Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2018 | Actualizada ás 09:30
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusou a Pedro Sánchez de "esconder" a súa tese doutoral desde o ano 2012, a pesar de que "xa lla pediron en reiteradas ocasións". Con todo, evitou falar do traballo fin de master do seu presidente, Pablo Casado, que está sendo investigado pola xustiza.
En entrevista concedida a Radio Nacional de España na súa delegación en Galicia, recollida por Europa Press, afirmou que "as dúbidas sobre a tese doutoral de Pedro Sánchez foron sementadas por membros do propio Partido Socialista cando se enfrontaba a Susana Díaz nas primarias, non foi o PP".
Tras asegurar que Pedro Sánchez é "vítima da exemplaridade que lle esixiu aos demais", suxeriu que o seu caso é "distinto do de Pablo Casado", ao entender que "non é o mesmo o plaxio dunha tese doutoral que a convalidación de determinado número de créditos na execución dun máster".
Ademais, comparou o caso de Casado, sobre o que un xulgado determinará "se hai caso ou non" e que "mostrou o seu expediente" co dun Pedro Sánchez que "leva escondendo a súa tese desde 2012" e que "ameazou aos medios de comunicación", ademais de "estar a facer dano á universidade". "Pedro Sánchez ten que dar explicacións e apostar pola transparencia", remarcou.
"O GOBERNO DE SÁNCHEZ É UNHA AMEAZA PARA A NOSA ECONOMÍA"
Tellado ve ademais a Sánchez á fronte dun goberno que supón unha "ameaza" para a economía galega: "tratou de frear a chegada da AVE", "quérelle sisar 200 millóns de euros a Galicia" da recadación do IVE, o seu modelo de transición enerxética "pode pór en perigo" as centrais térmicas de Meirama e As Pontes e creou "unha crise" co vehículo diésel.
Ante esto, mostrouse tallante ao asegurar que é "un Goberno que non fixo absolutamente nada para Galicia, que se dedica á improvisación e que acerta cando rectifica".Na mesma liña, Tellado referiuse á controversia xerada ao redor da venda de bombas españolas a Arabia Saudita e do contrato para a construción de cinco corvetas por parte de Navantia.
O secretario xeral dos socialistas sostén que "hai moita hipocresía", aludindo a que "tamén a corveta é unha arma de guerra", pero remarcando que "o contrato é fundamental para o naval público de España". "Cando se pon en risco o futuro do naval en España ponse en risco o futuro do naval en Ferrol", engadiu.
Nesta conxuntura, enlazou as súas críticas ao executivo de Sánchez coas que o PP formulou, no seu momento, ao de Zapatero: "Criticamos a José Luís Rodríguez Zapatero porque non conseguiu contratos en cinco anos, pero Pedro Sánchez foi peor, case perde os que conseguise o PP". "Este Goberno é unha ameaza para o noso sector naval", agregou.
ABEL CABALLERO
Na entrevista deste domingo, Miguel Tellado tamén foi cuestionado polas críticas do rexedor de Vigo, Abel Caballero, á comisión de investigación do Marisquiño no Parlamento de Galicia.
"O señor Abel Caballero está nervioso e debería dar explicacións e non quere dalas, ao final tivo que ser o Parlamento de Galicia o que inicie investigación porque non a quixo no Concello", interpretou, tras reiterar que foi solicitada polos "socios naturais do PSOE".
Tellado puxo en dúbida as explicacións do Concello apuntando a que a autoridade portuaria de Vigo e a administración local subscribiron un "convenio nos 90 que zona portuaria pasaba a depender, en canto a mantemento e conservación do Concello".
"Abel Caballero elude as súas responsabilidades e trata de esconderse en confrontación permanente con outras administracións, especialmente, coa Xunta de Galicia", acusou, para concluír ironizando que "necesita moitas luces de Nadal para esconder a súa incompetencia, a súa arrogancia e evitar dar explicacións, unha arrogancia permanente supón pór en perigo aos veciños de Vigo, vímolo na contaminación da auga e vémolo agora no caso de O Marisquiño".
NEGA QUE ENTRE COMO CONSELLEIRO
Ante a previsible remodelación do goberno da Xunta pola posible saída dos conselleiros de Política Territorial e Medio Ambiente para presentarse como candidatos ás municipais en Ferrol e A Coruña, Tellado limitouse a sinalar que se trata dunha "competencia exclusivísima do presidente da Xunta".
No que si foi contundente foi en negar que vaia a entrar no goberno autonómico como conselleiro, para cumprir coa "cota Ferrol": "Non hai cotas, estou ocupado e preocupado da xestión do PP de Galicia que me ocupa toda a xornada (...), eu convídolle a que as quinielas as faga noutra dirección".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.