A oposición na Coruña esixe "responsabilidades" ao alcalde após declarar o Consultivo nula a compra de dous pisos sociais

Insisten en que se vulnerou "a libre concorrencia" no concurso de adquisición de vivendas.

Por E.P. | A CORUÑA | 12/09/2018 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

Os representantes dos grupos da oposición no Concello da Coruña —PP, PSOE e BNG— esixiron "responsabilidades" e "medidas urxentes" ao alcalde, Xulio Ferreiro, despois de que o Consello Consultivo considerase nula a compra de dous pisos para fins sociais.

Pleno no Concello da Coruña.
Pleno no Concello da Coruña.

A portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, reprochou ao goberno local que se dedicasen "a negar as irregularidades". "Vulnerouse a libre concorrencia e inventáronse informes a medida a través da asesoría xurídica", engadiu após insistir en que se tratou de pisos que eran "dun membro destacado da Marea".

"É o máis grave que pasou no Concello nos últimos tempos", dixo tamén após criticar que o goberno local non facilitase os informes do Consello Consultivo á oposición.

En canto ás posibles indemnizacións, indicou que non van consentir "que nin un euro das arcas municipais saian para pagar esta 'desfeita'". Preguntada se pedirán dimisións, manifestou que esperarán a ler primeiro o informe.

Con todo, dixo que "quen non ten que dimitir é un técnico" e que, en todo caso, quen "terían que dimitir" son os concelleiros de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e o edil responsable da área de Contratación, Alberto Lema. "E xa veremos quen máis", remarcou.

"PARCIALIDADE"

Mentres, para o portavoz do grupo municipal socialista, José Manuel García, o alcalde herculino debe tomar "medidas urxentes" e que o faga coa mesma elocuencia "que ten cando defende a transparencia e a credibilidade na xestión do seu equipo".

"Non houbo libre concorrencia e alteráronse as condicións con criterios, entre comiñas, de flexibilidade, é unha parcialidade", insistiu o portavoz socialista, quen incidiu no feito de que o beneficiado pola compra fose un afín á Marea.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG arremeteu, a través dun comunicado, contra o goberno local por non aplicar "as bases que o mesmo deseñou" no concurso para a adquisición destas vivendas para aluguer social.

Tamén critica ao concelleiro responsable de Contratación, Alberto Lema, por negar "que se vulnerase a libre concorrencia". Por outra banda, considera que "non é xusto que unicamente asuma responsabilidades e dimita a xefa da Rehabilitación e Vivenda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 comunista independentista

PP e Bloque sempre da man.

1 Para comunista independentista

2 Un galego

Xa se sabe que dous pisos van solucionar o problema... Ademais se son ilegais mellor aínda. Aprendedes rápido, hai que subirvos de curso para compartir podio cos líderes da vella política. Por certo, quen declarou ilegal iso non foi o BNG nin o PP. Vaia bluff a "nova política".