Seica xa hai oposición

A última reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia permítelle aos grupos da oposición impór unha única comisión de investigación por cada lexislatura, malia estar en minoría fronte a maioría absoluta do PP. Trátase dunha única bala que cómpre usar do zeito máis acaído.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 16/09/2018

Comparte esta noticia
E teño para mín que En Marea, BNG e PSdeG, que decidiron rexistrar este luns a solicitude de activar automáticamente unha Comisión de investigación sobre os recortes sanitarios e a deterioración no servizo público xerado das dúas resultas, acertaron no contido, na forma e no tempo.
 
O contido da Comisión é un acerto, porque o servizo sanitario é a cerna do Estado do Benestar. O austericidio de Núñez Feijóo ten deteriorado moi gravemente a calidade da sanidade pública galega e as condicións de traballo dun persoal sanitario que tenta manter adoito coa súa profesionalidade e traballo o servizo. Unha deterioración que atinxe tanto a asistencia primaria como a hospitalaria e que se manifestou en incidentes da gravidade do falecemento dun usuario nun PAC d’A Estrada no que non había ningún sanitario ou as restricións  á dispensación de fármacos aos afectados pola hepatite C, que determinou a apertura de pescudas xudiciais por homicidios imprudentes.
 
O intre procesual é o axeitado. A lexislatura acadou a súa metade e a cidadanía quere albiscar que existe alternativa ao amargo cóctel  de dependentismo, continuismo e recurtes do Goberno de Núñez Feijóo. Velaí por qué tamén foi acaída a presentación, nunha inédita rolda de prensa ofrecida polos tres voceiros: Luis Villares,  Xaquín F. Leiceaga e Ana Pontón. Unha foto que transmite capacidade de cooperación, sensibilidade pola deterioración dos servizos públicos  e sentido de País.
 
Claro é que a esta iniciativa haberían seguer outras varias, nomeadamente unha estratexia común para frear o despoboamento e pór en valor o territorio, afirmar a lingua, a  cultura e o autogoberno e ofrecer unha política industrial e de promoción empresarial coordinada, atendendo  aos abusos centralistas das peaxes da AP9 e da tarifa eléctrica que sofrimos, xusto cando Naturgy ven de lle comunicar a 106 empresas do sector do automóbil galego que non lles poderá manter os actuais acordos de prezos enerxéticos, diante da pasividade da Xunta.
 
Ogallá isto  non fique en fume de pallas e poidamos dicir que xa hai oposición. 

Votación da comisión de Ou Marisquiño no Parlamento galego. Europa Press
Votación da comisión de Ou Marisquiño no Parlamento galego. Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.