Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2018 | Actualizada ás 19:07
En Marea reclamou na Estrada, municipio no que a principios de agosto faleceu un home no PAC sen atención médica, que a Xunta cumpra a normativa que ten establecida sobre a dotación de persoal facultativo nos puntos de atención continuada e na que se sinala que estes centros non poden quedar sen equipos facultativos.
Así o demandaron este xoves o portavoz de En Marea, Luís Villares, e a portavoz de Móvete, Mar Blanco, que denunciaron que a situación vivida no PAC da Estrada é o resultado de "unha política de recortes". "Dos malditos recortes que están empobrecendo a calidade da atención e que están a causar mortes, porque os recortes matan", subliñou.
O portavoz de En Marea considerou que é "inaceptable que ocorrese esta morte na Estrada e que nin o presidente da Xunta nin o conselleiro de Sanidade reaccionasen a un feito tan grave como o ocorrido". Por iso, Luís Villares considerou necesario a posta en marcha dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para "que estas cousas non volvan ocorrer".
Ademais, volveu a pedir un incremento do orzamento para a Consellería de Sanidade para que se poidan incrementar os cadros de persoal e que se preste unha correcta atención aos galegos. Precisamente, a portavoz de Móvete e edil da Estrada avanzou que levará esta petición ao pleno municipal, no que esixirá instar o Goberno da Xunta incrementar os fondos do departamento autonómico para mellorar a atención primaria e ofrecer unha atención de calidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.