As veciñanzas de Touro e O Pino presentan queixas ante a “inoperatividade” da Administración

As peticións e solicitudes foron presentadas durante esta semana ante distintos organismos públicos “para que actúen sen máis demora, dada a gravidade da situación que viven ambos concellos coruñeses”.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 14/09/2018 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Os documentos presentados polos veciños e veciñas de Touro e O Pino céntranse en tres puntos. O primeiro toca ao cumprimento da Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno por parte dos Concellos “que no seu artigo 8 indica que deberán publicar, como mínimo, a información relativa aos actos de xestión administrativa con repercusión económica e presupostaria”. Este artigo fai referencia tamén ás retribucións percibidas anualmente polos altos cargos e máximos responsables das entidades, “así como as indemnizacións percibidas e, no seu caso, con ocasión do abandono do cargo”. A Plataforma de Veciños O Pino-Touro Mina Non, denuncia que “non se sube ás páxinas web (dos concellos) documentación algunha correspondente ás Actas de Acordos Plenarios ou de Xunta de Goberno Local”. Tampouco  aparece información “relativa ó réxime de retribucións dos membros das Corporacións, o que supón unha grave vulneración das  súas obrigas de transparencia, obstaculizando que os administrados poidan coñecer o ordinario actuar desas Administracións”. Toda a documentación relacionada con este punto foi presentada nas oficinas municipais.

Río Portapego contaminado pola mina de Touro
Río Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Mina Touro-O Pino Non

Sobre a situación da mina sobre a que existe un proxecto de reapertura, os veciños e veciñas de Touro e O Pino denuncian que este lugar, desde o seu peche hai trinta anos, vén sendo un foco de contaminación medioambiental, “convertida en canteira de áridos, vertedoiro e campo experimental de tecnosolos”, o que “supón que periodicamente se teñan que realizar denuncias por particulares sen que os concellos se dean por aludidos nin se vislumbre pola súa parte unha intención de tomar parte”. Así, os veciños “vimos de presentar sendas queixas ante Saúde Pública, concellos, Seprona e Consellería de Medio Ambiente para que se actúe con celeridade e de oficio”. Na súa petición, os veciños solicitan “análises das augas de consumo humano en todas as captacións, en depuradora e en saída en grifo e que os resultados de ditas analíticas se publiquen nas páxinas web de cada un dos concellos coa periodicidade coa que se realicen”.

Outra queixa é sobre a calidade do aire “ante os cheiros continuados procedentes das actividades levadas a cabo nos terreos da antiga mina”,  esixen que “se cumpran as condicións nas que se lle aprobaron ás empresas que operan nesas instalacións as correspondentes Declaracións de Impacto Ambiental”, ademais de que “se manteñan actualizados os libros de rexistro de queixas por malos olores nos Concellos afectados”, ademais de que “se tramiten as mesmas no prazo máximo dunha hora como así lle foi esixido”. Piden tamén o establecemento dunha estación móvil de medición de calidade do aire con carácter permanente nas zonas onde diariamente os veciños e veciñas veñen
detectando estes cheiros e que “nada teñen que ver, por suposto, coa actividade agraria”.

En relación ao proxecto de explotación mineira publicitado o 25 de agosto de 2017, a veciñanza dos dous concello di que tivo “coñecemento nestes días polos medios de comunicación da presentación de novos informes por parte da empresa promotora”. En ditos informes indicábase que a empresa “respondeu ás alegacións presentadas, temos que indicar que a veciñanza que presentou alegacións en prazo non ten recibido ningunha resposta sobre as mesmas” e tampouco recibiron “comunicación de novos informes de resposta a informes sectoriais” polo que demandan da Xefatura Territorial de Minas de Coruña, encargada do trámite do expediente en curso, “que se fagan públicos e se poñan a disposición de todos aqueles que se persoaron ou se queiran persoar no procedemento en tanto non
recaia resolución definitiva, así como do traslado da resposta ás alegacións emitidas pola promotora”.

“As características e afectacións deste proxecto non poden ser secretas, debendo ademáis ser coñecidas en tempo para unha axeitada defensa dos interses dos cidadáns” declaran desde a Plataforma. Consideran ademais “fundamental que a Administración actúe, despois de máis de 20 anos de interposición de denuncias de xeito continuado, sobre estes problemas sen resposta”, pois segundo o comunicado da Plataforma as administracións están “acolléndose ó silencio administrativo para deixar caducar os procedementos”.

Neste caso apuntan “considérase que se está deixando á marxe e agardando a que o problema sexa maior para actuar e depurar responsabilidades, como ocorreu con outras catástrofes recentes”. A Administración “debe actuar cando coñece o problema, non cando o mal sexa irreversible”. Anuncian tamén que este será “o inicio de moitas outras queixas e peticións que serán dirixidas a todas as Administracións e forzas políticas” ata que “se atendan as demandas dos veciños e veciñas de Touro e O Pino”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta