as festas do Nadal "top do planeta".
GASTO
Abel Caballero asegurou que este 'despregamento' do Nadal é "baratísimo", e lembrou que o Concello adxudicou a iluminación a unha empresa nun contrato por varios anos. O gasto anual da iluminación é de 825.000 euros, un gasto que reverte na cidade, segundo incidiu.
A ese respecto, Caballero recalcou que, o pasado ano, e grazas á iluminación do Nadal, "todos os hoteis estiveron petados", e "toda Galicia" acudiu a ver as luces de Nadal a Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.