Temas: FRASEOLOXíA

“Non ser palla (para o palleiro)”, unha das expresións galegas equivalentes á castelá “no ser moco de pavo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/09/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que queremos dar a entender que unha cousa ten certa importancia, transcendencia ou valor (ou que ten máis importancia, transcendencia ou valor cós que se lle están a dar), e que polo tanto non é fútil, insignificante nin nimia, así como naqueloutros en que pretendemos manifestar que conseguir levar a cabo certa cousa ten a súa complicación, e mesmo o seu mérito, resulta moi habitual o emprego da paremia non é moco de pavo, calco da correspondente castelá. Mais en galego temos tamén de noso expresións varias que dan conta do mesmo contido. Velaquí algunhas:

Alpacas de palla
Alpacas de palla

No ser moco de pavo

No ser grano de anís

No ser barro

{= Ter unha cousa a súa importancia, transcendencia ou valor (ou máis importancia, transcendencia ou valor dos que se lle están a dar), ou ter a súa complicación e mérito conseguir levala a cabo.}

Non ser palla (para o palleiro)

Non ser palla nin herba seca

Non ser da moca

Non ser flores

E inda:

Non ser la de ovella

Non ser peixe podre

Ex.: ¡Pero es que sacar una nota media de sobresaliente no es moco de pavo, amigo!

¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente non é palla non é palla para o palleiro non é palla nin herba seca non é da moca non son flores  non é la de ovella  non é peixe podre, meu home!

● Tamén, en moitos contextos:

No ser una broma

Non ser brincadeira && Non ser unha broma && Non ser cousa de rir

Ex.: ¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente non é brincadeira non é unha broma non é cousa de rir, meu home!

● Tamén, en ámbitos de uso máis familiares e coloquiais, e mesmo nun rexistro vulgar, facendo fundamentalmente referencia a que se trata de cousas que non son doadas de levar a cabo:

Non ser cagallóns que se encamban # que se envolven

● Tamén, mais desta volta con expresións que presentan enunciación positiva e que resulta habitual que se emitan acompañadas dalgún pronome de solidariedade:

Querer un conto && Ser moito conto && Querer un conto calado && Ser un conto calado

Ex.: ¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente quéreche un conto (calado) éche moito conto éche un conto calado, meu home!

Ex. 2: Correr todo ese trecho en menos de cinco minutos no es moco de pavo, ¡eh!

Correr todo ese treito en menos de cinco minutos non é palla (para o palleiro) non é palla nin herba seca non é da moca non son flores non é brincadeira quéreche un conto (calado) éche moito conto, ¡eh!

NOTAS:

1. O “moco de pavo” é o apéndice carnoso que ten o pavo pola parte superior do peteiro e que, cando non está eréctil, lle adoita colgar por baixo deste debido á súa lonxitude (podendo lembrar, deste xeito, os mocos que colgan do nariz).

Parece ser que a expresión castelá ten a súa orixe nos séculos XVI e XVII, nos cales era común que moitos cabaleiros usaran reloxos de peto, suxeitos coa correspondente cadeíña: pois ben, cando os ladróns roubaban estes reloxos era habitual que no peto da vítima quedase colgando a dita cadea, que non tiña practicamente valor ningún e á cal se lle chamaba, na xerga dos cacos, “moco”, mentres que o reloxo (e tamén a vítima), que era o elemento valioso, recibía o nome de “pavo”. Daquela, e en definitiva, o “moco de pavo” era algo que non tiña valor (e, por conseguinte, se algo non era moco de pavo, si que o tiña).

2. A voz “moca” (que forma parte da paremia non ser da moca) pronúnciase con “o” aberto.

3. Realizamos seguidamente un pequeno repaso léxico a voces ou locucións que poden resultar descoñecidas ou dubidosas para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Herba seca: locución substantiva feminina Herba segada que se deixa secar ó sol para servir logo de alimento para o gando. Ben me lembro do baldados que chegabamos pola noite cando de cativos iamos á herba seca. Sinón.: feo.

Moca1 (DRAG): substantivo feminino 1. Pau rematado nunha parte avultada nun dos extremos. Ía andando apoiado nunha moca. Sinóns.: baloco, cachaporra, xardolo. 2. Este extremo avultado. O fuso da roca tiña unha moquiña na punta. 3. Pau que serve de mango no mallo. Collían o mallo pola moca e veña a mallar no centeo. ▲ Forma normativamente menos recomendable: monca. [ANÍBAL OTERO, QUE É QUEN REXISTRA A FRASE NON SER DA MOCA, PONA EN RELACIÓN COA VOZ CORRESPONDENTE A ESTA ENTRADA MOCA1. NON OBSTANTE, POLO SENTIDO, TAMÉN SE PODERÍA PENSAR NA POSIBILIDADE DE QUE TEÑA RELACIÓN COA ENTRADA MOCA3.]

Moca2 (DRAG): substantivo feminino 1. Variedade de café orixinaria de Moka (Arabia). Sírveme unha cunca de moca. 2. Crema feita con café, manteiga e vainilla, que se utiliza en pastelaría. Unha torta de moca.

Moca3 (DRAG): substantivo feminino Palabra ou conxunto de palabras, xestos ou accións cos que se ridiculiza unha persoa ou cousa. Non fagades moca dese pobre miserable. Sinóns.: burla, chacota.

Brincadeira (DRAG): substantivo feminino Brinca [=Diversión, broma, pasatempo, leria]. Déixate de brincadeiras e fálame de cousas serias. Andar de brincadeira.

Cagallón (DRAG): substantivo masculino 1. Excremento dalgúns animais, como o cabalo, o burro, etc. Non entredes no cortello, que vos ides enzoufar de cagallóns. Sinón.: cagalleira. 2. familiar Excremento humano máis ben duro. Vaia cagallón tiña o neno no cueiro!

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario castelán-galego. Ano 2004. Directores: Constantino García, Manuel González González.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta