Tellado acusa a Abel Caballero de estar "detrás" da comisión de investigación sobre sanidade

O secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, mostrou o seu "respecto" á decisión da oposición de impulsar unha comisión de Investigación ao redor da sanidade, pero suxeriu que é o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, o que está "detrás" desta decisión, co obxectivo de "esconder o seu sentido de culpa" polo accidente de O Marisquiño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2018 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, mostrou o seu "respecto" á decisión da oposición de impulsar unha comisión de Investigación ao redor da sanidade, pero suxeriu que é o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, o que está "detrás" desta decisión, co obxectivo de "esconder o seu sentido de culpa" polo accidente de O Marisquiño.

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG | Fonte: Europa Press

"Nós respectamos as decisións da oposición, mesmo cando son tomadas desde Vigo, por Abel Caballero, desde fóra do Parlamento, cando temen no seu partido que se poida coñecer o que pasou no Marisquiño", respondeu en rolda de prensa, cuestionado polo impulso da comisión por parte de En Marea, o PSOE e o BNG, para investigar o falecemento dun home sen atención na PAC e os tratamentos de Hepatite C.

Miguel Tellado engadiu que a posibilidade de que se cren comisións de investigación no Parlamento impulsadas pola oposición derívanse dunha decisión do PP. Unha situación que contrastou coa existente na administración local de Vigo, onde non se investigará sobre o accidente de O Marisquiño.

"En Vigo non se pode facer o mesmo", "vai ser necesario que os vigueses coñezan o que sucedeu en Vigo --no Marisquiño-- a través do Parlamento", apuntou Tellado, para quen "o que sucede estes días esconde un sentido de culpa moi grande de Abel Caballero sobre O Marisquiño, que trata de tapar pola vía que sexa".

Tras cualificar a Abel Caballero como "un personaxe que se parodia a si mesmo" e ironizar sobre o seu intento de "deslumbrar" converténdose no primeiro alcalde da "Galaxia e até da Vía Láctea" que coloca as luces de nadal en setembro, insinuou que, á súa estratexia de "tapar a súa mala xestión" coas luces do Nadal suma agora a de "inmiscuirse na política autonómica".

"Parece que lle van obedecer non só os membros do Partido Socialista senón tamén os doutros partidos", agregou Tellado, acusando ao rexedor olívico de facer "da mentira, a prepotencia e a arrogancia" a súa forma de facer política.

"Abel Caballero trata de tapar toda a súa mala xestión con luces de nadal, trata de cegar aos veciños para que ninguén se decate do que pasa, fíxoo co problema da auga, e faino agora cando quedou demostrada a súa incapacidade para garantir a seguridade nun evento como o do Marisquiño", insistiu.

"ORGULLO" DUNHA SANIDADE PÚBLICA GALEGA DE "PRIMEIRO NIVEL"

En todo caso, foi contundente ao defender o seu "orgullo" da sanidade pública galega "de primeiro nivel", que absorbe "o 40% do orzamento da Xunta de Galicia" e que, segundo o último barómetro, é "percibida polos cidadáns" como "a mellor que houbo nunca", a pesar de contar a Xunta con "2.000 millóns" de euros menos de orzamento.

Aínda que admitiu que "hai que seguir traballando para que mellore cada ano", engadiu que as "listas de espera son as mellores" desde que se contabilizan, polo que "non hai nada que esconder" e respéctanse " as estratexias" dos grupos da oposición.

Sobre o caso concreto do falecemento dunha persoa na PAC da Estrada sen recibir atención médica, que se analizará na comisión de investigación, Tellado incidiu en que a cuestión "foi perfectamente explicada polo conselleiro de Sanidade" e apelou ás investigacións abertas nos Xulgados e da inspección sanitaria para asegurar que "claro" que o PP quere que se saiba o que sucedeu.

INVESTIGACIÓN DO MARISQUIÑO, IMPULSADA POLOS "SOCIOS" DO PSOE

En canto á comisión de investigación no Parlamento sobre O Marisquiño quixo puntualizar que a petición de investigación non procede do PP senón dos "socios naturais" do Partido Socialista en moitas institucións, as Mareas e o BNG.

"Nós non imos ser os que impidamos que os socios do PSOE e de Abel Caballero poidan ter as explicacións que moitas familias queiran ter", engadiu Tellado. Censurou así que "calquera alcalde que sofre un accidente como o do Marisquiño para que nunca máis volva suceder, el non quere falar do asunto, o que quere é acender as luces de nadal antes de que acabe setembro", para concluír: "O que vive en mundos paralelos é Abel Caballero".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta