Feijóo erixe a democracia local en "factor de rexeneración" dos sistemas de convivencia

Contrapón a actitude do alcalde de Ourense con "rexedores ególatras que fan da extravagancia a súa norma de conduta". O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, declarou que a oposición municipal non fixo máis que bloquear iniciativas do goberno local.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2018 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este luns a democracia local, a que se practica cada día nos concellos, como "un dos factores da rexeneración" dos sistemas de convivencia. "A democracia nace nas pequenas unidades de convivencia para estenderse a ámbitos maiores, e por iso é aí onde reside o xerme da democracia do futuro", sentenciou Feijóo, durante a presentación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, nun almorzo informativo organizado por 'Fórum Europa. Tribuna Galicia'.

Feijóo presenta a Jesús Vázquez nun almorzo informativo. Europa Press
Feijóo presenta a Jesús Vázquez nun almorzo informativo. Europa Press | Fonte: Europa Press

Previamente, Feijóo rememorou a quebra de Lehman Brothers dez anos atrás e, aínda que deu por superada a crise económica, incidiu en que "subsiste a crise política". Ao seu xuízo, "patente" queda co 'Brexit', as últimas eleccións americanas, o "golpe de estado permanente protagonizado polo independentismo catalán ou cos sobresaltos permanentes na política española".

Nesta conxuntura e ante unha política asentada "en debates estériles e polémicas frívolas", con "unha persistente fraude democrática" porque dirixentes elixidos para xestionar a realidade "foxen deles", o presidente constatou que a corrupción "carcome a democracia" pero tamén o "desgoberno". Así, reivindicou a necesidade dunha democracia --europea, estatal, galega ou municipal-- que "achegue solucións", que responda os retos e que se adiante aos escenarios do futuro. Fronte a un estilo que "menospreza a madurez da xente" e a trata coma se fose "unha sociedade pueril ou adolescente", o presidente defendeu que "o gobernante responsable" ve no seu pobo "unha madurez suficiente para entender e compartir medidas que non sempre teñen un impacto positivo inmediato".

"COMPROMISO DE GOBERNAR DE VÁZQUEZ"

"Un auténtico líder segue ao seu pobo, e tamén sabe porse diante para sinalar o camiño que considera adecuado", proclamou, antes de aseverar que son políticos como Jesús Vázquez Abad os que permiten confiar "nun pleno retorno ao acougo, á tranquilidade e á normalidade que se bota en falta". "Jesús Vázquez non elude o compromiso de gobernar nunha situación precaria, nin se reviste de tons grandilocuentes para gañar o favor dos veciños. Sitúase nas antípodas dos rexedores ególatras que fan da extravagancia a súa norma de conduta", remarcou, antes de engadir en que lle gusta insistir en que "sempre se poden facer mellor as cousas".

Feijóo tamén remarcou a aposta do Goberno galego pola cidade e as actuacións adoptadas para "potenciar o elemento clásico" --coa reforma da catedral de San Martiño, por exemplo-- e a aposta pola modernidade, co impulso dun innovador ecobarrio ou conexións de transporte que impulsen o tecido socioeconómico da cidade, como a estación intermodal a ligazón do polígono de San Cibrao coa A-52. Finalmente, lembrou que a Administración autonómica tamén se implicou no apartado de servizos sociais, "colaborando co Concello para pór en marcha unha nova residencia de 120 prazas, presentando o proxecto dun novo centro para persoas con discapacidade e ampliando o hospital público".

BLOQUEO DA OPOSICIÓN

O alcalde de Ourense e candidato do PP ás eleccións municipais de 2019, Jesús Vázquez Abad, queixouse este luns das "dificultades" que supón un goberno en minoría e, tras admitir "rotundamente" que esperaba "máis apoio" do PSOE, avanzou que "en breve" presentará os orzamentos locais para o próximo exercicio. Nun almorzo informativo organizado por 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', no que foi presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o rexedor, que no que vai de mandato non puido aprobar unhas contas, reprobou o "bloqueo sistemático" da oposición que "debilita" a capacidade para adoptar medidas.

De feito, remarcou que aprobar os orzamentos supón para unha cidade "poder aprobar axudas a domicilio, bolsas de comedor ou axudas escolares" e, na quenda de preguntas, subliñou que "nas próximas semanas" serán presentadas as contas para 2019. "Volveremos tender as mans para negociar con todos os partidos da oposición", proclamou o rexedor, quen proclamou que, en todo caso, "a grandeza de gobernar está en desesperar". Así, remarcou que, co "bloqueo sistemático" nas cuestións municipais, a xestión salta "cara á cooperación institucional". Neste punto, agradeceu a cooperación da Xunta e a Deputación, "sempre dispostos" a impulsar medidas que "melloren" a calidade de vida dos cidadáns.

"OURENSANAMENTE"

Ante unha nutrida representación da sociedade galega e ourensá --non faltou ao acto o presidente provincial, Manuel Baltar, ademais de conselleiros, deputados e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices--, Vázquez Abad expuxo en detalle o seu modelo de cidade ' Ourensanamente', dividido en oito eixos estratéxicos, desde o ámbito social, cultural, ecolóxico e participativo.

Neste marco inseriu os principais proxectos promovidos no seu mandato, desde o Centro Interxeracional que este mesmo luns abriu as súas portas, pasando polo primeiro Parque Inclusivo de Galicia, ou a iniciativa 'Ourense, capital termal intelixente', que pretende impulsar a economía a través do turismo; ata o proxecto do Ecobarrio da Ponte, unha proposta de ámbito europeo e pioneira en España, baseada no aproveitamento enerxético da xeotermia.

Esta proposta tamén incidirá na preocupación porque Ourense conte co 'Primeiro pacto social de goberno local', que garanta as medidas de protección social para os cidadáns "goberne quen goberne" e que, lamentou, "foi rexeitado polos grupos da oposición do actual mandato municipal". Tamén na modernización do comercio e á promoción da economía local, ou á creación dunha estratexia turística, entre outros aspectos.

APOSTA POLA SANIDADE

No coloquio, preguntado pola comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade que se activará no Parlamento impulsada pola oposición, Jesús Vázquez defendeu que o que a Xunta fixo en Ourense é "fortalecela" e exemplificou coa ampliación do hospital. Sobre o centenario de Nós, o alcalde defendeu que "se está traballando por parte da Xunta". "Ourense ten un gran reto por diante, igual que Galicia co Xacobeo", reflexionou, antes de subliñar a súa convicción de que o PP é "o único partido que pode dar resposta ás necesidades da cidade".

Un dos participantes no coloquio, a través dunha pregunta escrita, lembrou que Vázquez dixo que ser alcalde é "máis difícil do que se cre" e trasladoulle se xa falou con José Manuel Rey Varela ou Beatriz Mato, polo momento conselleiros, aínda que sairán da Xunta para pelexar polas cidades. "Teño moitas conversacións pendentes con conselleiros e co presidente. E sempre é para pedir", limitouse a contestar Vázquez, quen, sobre o plan de urbanismo, explicou que se está pendente dun informe por parte da Asesoría Xurídica do Consistorio, antes de decidir os pasos para dar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta