Garantida por lei a Risga para persoas empregadas con salarios moi baixos

A valedora do pobo emitiu unha recomendación para que a Consellería de Política Social revisara a suspensión da renda a unha familia na que entraron pequenos ingresos, inferiores á Risga, por traballos por horas minimamente remunerados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2018 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A actuación da valedora do pobo iniciada de oficio, fíxose ante o caso dunha familia que perdera a renda de integración social (Risga), debido a que algún dos seus membros atopara un traballo por horas pouco remunerado. Segundo a oficina do Valedor do Pobo “isto permitirá cambiar a realidade das familias en risco de exclusión social”. Así, a Consellería de Política Social vén de aceptar as recomendacións da valedoría e garantirá por lei, o cobro inicial e o mantemento da renda cando os ingresos da unidade familiar sexan menores que a contía que lles corresponda na prestación.

A Valedora Do Pobo e o Vicepresidente Da Xunta.
A Valedora Do Pobo e o Vicepresidente Da Xunta.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, xa alertou no seu informe ao Parlamento de Galicia correspondente ao ano 2017 do problema da denegación da renda de inclusión social cando o solicitante conseguía un traballo parcial pouco remunerado, que non o sacaba da súa situación de vulnerabilidade. A administración autonómica “recoñecía nestes casos que a Risga era compatible co traballo con ingresos inferiores á mesma, que eran descontados”. O mesmo criterio non se viña aplicando nos casos de primeiro acceso á Risga debido á regulación existente.

As propostas da valedora do pobo foron atendidas con carácter xeral. A consellería de Política Social xa incluíu no borrador do decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013 de inclusión social, a posibilidade de percibir a Risga a persoas que obteñan ingresos derivados da súa actividade laboral inferiores ao importe da renda. A consellería anunciou ademais á oficina da valedora que vai tramitar esa disposición como unha modificación legal, o que permitirá acceder á prestación a persoas con empregos precarios ou a tempo parcial con ingresos tamén inferiores.

Sobre o caso concreto da familia afectada, a institución do Valedor do Pobo instou á consellería competente a evitar a retirada íntegra da Risga e a desistir do reintegro de todos os “ingresos indebidos” a esta unidade familiar. Estes aspectos aínda están pendentes de aclarar no marco da investigación, que permanece aberta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Canta xenerosidade... https://flic.kr/p/NjeSpU