A Xunta pídelle agora a Sánchez o que antes non lle pedía a Rajoy

Rueda pídelle ao Goberno central que transfira canto antes a AP-9 e tamén que colabore para desbloquear o colapso da xustiza. Volve cargar contra Caballero a conta do accidente do Marisquiño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas, Alfonso Rueda, aproveita a falta de compromiso do goberno de Rajoy coa transferencia da AP-9 para pasarlle agora ese "morto" ao goberno do PSOE. Así, alertou das dúbidas existentes sobre o cumprimento por parte do Ministerio de Fomento de compromisos adquiridos sobre autoestradas galegas e puxo en cuestión a "coherencia" do PSOE sobre a transferencia da AP-9, ante a ausencia de respostas do Goberno.

Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande
Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

"As noticias que veñen de Fomento no que se refire ás autoestradas non son nada tranquilizadoras. Da liberalización da peaxe de Rande, que estaba practicamente pechada con Rajoy, non nos din nada. Agora din que a alternativa que se ía a facer ao colapsado e perigoso tramo Vigo-Porriño --en referencia á A-55--, tamén se aparca", censurou, en entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press.

Unha situación que enlazou coa falta de respostas sobre o "necesario" traspaso da titularidade da AP-9 á Xunta. Nun contexto marcado polos cambios na propiedade da AP-9 e a anunciada subida de peaxes, o traspaso melloraría, sostén Rueda, "a xestión do día a día".

Por este motivo, urxiu a que se convoque a comisión da AP-9 "canto antes" para abordar unha reclamación que demostrará se o PSOE, que na oposición apoiaba esta transferencia, "é coherente".

RECLAMA "COLABORACIÓN" AO GOBERNO PARA SUPERAR O COLAPSO EN XUSTIZA

Alfonso Rueda, en entrevista na Radio Galega. RADIO GALEGA
Alfonso Rueda, en entrevista na Radio Galega. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

O vicepresidente da Xunta de Galicia tamén dirixiu as súas reclamacións ao Goberno en materia de xustiza, ante a necesidade de superar o colapso que xerou unha folga de case tres meses. Tras explicar que o goberno autonómico xa investiu preto de "100.000 euros" para resolver o "primeiro atasco" nos rexistros, avanzou que o "custo será importante".

Preto de "1.600 funcionarios" anotáronse xa para reforzar o traballo con horas extras abonadas pola Xunta polas tardes, pero lembrou que aos "xuíces, fiscais, secretarios xudiciais non lles pode pagar a Xunta" porque "ten que facelo o Ministerio".

Así, na reunión que manterá este martes co secretario xeral de Xustiza solicitaralle "implicación" e "colaboración". "Espero que non haxa ningún problema, o anterior Goberno dixo que non ía habelo. O que lle corresponda á Xunta ímolo a pagar, espero que o Ministerio faga o mesmo", suxeriu.

TESE DOUTORAL DE SÁNCHEZ

Na entrevista concedida este domingo, Rueda tamén foi cuestionado pola polémica ao redor da tese doutoral do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do máster do líder do PP, Pablo Casado. Tras afirmar que percibe a polémica sobre o título de Sánchez con "perplexidade", engadiu que confía en que en "todo isto, que non lle fai ningún favor á credibilidade da política en xeral", "o que haxa que aclarar aclárese canto antes", e lamentou que "isto poida estar a desviar a atención de temas sobre os que os gobernos teñen que estar atentos, porque son os que lle interesan á xente".

Iso si, quixo diferenciar este caso do de Pablo Casado, matizando que o líder do PP "sempre dixo o mesmo" pero o presidente do Goberno "foi cambiando" as súas explicacións. Ademais, non ten dúbidas de que Casado "se di que fixo as cousas ben é certo" e que, a pesar de apuntar que será a Xustiza a que decidirá sobre o caso, sostén que "ao final se verá que en todo o que dicía Casado ten razón".

"É unha hipótese que non me expoño", replicou ante a pregunta sobre unha posible dimisión do presidente do PP por esta cuestión.

REMODELACIÓN DA XUNTA, "MEDITADA" E DESDE A "TRANQUILIDADE"

A menos dun ano das próximas eleccións municipais, o PP iniciou en Galicia a presentación e ratificación dos seus candidatos, comezando polas sete principais cidades, pero coa vista posta nunha previsible remodelación da Xunta, derivada da saída dos conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e de Medio Ambiente, Beatriz Mato, como cabezas de lista en Ferrol e A Coruña.

Aínda que rexeitou fixar datas para a denominada "crise de goberno" e deixou a decisión en mans do presidente da Xunta, insistiu en que será "un cambio como o doutras veces: meditado, tentando acertar e desde a tranquilidade dun goberno que como ten estabilidade para gobernar, cando se producen cambios non se traducen nunha crise nin nun alboroto" como en "outros gobernos".

"Na cabeza do presidente o que quere é acertar para o día a día do goberno e creo que vai facer o mesmo. Se fixese cambios noutra clave probablemente equivocaríase e até agora creo que non se equivocou", remarcou. En todo caso, uns cambios de goberno da Xunta vinculados a unhas eleccións municipais nas que o PP aspira a recuperar alcaldías perdidas en 2015 por "uns poucos votos", a manter as actuais e a obter Deputacións como a de Pontevedra, lastrada por "falta de xestión e moita propaganda".

A nivel estatal Rueda confía en que o traballo realizado por Casado, ao que apoiara nas primarias do PP, permita confirmar todos os candidatos cara a outubro. Minimizou ademais as repercusións da marcha de Soraya Sáenz de Santamaría, limitando a súa decisión ao ámbito persoal. "Non foi nada traumático, nin Soraya abandonou o partido tentando facer nada raro", concluíu.

UN ABEL CABALLERO "AMEAZADO" ANTE A INVESTIGACIÓN DO MARISQUIÑO

Rueda tamén foi cuestionado sobre o impulso por parte da oposición -En Marea, PsdeG e BNG-- dunha comisión de investigación no Parlamento sobre a sanidade, a posta en marcha doutra relativa ao accidente do Marisquiño e do anuncio realizado polo alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, de abrir outra no ámbito local sobre a relación entre Alberto Núñez Feijóo e o contrabandista Marcial Dorado.

Remarcando que a comisión sobre O Marisquiño "non a pediu o PP" senón os "socios" do propio PSOE, sinalou que o ámbito para creala sería o Concello de Vigo, liderado por un Abel Caballero que cre que responde anunciando cunha investigación sobre Feijóo ao sentirse "ameazado" polas repercusións do accidente do Marisquiño.

"Denota moito medo de Caballero a que se investigue a súa responsabilidade no Marisquiño e non demostra ningún medo pola nosa banda a ningunha reacción", proseguiu Rueda, para quen "é moi difícil tomar en serio a Abel Caballero".

Unha falta de investigación en Vigo do Marisquiño que contrastou coa comisión que a oposición impulsa no Parlamento sobre sanidade, nun reflexo da "transparencia" da Xunta fronte á "opacidade en Vigo".

"O goberno de Vigo négase a que se investigue un accidente no que houbo 480 feridos" pero no Parlamento de Galicia investigarase "a sanidade responsable de atender a eses feridos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 hastio

3 millons de euros e o que aforro a xunta coa folga da xustiza e agora di que vai gastar cen mil...pagando 16 miseras horas por funcionario ao mes. O negocio e pra jefes que non perderon un peso e agora coa nestimable axuda da xunta pretenden lucrarse.... e igual nin funcionarios nin xefes estan pola labor; pura propàganda

1 EXPAÑA: PICARESCA

RUEDA e o momento de dimitir o xefe de sala do 112, contodas as que levas feito, que foron ruina do seitor da seguridade publica, con todas as derramas da tua época onde a traxedia asolu un-ha e outra vez a nazon galega, non sodes capaces nin de ter un-ha policía nacional galega, que vergonza panda de inutis e de incopetentes pepeiros, arrastrados a expaña... e o momento de irse, e tanto manster e demais titulitis da universidade "podre juanete primeiro" e o outro que ... o teu xefe indo de "farra" con narcotraficantes en iates de luxo... festas e festas verdade... sodes os pepeiros autentica mafia, autenticos malandros!!! autentica escoura social