Xunta e Federación de Persoas Xordas comprométense a apoiar o recoñecemento da lingua de signos galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a Galicia Confidencial que definirá "accións concretas que favorezan o desenvolvemento e coñecemento da lingua de signos galega". A FAXPG argúe que esa non é a súa misión ou responsabilidade, pero matiza que "apoiaría de forma activa unha lingua de signos galega sempre e cando estivese documentada a súa gramática e léxico coa forza suficiente para erixirse como unha lingua".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O español e o catalán son os únicos idiomas recoñecidos oficialmente no Estado español no sistema de linguas de signos. Un recente estudo de investigadores da Universidade e da Asociación de Xordos de Vigo sinala a Federación de Asociacións de Persoas Xordas e a Xunta de Galicia como responsables directas da falta de recoñecemento da lingua de signos galega. Agora, en resposta a esta denuncia publicada en Galicia Confidencial, a FAXPG e o Goberno galego aseguran a este xornal que apoiarán iniciativas que fomenten o seu recoñecemento oficial.

Himno galego en lingua de signos
Himno galego en lingua de signos | Fonte: Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra.

Nunha concisa resposta a este xornal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixida por Román Rodríguez, asegura que para este departamento é "importante a existencia dunha lingua de signos galega", polo que avanzan que manterán "contactos coa Asociación Insituto de Estudos e Investigación da Lingua de Signos".

Cultura anuncia, ademais, que "nun prazo breve de tempo se definirán accións concretas que favorezan o desenvolvemento e coñecemento da lingua de signos galega". Até aí a resposta da Xunta.

O estudo, crítico co papel da Xunta e da Federación de Asociacións Persoas Xordas de Galicia, asegura que "non se apreza [no Goberno galego] un interese por reivindicar que as accións nesta materia se estendan máis aló da lingua galega oral, para protexer tamén á lingua de signos (galega ou española) usada no territorio". Isto, din, "supón derivar esta responsabilidade unicamente no CNLSE [Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española]". 

Carmen Cabeza Pereiro e Francisco Eijo Santos —autores do estudo— recordan que "o modelo lingüístico recoñecido na Constitución Española e nos estatutos de autonomía baséase no principio de territorialidade". É dicir, as comunidades autónomas teñen tamén a potestade de recoñecer linguas de signos propias dos respectivos territorios. 

A FAXPG ELUDE RESPONSABILIDADES

Nun ton máis crítico con este estudo, desde a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia critican que o estudo e a información publicada non son "de todo exactas". "Reiteramos as palabras do noso presidente, Iker Sertucha, citadas textualmente do estudo que motiva o artigo: «O presidente manifesta non ter opinión en contra dunha posible lingua de signos galega (LSG), e desde a FAXPG a apoiaría en caso de que estudos de invertigación documentaran ben a súa gramática e o seu léxico»", responden.

Segundo os autores do estudo, tras entrevistarse con Sertucha, a postura oficial da FAXPG —a entidade que conta con máis poder de representación entre a comunidade xorda galega— é "pouco favorable a intervir activamente no recoñecemento dunha lingua de signos galega e a elaborar un corpus desa lingua".

No artigo tamén se critica que "para a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia non está entre as súas prioridades a reivindicación dunha lingua de signos galega", afirmación coa que a federación "non está de acordo", xa que aínda que recoñecen que actualmente non teñen un papel activo na procura dunha lingua de signos galega, alegan a este xornal que esa non é a súa misión ou responsabilidade, e destacan que non poñen "impedimento ningún para que esta lingua poida existir ou recoñecerse". 

A federación argúe agora a este xornal que "ao non dispoñer dunha base sólida que sustente a existencia dunha lingua de signos galega, pois as dúas publicacións sobre o tema referidas no estudo proveñen dun particular que non documenta de forma concluínte unha lingua de signos propia de Galicia".

A FAXPG tamén sostén que "non pode abordar neste momento a defensa dunha lingua de signos galega". Argumento que defende no feito de que, din, "non somos unha entidade adicada á investigación e documentación lingüistica, senón que o noso cometido é a prestación de servizos para as persoas xordas de Galicia, como reflicte a nosa misión: alcanzar o desenvolvemento integral das persoas xordas de Galicia, en condicións de accesibilidade universal, preservando a Lingua de Signos Española (LSE) como o noso valor principal". 

Con todo, aseguran a Galicia Confidencial que xa "durante o goberno do bipartito (PSOE-BNG) na Xunta de Galicia, se fixo un intento de reflexión sobre a LSG no que participou a FAXPG e no que non se acadou a posibilidade de demostrar e recoñecer a existencia dunha Lingua de Signos Galega, senón simplemente variedades dialectais que non obteñen o rango de lingua".

Os representantes da FAXPG tamén aducen que "o proceso para o recoñecemento dunha lingua supón un investimento de horas de traballo e investigación avaladas por profesionais e de recursos humanos e materiais amplos que a dia de hoxe, e despois dun intento fallido no seu momento, a FAXPG non ten capacidade para asumir".

A federación tamén quere "aclarar" que cando di que a oficialidade da lingua de signos galega "non é unha prioridade" para esta, dío "precisamente polos motivos xa explicados e que van en liña coa comunidade xorda á que representamos, e na que, como novamente xa se indica no estudo, a defensa do recoñecemento dunha lingua de signos galega é unha iniciativa dun sector minoritario".

APOSTA FIRME POLA LINGUA DE SIGNOS ESPAÑOLA POR "PRAGMATISMO"

As prioridades actuais da FAXPG, segundo explican a Galicia Confidencial, pasan polo cumprimento da súa misión e a prestación de servizos da vida diaria para as persoas xordas cos recursos, "limitados", dos que dispoñen como entidade social.

Neste sentido, coinciden coa conclusión do estudo, onde se di que “a elección en favor da lingua de signos española como lingua da comunidade xorda galega pode sustentarse nun argumento de pragmatismo. En ausencia dunha base social sólida que reivindique o valor simbólico do elemento galego propio na variedade lingüistica utilizada polas persoas xordas que viven en Galicia, se suman forzas nunha causa común de carácter estatal, o cal contribúe a visibilizar a lingua de si como lingua de signos española referencia das persoas xordas de tódolos territorios, excluida Cataluña”.

Finalmente, a FAXPG asegura que "apoiaría de forma activa unha lingua de signos galega sempre e cando estivese documentada a súa gramática e léxico coa forza suficiente para erixirse como unha lingua e non como unha variedade dialectal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta