1998: cando o nacionalismo galego contaba en Madrid e en Europa e Galicia era a terceira nación do estado

Este ano foi o 20 aniversario da Declaración de Barcelona. Galicia Confidencial fala con tres actores importantes da dirección do BNG daquel 1998. Francisco Jorquera, Encarna Otero e Mario López Rico coinciden na importancia que este documento subscrito por BNG, CiU e PNV tivo para o recoñecemento plurinacional dentro do Estado. Pero 20 anos depois a situación ten mudado radicalmente.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 16 de xullo de 1998 os principais líderes nacionalista do Estado; Xabier Arzalluz (PNV), Pere Esteve (CDC), Josep Antoni Duran (UDC) e Xosé Manuel Beiras (BNG) asinaban na capital catalana a Declaración de Barcelona. Era un manifesto para defender os dereitos nacionais das nacións sen estado na política española e tamén europea.

Josep A. Durán, Xabier Arzalluz, Pere Esteve y Xose Manuel Beiras asinan a Declaración de Barcelona en 1998 / http://ianasagasti.blogs.com
Josep A. Durán, Xabier Arzalluz, Pere Esteve y Xose Manuel Beiras asinan a Declaración de Barcelona en 1998 / http://ianasagasti.blogs.com

Era un momento no que o nacionalismo catalán, vasco e galego estaba no seu máximo esplendor. Era o primeiro goberno de Aznar, que se tivera que valer dos apoios de cataláns e vascos para sacar adiante orzamentos e proxectos lexislativos. “Yo hablo catalán en la intimidad”, chegou a dicir quen logo encarnaría o perfil máis reaccionario dentro do Partido Popular.

A declaración tivo  a súa continuación en setembro en Bilbao e en outubro en Santiago de Compostela e estaba inspirada noutras iniciativas similares como a Tripla Alianza de 1923 ou a Galeuzca de 1933, nos inicios da Segunda República Española. 

RECOÑECEMENTO DAS REALIDADES NACIONAIS

“Ao cabo de vinte anos de democracia continúa sen resolverse a articulación do Estado español como plurinacional. Durante este período padecemos unha falta de recoñecemento xurídico-político e mesmo de asunción social e cultural das nosas respectivas realidades nacionais no ámbito do Estado”, recollía o documento. Por iso, pedíase o recoñecemento explícito das realidades nacionais do tres territorios e mecanismos para avancar cara a autodeterminación.

Un acto de CiU, PNV e BNG nos mellores tempos do Galeusca
Un acto de CiU, PNV e BNG nos mellores tempos do Galeusca

As tres forzas nacionalistas asinantes consideraban que o Estado das Autonomías estaba esgotado, sen avances nos estatutos, nin na propia Constitución e sen pasos cara ao carácter plurinacional do Estado. Por iso, acordaban “facer un chamamento á sociedade española para compartir e dialogar acerca dunha nova cultura política acorde con esa comprensión do Estado e promover unha concienciación colectiva que reforce a idea da súa plurinacionalidade”.

Encarna Otero, histórica dirixente do BNG e que daquela estaba na súa dirección e foi unha das muñidoras na sombra do acordo, lembra en declaracións a GC que o obxectivo era, desde  realidades nacionais diferentes, “elaborar unha alternativa para tentar negociar co Estado e no marco europeo un novo modelo pluranacional”. “Era un paso cara á democratización da vida política dentro da pluranacionalidade e un novo diálogo entre as tres nacionalidades para dar un paso adiante cara a autodeterminación e facelo conxuntamente para abordalo directamente co Estado”, engade.

Así, lembra que foron anos “importantes e positivos” e que se avanzou democráticamen “moito”. “Era algo novo para todos nós. Eramos formacións diferentes pero dialogamos, falamos e consensuamos como avanzar na conquista de dereitos políticos e individuais. Non só se trataba de ir cara a plurinacionalidade e a autodeterminación senón senón acadar dereitos económicos e das persoas”, engade.

GALICIA CONTA EN EUROPA

Destaca o importante traballo de Beiras e tamén apunta que a labor en Europa foi “intensa”. Alí estaba Camilo Nogueira, o primeiro eurodeputado que tivo o BNG. Estaba en grupos moi diferentes, “e case opostos”, aos de CiU ou PNV, pero en Bruxelas tamén houbo un trababallo conxunto en prol deses dereitos plurinacionais do Estado español. Ademais, todo ese traballo completouse en Galicia coa elaboración dun documento que era un anteproxecto de estatuto  nun grupo no que traballaron case cen persoas.

Francisco Jorquera, entón tamén membro da dirección do BNG, suliña que a Declaración de Barcelona foi unha iniciativa “moi positiva” e os puntos nos que avanzaron as forzas políticas asinantes, “segue aínda vixente e foi moi premoritorio do que agora está pasando”.  En todo caso, o agora candidato nacionalista na Coruña destaca que a sinatura dese documento supuxo romper cunha dialéctica na que as dinámicas nacionais só atinxían a Cataluña e Euskadi. “Entón conseguimos poñer a Galiza no centro do foco e que a cidadanía galega tamén percibira que contabamos no Estado”, indicou.

Ademais, Galicia tamén pasaba a contar no Estado, di Jorquera, porque o diálogo co Goberno central xa non era só cousa do PNV ou CiU, senón tamén do BNG.  E dentro dese diálogo, os tres actores nacionalistas coincidían en que o Estado das Autonomías “era un sistema esgotado e que había que evolucionar para abrir unha segunda transición para que servise para o recoñecemento pleno das nacións sen estado”.

Tamén Mario López Rico, entón membro da dirección do BNG e hoxe en En Marea, lembra que entón o BNG era a forza maioritaría da esquerda en Galicia e que, co acordo con CiU e PNV,  fixo valer a súa voz como a terceira nación sen estado. “Foron momentos nos que o nacionalismo galego camiñaba unido, era forte, e podía competir de igual a igual co resto dos nacionalistas do estado”, apunta.

E LOGO DE 20 ANOS...

Pasaron xa 20 anos desde aquela declaración e o panorama político mudou completamente.  Cataluña avanza en solitario cara a un proceso de autodeterminación, o nacionalismo de esquerdas e dereitas en Euskadi vai en aumento e segue mantendo o poder, mentres que en  Galicia a situación é completamente a oposta, cun BNG que se dividiu en anacos e un nacionalismo no seu momento máis débil.

“Desde que PP gañou en Galicia no 2009, Galicia desapareceu do mapa estatal completamente. Non interesaba para nada e Galicia é un medio para que Feijóo faga política no estado. E aí estamos sen avanzar”, indica Encarna Otero que denuncia que hai unha degradación da economía e da política nunca vistas ata agora. Por iso, anima ás forzas políticas da oposición a marchar xuntas e facre unha fronte común. “Algo como o que fixeron a pasada smeana coa comisión de investigación da sanidade”, engade.

López Rico asegura que 20 anos depois o contexto é completamente diferente porque en Euskadi a forza nacionalista dominante xa non é o PNV porque compite con Bildu e porque Cataluña está noutro proceso diferente “cara á independencia”. “O caso de Galicia foi a implosión do BNG que non soubo adaptase aos novos tempos”, di tras a división dentro do nacionalismo.  “Hoxe o BNG está conxelado e En Marea está nun proceso de reconfiguración”, engade para indicar a ausencia de Galicia na política estatal. 

Con todo, non perde a experiencia. Pódese reeditar algún acordo entre as tres nacións sen estado no futuro?. “Por suposto. Para acadar unha República confederal e romper co réxime do 78 ten que haber un recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e se a parte española non se dá conta disto pois o lóxico pois teremos que facelo nós cun recoñecemento mútuo das nosas nacións”.

VOLVER A TENTALO

Tamén Jorquera cre que o Estado autonómico está esgotado por un proceso de “centralización brutal cunha aplicación completamente restritiva da Constitución”. “Hoxe segue tendo vixencia ese pacto –Declaración de Barcelona-- pero teño as miñas dúbidas se outro estado construído sobre o recoñecemento das realidades nacionais sería viable polas respostas andimecoráticas e violentas que se están dando hoxe”, indica en alusión ao caso catalán.

“A corda rompe polo lado máis flebe porque toda a centralización se impuxo de xeito unilateral. Iso vese en todo o ámbito mediatico español e no caso galego cunha conciencia nacional feble. E, polo tanto somos moito máis vulnerables”, engade. Tamén explica que a situación hoxe está moito máis difícil porque “non se construíu país” en Galicia e ademais o movemento nacionalista “está fragmentado”. 

Con todo, o BNG aspira a reeditar nun futuro ese pacto pero dun xeito diferente. “En Cataluña, con ERC e Bildu en Euskadi. Os actores non teñen porque coincidir porque hai que adaptarse á realidade actual con propostas diferentes”, indica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

9 Iris

As decisions son sempre da UPG

8 Iris

A dirección organizativa interna e a da liña política tanto tactica como estratexica e sempre da UPG. Cando interesou dabaselle, unha imposible na práctica, capacidade de decisión e de facer a certos persoeiros -encontro Beiras Fraga por exemplo- para non cargar co desgaste das decisions. Así foi e será

7 lamentable.

Polo visto nos comentarios o futuro é moi esperanzador... Galicia xa non existe nin como rexión... inda máis como nación...!!!! Hai un responsable evidente pola acción pero outros moitos pola inacción e a obsesión polas liortas.... nada vale nin cando se estaba no goberno nin cando na oposición, .... así non se constrúe nada e menos un país... pero o peor de todo é que as novas xeracións xa non teñen referencias e prefiren marchar fora co que eso conleva... todo vai moi depresa... quédannos 20 anos como moito....

6 unmais

o BNG, obviamente a non ter xefes en -Madrid, defendeu e defende moito mais o pais que os ninguens das mareas, dito isto o seu caracter comunista-sectario fai que poña temas ideoloxicos absurdos por cima da defesa dos intereses do pais e do seu tecido produtivo e as suas empresas, porque si amigos da esquedalla, as veces os intereses economicos dun pais non teñen nada a ver con esquerdas e dereitas, vexase o tema de privilexiar a Navantia de Cadiz na construccion de barcos porque ali manda Podemos. Com o non se construa cedo unha alternativa nacional interclasista que defenda ao pais tipo PNV imos cada vez peor. Eu de momento son un independentista que non teño a quen votar, debo recoñecer que os do bloque son os mais coherentes pero o seu caracter estalisnista fai deles un grupo nefasto

1 arredista

Que o BNG non ten xefes en Madrid? Entón os propietarios dos bancos españois cos que está tan empufado, que son?

2 José

Pois concordo "unmais". O bng debe escoller entre gobernar ou protestar, moderarse e seducir ou radicalizarse e alimentar as marxes, favorecendo o goberno do PP. O que acontece é que o BNG está así cómodo: un día ponlle unha vela a Marx e o seguinte a Fenosa, e asi péchalle o camiño ao independentismo de esquerdas e ao galeguismo moderado, chupa de aqui e de acolá, amamanta aos seus fillos e Galoiza nunca será unha preocupación de estado. Así de claro.

5 Loisc

O BNG conxelado di López Rico? Pode ser, non o comparto mais non deixa de ser unha opinión respetábel. Hai moito máis movemento na Marea, pero non quero eses movementos no partido ao que voto. Di que o BNG non soubo adaptarse... Aí xa non estou nada de acordo. Adaptouse a Marea? Nacionalistas con españois autonomistas unionistas (con todo o meu respeto) non se adaptan nunca no estratéxico. Poden coincidir no táctico ou operacional pero os destinos son incompatibles. Para saber o traballo que fan os deputados da Marea en Madrid ... Son 5... alguén conoce a 2 ?? O estar diluidos en Podemos fainos menos visibles que Compromís. Conozo e vexo máis a Baldoví que aos 5 da Marea xuntos.