Feijóo pon os intereses do PP por diante dos da Xunta

Di que non haberá remodelación do seu Goberno ata que o seu partido nomee candidatos . Esgrime que "non hai ningún conselleiro que fora nomeado oficialmente" candidato a pesar de que dous deles xa anunciaron que ían selo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2018 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este xoves que "compasará" a remodelación do seu Goberno aos tempos nos que se acometa a presentación "oficial" dos candidatos populares das cidades para as eleccións municipais de 2019. "Axustarei a decisión de axuste da Xunta ao que diga o partido (PP)", dixo ao termo da reunión semanal do seu Executivo.

Feijóo, na rolda de prensa após o Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA
Feijóo, na rolda de prensa após o Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Así, reiterou que se atopa "moi a gusto" co desenvolvemento do traballo que fai cada conselleiro e insistiu en que, "se non houbese municipais, non habería remodelación" do seu gabinete. E é que, aínda que o partido non fixo a designación oficial correspondente, dáse por feito que os actuais titulares de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Política Social, José Manuel Rey Varela, sairán do Executivo para ser cabezas de cartel na Coruña e Ferrol, respectivamente. De feito, tanto é así que Rey Varela xa anunciou publicamente a súa intención de ser candidato.

"AÍNDA NON HAI NINGÚN CANDIDATO NOMEADO"

Con todo, Feijóo remarcou este xoves que "aínda non hai ningún candidato nomeado oficialmente que afecte o Goberno". "Hai algún conselleiro que manifestou o seu interese e ilusión, pero ningún conselleiro foi nomeado oficialmente candidato", esgrimiu.

En sentido estrito, o PPdeG prevé arrincar este venres a presentación oficial de candidatos ás cidades, aínda que a de Rey Varela terá que esperar, como mínimo, ao 22 de setembro, data na que se celebra o congreso local de Ferrol.

A presentación de Mato tampouco ten data aínda, aínda que fontes consultadas por Europa Press sitúana nun horizonte similar á de Rey Varela. "Axustaremos a decisión do reaxuste do Goberno á decisión do PPdeG cando nomee os candidatos, eu vou ser respectuoso e ímolo a compasar; aínda que hai outros gobernos que xa teñen candidatos nomeados e non pasa nada", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta