Laura, Carrie e a casiña da pradeira

Nesta quinta entrega de 'Viaxes sen Lee', o explorador emocional Gabriel Rei-Doval revisita a infancia da Casiña da pradeira con Laura e Carrie.

Por Gabriel Rei-Doval | De Smet (South Dakota, USA) | 17/09/2018 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A visita á casiña da pradeira é parada obrigada cando se explora Dakota do Sur desde o campamento base de Brookings. Para min foi todo un flashback emocional á infancia mugardesa reencontrarme co universo de Laura e Carrie Ingalls. Camiño de De Smet pola Highway 14, acordáronme aqueles marabillosos anos en que avoa Teresa chamaba con urxencia frenética por miña nai (“Teresiiitaa, a pradeeeera!”) mentres comezaba a serie favorita das mulleres da miña familia. Na enseada do Baño, tamén mamá abandonaba dilixente os labores domésticos na cociña tralo xantar dominical para seguir case sen pestanexar as andanzas dos Ingalls enfronte do Phillips en branco e negro de canal único. A entrega era total para deleitarse coa vida empática, sinxela e pracenteira daquela familia unida que tiña como principal problema as rexoubas e envexas dunha malévola e lianta Señora Oleson. Un pasado rescrito en clave setenteira para describi-la vida de finais do XIX alén do Atlántico. A clave quizais estaba no reivindicado locus amoenus do mundo rural que na Galicia postfranquista estaba xa medio esfarelado. O noso país, que nunca reivindicou abondo a tenrura das Memorias dun neno labrego, rendíase ó relato preto e lonxe de Laura Ingalls. Como esquecer Michael Landon urxindo Laura e Carrie a acabar de vestirse e Karen Grassle dándolles compracente cinco centavos para faceren a compra na vila.

Na primeira escola de Laura e Carrie, en De Smet.
Na primeira escola de Laura e Carrie, en De Smet.

Ingalls Homestead decepcionará quizais aqueles que acudan procurando as paisaxes e outeiros californianos que nos 70 deron vida televisiva ós oito libros de Laura Ingalls. En realidade, a historia comezou en Wisconsin (como non!), na vila de Pepin, situada á beira do Misisipi. Mais a teima do Ingalls Homestead fixo posible esta (de)construción do mundo pioneiro da colonización do oeste, procurando que os pícaros gocen dunha reprodución fiel da vida rural na Dakota do Sur de 1870.

A familia Ingalls era de espírito aventureiro e menos sedentario do que podería parecer. Por iso o seu periplo acabou estendéndose por cinco estados do medio-oeste e chairas estadounidenses. Cando o patriarca Charles se instalou no centro de De Smet SD, Laura e Carrie asistiron á primeira escola, vocación educativa que Laura adoptaría como profesión ata o seu casamento e conseguinte dedicación a labores familiares.

Mais a historia non é nin tan rosa nin de lazos dourados como a coñecemos pola meliflua versión acaliforniada de Michael Landon e compaña. En The Long Winter Laura cóntano-la dureza invernal de 1880 en Dakota do Sur, con trens soterrados pola neve e Carrie e Laura pechadas na casa sen poderen ir á escola durante meses.  

A casiña da pradeira volveu á controversia este ano cando a Laura Ingalls Wilder Medal foi renomeada Children’s Literature Legacy Award, tralas acusacións de racismo cara ós afro e nativoamericanos da literatura de Laura, Carrie e o seu mundo. É o que ten reinterpreta-lo pasado desde os patróns do presente nun país xurdido do espolio e exterminio dos indios e maila escravización dunha poboación negra aínda marxinada.

Na casiña da pradeira, en Ingalls Homestead
Na casiña da pradeira, en Ingalls Homestead

Os roles familiares e de xénero da época de Laura e Carrie Ingalls tampouco eran tan idílicos como os pintan as recreacións televisivas contemporáneas. A vida, sempre chea de luces e sombras, seguramente era tan pouco ideal coma a que hoxe teñen en Pittsburgh Rob e Jodi. Porque a mente humana sempre precisou disciplina para lidar coas ofensivas da vida desatenta e porque todo cambia permanentemente tanto coma a canción de Julio Numhauser

Mais dor e amor son emocións xemelgas, intemporais, eternas; as dúas axudan a facernos máis humanos, fortes e resilientes. O sufrimento e a curación entre unha e outro son inevitables. Nin Laura nin Carrie viviron sempre na casiña da pradeira, nin as nosas vidas serán sempre golden years. Se cadra son os camiños da vida, desa vida adulta que nunca esquece os condicionamentos dunha non sempre dourada infancia en Dakota do Sur, en Galicia, xalundes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA