A familia propicia un acordo para que un pontevedrés que matou o seu irmán sexa condenado a dous anos

Tras unha discusión nunha leira, acusado disparoulle coa arma, a pouca distancia, nunha perna, e desgarroulle a arteria femoral, polo que a vítima faleceu desangrada en poucos minutos, debido a un shock hipovolémico.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 17/09/2018 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Un acordo entre as partes deixou en dous anos de prisión a pena para Santiago Gómez, un veciño da parroquia de Guillán, en Vilagarcía (Pontevedra), que matou o seu irmán dun disparo de escopeta en setembro de 2012.

Garda Civil
Garda Civil

Este acordo evitou a repetición do xuízo con xurado que fora sinalado para este luns na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. O avogado da defensa, Faustino Seoane, declarou que con este acordo "pechouse un capítulo que foi moi doloroso para todas as familias", un pacto no que "leva traballando bastante intensamente durante os últimos tempos, mesmo con coñecemento da Fiscalía".

En virtude deste acordo, o acusado aceptou unha condena de dous anos de prisión por homicidio por imprudencia en concurso con outro de lesións dolosas, con indemnizacións de 180.000 euros para a viúva e 18.000 para cada unha das fillas. O home xa estivo máis de dous anos en prisión preventiva por estes feitos, polo que se prevé que non entre no cárcere.

REPETICIÓN DO XUÍZO

Santiago Gómez foi xulgado en 2014, pero o Tribunal Supremo ordenou a repetición do xuízo ao apreciar contradicións no veredicto do xurado popular. O seu avogado indicou que a condena queda practicamente nos mesmos termos da primeira ocasión, celebrada fai catro anos.

Para ela, aplicáronse as atenuantes de dilacións extraordinarias (porque houbo un parón do procedemento e mesmo unha retroacción de actuacións que non foi imputable ao acusado), ademais das de confesión e reparación do dano, xa que o condenado está a abonar as indemnizacións.

"Houbo que limar moitas diferenzas e, loxicamente, houbo que pasar páxina pola dor que houbo durante todo ese tempo pero foi un acordo eu creo que beneficioso para todas as partes", apuntou Faustino Seoane.

En termos similares expresouse o avogado da familia, Carlos Rueda, que destacou que a situación era "complexa e complicada" por "a dor que xa leva asumindo durante todos estes anos" e "o horizonte" que expuña o novo xuízo, de "empezar de novo e revivir estes episodios desagradables unha vez máis". "A familia á que represento creu que era o momento de pechar feridas", indicou Carlos Rueda.

"Ao final, eu creo que a familia, todos cambiaron de criterio, é dicir, todos adaptáronse un pouquiño á versión do outro", dixo o letrado da defensa. "Todos recoñeceron que aquí houbo algo moi doloroso", engadiu, "un suceso na familia do que é preciso pasar páxina".

FEITOS

Os feitos remóntanse a setembro de 2012, cando o acusado estaba a manter unha discusión co seu irmán nunha leira anexa aos domicilios de ambos, na localidade de Vilagarcía de Arousa.

No transcurso da discusión, o condenado asperxeu a cara do seu irmán cun spray de defensa, causándolle irritación nos ollos, polo que este tivo que ir á súa casa a lavar a cara. Nese momento, o acusado aproveitou para ir tamén ao seu domicilio e facerse cunha escopeta.

Cando o irmán regresou e se encarou con el, este disparoulle coa arma, a pouca distancia, nunha perna, e desgarroulle a arteria femoral, polo que a vítima faleceu desangrada en poucos minutos, debido a un shock hipovolémico. O acusado chamou á Policía Nacional no momento e confesou o que fixera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta