O alcalde da Coruña non fala de dimisións pola compra de pisos anulados, pero pide desculpas

Admite "erros" no concurso, pero defende "a honestidade" do proceso. Defendeu o motivo polo que se convocou o concurso e é dotar de pisos o parque municipal de vivendas.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/09/2018 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, pediu desculpas nas redes sociais polos pisos para aluguer social cuxa compra considera nulos o Consello Consultivo, aínda que descartou falar de dimisións a preguntas dos xornalistas. Coincidindo coa súa visita ao Centro Cívico de Labañou, asegurou, sobre o comunicado feito público a través de Twitter, que agora toca "dar explicacións e asumir responsabilidades".

Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro

No entanto, preguntado como se asumirán esas responsabilidades --despois de que PP e PSOE pedisen a dimisión do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e o edil responsable da área de Contratación, Alberto Lema-- manifestou que esta responsabilidade pasa por "facelo ben".

"Impulsar políticas de vivenda", insistiu defendendo o motivo polo que se convocou este concurso, dotar de pisos ao parque municipal de vivendas. A pesar de admitir "erros" na elaboración do mesmo, cuestionou que a oposición, con dereito a pedir dous plenos extraordinarios nun ano, o fixese para este asunto. "Someso, conde de Fenosa e Pokémon non reúnen tantas responsabilidades xuntas", sinalou sobre problemas xudiciais xurdidos durante a etapa de goberno de PSOE e PP.

"ERRO" NO PROCEDEMENTO

No comunicado difundido por redes sociais, o alcalde admite a existencia de "un erro" e pide "perdón" por iso. "Pero o que non pode facer, e o que non podo nin quero facer, é renunciar a aquilo no que creo e que me trouxo até aquí: pelexar por unha cidade solidaria, acolledora e comprometida co dereito á vivenda". Na mesma liña, en declaracións aos xornalistas, manifestou que sobre este asunto ten "a conciencia tranquila en canto á honestidade e limpeza do proceso".

"Pódense cometer erros, pero creo que non hai ningún elemento nin haberá ningún elemento que permita falar de discrecionalidad nin de favorecer a unhas persoas por encima doutras", engadiu sobre o feito de que unha das persoas ás que se lle adquiriron os pisos cuxa compra entende nula o Consultivo fose afín a Marea Atlántica. Por outra banda, admitiu que o concurso para a compra destas vivendas non deu "os resultados esperados". "Tiñamos que ser capaces de facelo correctamente, sen que houbese un problema procedimental e administrativo". Por iso, e após o informe do Consello Consultivo, insistiu en que agora hai que "dar a cara e pedir desculpas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Paréceme incríble que por dous pisos se monte esta bulla na Coruña ! ¿Por que ninguén abriu a boca en Vigo cando o alcalde subastou 40 vivendas de propiedade municipal na cidade máis saneada de Galicia (segundo Abel con débeda cero)? Por que nin siquera a Marea de Vigo se opuxo a esta VENDA NOXENTA do patrimonio común de tódolos vigueses? Pero a única noticia son dous pisos na Coruña!!! https://flic.kr/p/usvFpZ

1 cazarraposas

A corrupción existe con dous igual que con douscentos. A decencia amósase con cero casos. E con exemplares medidas depurativas, que aquí tampouco se tomaron: os responsables políticos non dimitiron. Semella que cando son dos teus non che cheira, logo Gamela es parte do fétido problema.