O BNG inicia a precampaña para as municipais elixindo candidatos que non son "por dedazo"

O Consello Nacional confirma as listas das sete cidades e doutros 30 municipios e Ana Pontón destaca o "proxecto propio" dos nacionalistas en Pontevedra, pero non doutros concellos como Allariz, Tomiño ou Ribadeo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2018 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Consello Nacional do BNG ratificou este sábado, por unanimidade, as candidaturas das cidades para as eleccións municipais de maio de 2019. Neste contexto, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou que Galicia "se constrúe desde os concellos".

Ana Pontón (BNG) na reunión do Consello Nacional
Ana Pontón (BNG) na reunión do Consello Nacional | Fonte: Europa Press

Así, Iván Rivas foi confirmado como candidato á Alcaldía de Ferrol; a actual vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, para Santiago; e o exportavoz parlamentario do Bloque e excandidato a presidente da Xunta Francisco Jorquera, para A Coruña.

En Pontevedra, repetirá o actual rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, quen leva cinco lexislaturas á fronte do Concello; en Vigo, foi elixido como candidato esta semana Xabier Pérez Igrexas; en Lugo, liderará a lista Víctor Caamaño; mentres que, en Ourense, farao Luís Seara.

De igual modo, o máximo órgano da formación nacionalista ratificou tamén as candidaturas doutros 30 municipios, mentres que no resto farano "cara finais de ano", tal e como apuntou Pontón. Neste sentido, a portavoz nacional reivindicou que as cabezas de cartel se elixen no BNG "por unha decisión democrática e asemblearia, non por dedazo". "Quero agradecer a toda a militancia que participou no proceso por escoller a persoas que conxugan experiencia con renovación", proclamou.

"CON ILUSIÓN, COA MAN TENDIDA"

Ademais, Pontón manifestou que a formación preparará a cita coas urnas "con ilusión, coa man tendida" para ser "o catalizador do cambio político que necesita Galicia", xa que o Bloque é, nas súas palabras, unha organización "unida, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida dos galegos desde os concellos".

Mostra diso, tal e como proseguiu, é que Pontevedra, gobernada desde hai 19 anos polo nacionalista Fernández Lores, é "a única cidade que ten un proxecto claro" como "un referente internacional".

Todo iso "grazas a un modelo propio que mellorou a calidade de vida, reduciu a mortalidade, conquista os espazos públicos da cidadanía, aposta polo comercio local e pola nosa cultura e identidade", enxalzou Pontón, quen, a continuación, distanciou a Pontevedra doutras urbes como Ourense, "paralizada pola incapacidade de aprobar uns orzamentos", e Vigo, "con malgasto en luces e luces para tapar a falta de proxecto político".

UN PROXECTO "PROPIO"

"Os nosos gobernos municipais deixan claro que é importante ter un proxecto propio municipal (...), xa que os concellos son alicerces para vertebrar o noso país, mellorar a calidade de vida e alcanzar a rexeneración política", prosegue a portavoz nacional.

Para iso, o BNG presenta "candidaturas de alternativas propias" que apostan por "defender" a lingua e identidade galegas, que están "comprometidas" co público e "coa boa xestión dos fondos", así como coa "igualdade de xénero", a mellora "da calidade de vida dos veciños", a superación das cidades "como almacéns de coches" e unha "aposta polo laicismo".

"Temos moito traballo por facer. Temos claro que o BNG está á alza, que se vai a notar nas municipais e que para que isto pase temos que dar o mellor de nós mesmos. (...) Pido á militancia, tamén en nome da executiva, que afrontemos os retos con humildade, ilusión, cun sorriso nos beizos e con moita confianza no BNG", proclamou, finalmente, Pontón.

"DISCRIMINACIÓN" DE GALICIA

Durante a súa intervención, a líder dos nacionalistas galegos tamén aproveitou para criticar que o novo Executivo estatal de Pedro Sánchez "continúa a alternancia" de PP e PSOE "coa discriminación" de Galicia.

Respecto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esgrimiu que "está máis preocupado por ser o novo regadero de Pablo Casado que por defender os intereses dos galegos". "Merecémonos algo máis que ese espectáculo no que está convertida a política estatal. Todo é un 'bluf', unha gran mentira. Mentres nos teñen entretidos con másteres e curriculums, o certo é que a realidade do noso país é outra", censura.

Por iso, o Consello Nacional do Bloque insistiu na creación dunha "axenda galega para arranxar esta situación" que aposte por unha tarifa propia da luz, a transferencia das competencias sobre a AP-9 para "acabar coa estafa das peaxes", finalizar coa prórroga de Ence na ría de Pontevedra e demandar unha fiscalidade "xusta". "Todo isto serían 3.500 millóns máis" para os fondos públicos autonómicos, segundo cifra Pontón.

Sobre a recente aprobación no Congreso da exhumación dos restos de Francisco Franco do Val dos Caídos, a portavoz nacional do BNG dixo que lles parece "ben", pero que a política estatal "esquécese" de que en Galicia "hai que empezar" por devolver o Pazo de Meirás de Sada (A Coruña) a mans públicas, xa que actualmente é propiedade da familia do ditador.

RECORDO A BAUTISTA ÁLVAREZ

Ao comezo do seu discurso, Ana Pontón rememorou entre aplausos que hai un ano, o 16 de setembro de 2017, faleceu o histórico nacionalista e exmembro do Consello Nacional do BNG Bautista Álvarez.

"Quero lembrar con moito agarimo a unha persona que construíu o nacionalismo", afirmou, para despois engadir que a súa memoria "forma parte do patrimonio colectivo de Galiza" e a súa "paixón" por defender o país: "Entendía que a alternativa era o nacionalismo, e que o BNG era a mellor ferramenta para avanzar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

2 A Tahona

Houbo primarias en Ferrol ou a nai nomeou ó fillo ?

1 comunista independentista

Non fixeron primarias en ningures, todos os candidatos se escollen na mesa camilla dos coroneis da U.

1 casa waldo 650.000 euros

en Ourense a marea (Ourense-comunista) puxeron a un tipo e tirararon os outros 2, fixeron elección polos dedos do pce onde o cenáculo ouclto por 11 votos elexiron o "candido candidato" martiño de liebaniz o fixeron moi mal durante estes anos, foron autentica risa, primeiro votos do pepe e anulación de eleccions a candidato, agora pasou o que pasou... martiño de liebeniz PCE elexido polo cenáculo oculto de 11 ninguen mais votou... un-ha vergonza, a marea e o comunismo vestido de lagarterana... NON SE FIEN... do caserio non fien....

1 Coso

Canta rasón tes se te entendera.