A suba da luz e o mercado do carbono, o engano do século?

O Protocolo de Kioto buscaba en 1997 a reducción de gases con efecto invernadoiro. Querían porlle freo ao cambio climático. Esta reducción afectaba directamente ás empresas eléctricas que, para compensar perdas, subiron os prezos da luz. As tarifas eléctricas españolas encadearon subas que poñen en risco de exclusión a numerosas familias.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O comercio de gases contaminantes ou comercio de dereitos de emisión, é un sistema adoptado pola maioría de países industrializados que busca a reducción das emisións de gases contaminantes. Ademais, tamén pretendía frear ou polo menos reducir os efectos do cambio climático polo sistema de eliminación de emisións e a compra e venda de dereitos para emitir substancias á atmosfera. Así acadaríase unha caste de equilibrio ata que chegado o momento, se eliminase unha parte moi importante dos químicos culpables do efecto invernadoiro.

Central térmica de Meirama, en Cerceda
Central térmica de Meirama, en Cerceda | Fonte: De Pilar Ponte - Flickr.

O sistema incentiva ou desincentiva economicamente como unha ferramenta de mercado na procura dun beneficio medioambiental. Hai unha serie de puntos que describen este mercado. A autorización de emisión, que é un permiso para aquelas empresas afectadas por este comercio e reciben permiso para emitir gases, pero non se compran nin venden. O dereito de emisión para unha cantidade de gases, este dereito si que se pode comprar ou vender. O límite de emisións ou volume total de dereitos de emisión que circulan no mercado. Asignación de dereitos, cando se reparten os dereitos entre instalacións afectadas. Por último está o cumprimento, pois as instalacións afectadas polo comercio de dereitos de emisón deben entregar unha cantidade de dereitos de emisión equivalente ás emisións reais producidas e aquí non establecen límites.

Pero son varios os colectivos que entenden que detrás disto hai varias razóns. As descritas anteriormente serían as denominadas “oficiais”, as que son ofrecidas cara o público froito dos protocolos de Kioto, por exemplo. “Os países máis intensos en produción de gases pensaron que había que adoptar determinadas fórmulas que permitisen seguir emitindo” di Fins Eirexas, de ADEGA. “Os países máis emisores pagaríanlles aos que teñen emisións baixas para que seguisen cos seus niveis baixos ” apunta Eirexas. Pero tamén “nós interpretamos que os países máis industrializados seguen emitindo CO2 pero pagan por facelo”. A cuestión é que nos países menos emisores, teoricamente se estarían implementando novas vías de creación enerxética coas enerxías limpas. Con todo isto naceu a Bolsa do Carbono, colocando un prezo determinado á tonelada deste gas “que foi baixando porque a oferta era moi ampla”.

AFECTA AO RECIBO DA LUZ?

Todo mercado fluctúa, sobe, baixa e os prezos tamén soben ou baixan segundo as diferentes vagas. Por iso as empresas que entraron nas poxas de carbono, fixérono pensando sempre en recuperar o investimento na bolsa de emisións. Se pagaban a outros países para que non emitisen e lles axudaban con enerxías limpas, o investimento en eólicas, por exemplo, era un dos retornos que tería a empresa emisora de gases. Pero isto tamén lle afecta aos consumidores de luz en países industrializados.

Nuclear de Cofrentes, Valencia
Nuclear de Cofrentes, Valencia | Fonte: Wikipedia

O prezo que pagamos pola luz non é real, a maior parte dese volume de diñeiro son impostos reais ou ficticios” sinala Eirexas, porque “estamos pagando unha moratoria nuclear, estámoslles pagando por non construir nucleares, ou mellor dito, por ter investido unha cantidade enorme de diñeiro en nucleares que logo non se puxeron en marcha ou pararon”. A moratoria nuclear en España aplicouse entre 1997 e 2015, cun custe de case 6.000 millóns de euros para toda a poboación.

Realmente a nosa factura eléctrica “é artificial porque as facturas eléctricas, nomeadamente a española, non respoden ou responden moi pouco  a criterios obxectivos de prezo da enerxía, en xeración e distribución” sinala Eirexas que engade “esa factura contén unha serie de cargas que son directamente ficticios e cos que estamos financiando este tipo de empresas”. Este comportamento estaría traendo unha “burbulla eléctrica” que podería reventar en calquera momento. “En Galicia, onde temos centros de produción eléctricos que exportan enerxía, pagamos o mesmo que un lugar que é consumidor e non produtor”.

Desde a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia, ACOUGA, Beatriz Guiance tamén apunta a que os prezos estarían incrementándose mediante “o subministro de enerxía de máis da que se ten contratada”. Para poder saber se isto é así “poñamos en funcionamento todos aparatos posibles e se non se vai a luz, temos máis enerxía da que se contratou”. Para o aforro “pódese reducir consumo mediante o cambio de lámpadas normais a led, apagar todos os aparatos sen deixalos en standby, como cando quedan as luzes vermellas dos televisores, usar o horario de máis baixo prezo etc”. Pero Manuel Pérez Arias, presidente desta Asociación, di que “realmente se facemos iso, baixaremos o consumo e o custe dese consumo, pero non haberá unha baixa nos impostos que nos gravan, pois aí é onde sube a factura”.  Existe o Impuesto Electricidad que se grava tamén sobre o consumo e sobre o I.V.E., apunta Pérez Arias, e isto fai que os prezos se incrementen. Todo ao fin e ao cabo para pagar a factura tanto nuclear como do CO2.

Resumindo este apartado, como repercute este mercado nas nosas facturas? Eirexas di que “é moi complicado, porque artellaron a cousa de maneira tan difícil, no caso do mercado eléctrico español, estamos diante dun dos máis complexos do mundo, coas subastas diarias é difícil explicar a unha persoa por que ten que pagar a unha empresa por deixar de producir enerxía”. Un exemplo é o apuntado de gravar un imposto sobre outro imposto xa gravado. Emitir facturas con elementos como Otros costes regulados.

MERCADO ESPECULATIVO

O feito é que o CO2 acabou sendo un producto que virou nun elemento especulativo máis. Así, debido a diversos condicionantes no mercado de materias primas para xerar electricidade, os prezos deste gas foron incrementándose. Entre xaneiro e abril de 2018 o incremento foi do 60%, pasando dos 6€ por tonelada a 13€. Suso Castro, da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) di “por cada megawatio emítese unha tonelada de carbono, hai uns meses estaba a 5€ a tonelada de CO2 e agora está a 22-23€, esta suba responde a unha serie de custes para as eléctricas que teñen que cubrir”. O custe é o prezo que as fontes máis contaminantes pagan por expulsar o gas carbono. Ese prezo recae na factura da luz, pois se temos un megawatio a 60€ cun custe de 10€ por contaminar, se o prezo de emisión contaminante sube, o megawatio pode pasar de 60 a 70 ou 80€. O aumento na factura é inmediato.

Xosé Manuel Golpe, tamén da FAEPAC, considera complicado responder a por que suben tanto os prezos, “pero é que ademais, a Unión Europea estuda crear un grupo de investigación sobre este tema e a semana pasada había unha case ameaza de intervención porque xa se falaba de 50€ tonelada que sería inasumible por calquera país europeo”. Se tiramos máis do fío, as nucleares volven ser un dos puntos sinalados, aclara Xosé Manuel Golpe “Francia ten varias nucleares paradas, agora mesmo está tirando do carbón polaco, por tanto hai máis emisión contaminante” e ademais disto, o carbono “é un elemento suxeito a especulación, pero curiosamente no mes de agoso, cun prezo de 22€ por tonelada de carbono e que apuntaban como unha das causas da suba na luz, o 66% das horas no mes de agosto foron pechadas con enerxía hidráulica”.

Curiosamente a enerxía hidráulica non está suxeita ao gravamen ou imposto do carbono por ser enerxía limpa, non contaminante. “Isto é importante, porque se ben o imposto ao carbono debera influir na factura eléctrica, no pasado mes de agosto non tiña que influir máis alá do 10 ou 15%, o mercado eléctrico vai por outro camiño, ten vida propia” remarca Golpe. Desde a propia FAEPAC, di que a UE estaría vixilante sobre os mercados de CO2, “e a partir de aí os prezos acabaron conxelando”. “Realmente ti non mercas unha tonelada de gases contaminantes, ti o que mercas é un derivado financeiro” o que levaría a un comportamento especulativo en dito mercado. “No mercado negóciase con megawatios puros e duros, pero no mercado de futuros (elementos medibles dos que coñecemos un prezo de anteman) acábase negociando con euros, coa posibilidade de negociar megawatios, pero pódelos comprar fisicamente ou non” aclara Xosé Manuel Golpe. Falamos pois da enxeñería financeira que a inmensa maioría non entende. 

A solución para abandonar a especulación dentro do mercado de emisión de gases contaminantes, pasaría para moitas das persoas consultadas por enerxías renovables, claro está, pero no caso español, mentres exista o denominado “Impuesto al Sol” será moi difícil que un ou unha cidadá poda xerar ela mesma a súa electricidade. Os combustibles fósiles foron unha maneira rápida por parte das eléctricas de substituir a enerxía nuclear logo da moratoria sobre as centrais nucleares. Os prezos de petróleo, gas e carbón subiron e a partir de aí, a luz pasou ser máis cara. Por tanto, a especulación nos mercados de gases invernadoiro  mediante a suba nos prezos en dereitos de emisión, si fai que o recibo da luz a fin de mes nos dea algunha sorpresa e non agradable. 

Estracto de factura da luz
Estracto de factura da luz | Fonte: Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 María

Equiparan precios al resto países unión europea,hagan una inspección a las eléctricas españolas,esto no hay familia que lo pueda mantener

1 nacionalizacion de encoros

son empresas monopolísticas, autenticos oligopolios, favorecidos pola corru-PP-tela política expañolenta, son moi do ladroecio, aquí esta a liberación do seitor do señorito Aznar os resultados que lle deu o pobo, mais e mais carestica e ruina... e logo o lelo do marijuano meteu o imposto o Sol, outra vergonza, onde esta a lei capitalista da oferta e a demenda, a luz sube entodas circunstancias ata baixando o petróleo, que si temporais, que si non chove, que si o efecto do niño no pacifico, critica a postura expañolenta de podreiros-mareados, non admiten a tarifa eléctrica galega rebaixada, aquí temos que ter a electricidade mais cara que en mandriles, xa saben o electro-voltio ten que percorrer 550 quilómetros e chega con menos peso mais rebaixado.