PP, PSOE e BNG votan xuntos pedir o cesamento de dous edís da Marea da Coruña

Socialistas e nacionalistas apoiaron a proposta que foi feita polo Partido Popular. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, pide desculpas pero nega irregularidades.

Por E.P. | A Coruña | 19/09/2018 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O pleno da Coruña, cos votos de PP, PSOE e BNG, esixiu o cesamento de dous concelleiros do goberno local --o de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e o responsable de Contratación, Alberto Lema-- pola compra de dous pisos, considerada nula polo Consello Consultivo.

Xiao Varela, xunto con Sande, presenta en María Pita o proxecto de reforma de Riazor
Xiao Varela, xunto con Sande, presenta en María Pita o proxecto de reforma de Riazor | Fonte: coruna.gal

O tres grupos da oposición no Concello da Coruña instaron ao alcalde, Xulio Ferreiro, nun pleno extraordinario, a "depurar responsabilidades políticas" pola compra "irregular" destes pisos.

Fixérono cos seus votos a favor dunha iniciativa presentada polo PP e aprobada no pleno. En concreto, a oposición instou ao rexedor a cesar aos concelleiros Xiao Varela e Alberto Lema, como expuña a iniciativa presentada polos populares, apoiada polos socialistas e a única edil nacionalista polo que, finalmente, saíu aprobada.

Esta cuestión debateuse nun pleno extraordinario solicitado polo PP, que pediu tamén que leven a cabo "as accións administrativas e xudiciais oportunas para recuperar, o máis axiña posible, o diñeiro dos coruñeses", sinalou a portavoz do grupo municipal do PP, Rosa Gallego, sobre outra das cuestións expostas na súa iniciativa.

Nas súas intervencións, todos os grupos da oposición esixiron que se asuman responsabilidades e denunciaron que, co concurso para a compra destas vivendas, vulnerouse o principio de "libre concorrencia", segundo recolle tamén o ditame do Consello Consultivo no caso dos dous pisos cuxa compra considera nulos.

"FAVORITISMO" NO CONCURSO

Na súa intervención, a portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, denunciou a existencia dunha actitude "proactiva" por parte do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, no concurso municipal. "Falamos de compra irregular de inmobles a un colega", dixo sobre a adquisición destes inmobles a un afín á Marea Atlántica. Houbo "favoritismo", expuxo, á súa vez, o concelleiro socialista José Manuel Dapena.

Desde a oposición, reprochouse tamén ao alcalde que "negase" supostas irregularidades antes do primeiro pleno extraordinario --o deste mércores foi o segundo-- que abordou esta cuestión. En particular, o PP considerou especialmente "demoledor" o caso do piso Santander, sobre o que a Marea consideraba que non existía causa de nulidade.

"Neste procedemento houbo présas e opacidade", sentenciou o concelleiro José Manuel Dapena, quen a iso engadiu a "falta de publicidade". "As condutas mostran falta de dilixencia, desidia e inoperancia", sinalou noutra parte da súa intervención. "Por todas estas razóns, dimitan", instou a Xiao Varela e Alberto Lema.

Pola súa banda, a concelleira do BNG Avia Veira criticou que "os mesías en responsabilidade política seguen considerando que aquí houbo erros, pero non responsabilidades de ningún tipo", á vez que cuestionou a política do goberno local en materia de vivenda.

DESCULPAS DE XIAO VARELA

Na súa intervención, o concelleiro de Rexeneración Urbana remitiuse ao escrito asinado por funcionarios que rexeitaron "inxerencias" no seu traballo. "Un erro administrativo non é corrupción e non se equivoca o que non tenta cambiar a realidade", sinalou para justificar o sucedido.

"E pedimos desculpas porque nos importan as persoas", insistiu, reivindicando o labor do goberno local para dotar de vivendas ás familias con menos recursos. "Temos a conciencia tranquila", engadiu rexeitando "trato discrecional de favor".

"Actúan como palmeiros do PP", reprochou, así mesmo, aos socialistas. Xiao Varela, que instou á oposición a acudir á Fiscalía se "cren no que din", reprochou ao PP ou ao PSOE que pidan agora dimisións e non as houbese durante a súa xestión no concello.

"Por non dimitir ningún responsable nin pedir perdón por licenzas concedidas durante o seu mandato no concello e agora anuladas". "Cada ano facemos fronte a sentenzas que nos custan millóns", apuntou sobre casos da etapa de PP e PSOE no goberno local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

4 Bernal Calvo Delaciga

Equiparar un erro técnico (asumido e correxido) cun caso de corrupción é unha barbaridade indecente que só poden levar a cabo as organizacións que realmente están anegadas por innumerables casos de corrupción: PP, PSOE, BNG... e polos seus voceiros: LVG, ECG...

3 Gamela

¿Por que ninguén abriu a boca en Vigo cando o alcalde subastou 40 vivendas de propiedade municipal na cidade máis saneada de Galicia? ¿Por que nin siquera a Marea de Vigo se opuxo a esta VENDA NOXENTA do patrimonio público? A estatexia electoral do BNG tomando posicións a carón do PSOE/PP resulta dun oportunismo mediocre!!! Pode haber un erro na tramitación pero a fin de contas os pisos eran para a xente do común... non falamos aquí do apartamento da Illa de Arousa de Pepiño Blanco... O malo do conto é que algunha xente prefire a carnaza á xustiza social!!! Non se apuren que o vindeiro maio 2019 teñen eleccións e poden botalos a todos fóra do Concello e meter a ratas (Abel) para que lle poñan luces de Nadal e lles venda os pisos e o resto do Patrimonio aos amiguetes !!! https://flic.kr/p/DyVmwU

1 Fran do Covelo

Un erro na tramitación? Quedas mellor se dis unha casualidade: favorecer a un colega foi produto dun cruce de impulsos eléctricos en forma de bits que se encaminaron polo cabo errado, motivado no fondo pola presión fortuita exercida de maneira involuntaria sobre unha tecla cando o anónimo funcionario de turno trata de espantar unha mosca impertinente! Para xustificar a corrupción fai falla estilo. Gamela podes mellorar!

2 Leike

"Goberne quen goberne Galicia non se vende". Ou non era así?

3 Gamela

Efectivamente, Goberne quen goberne, Galicia Non Se Vende! Neste caso que eu saiba MERCARON 2 pisos para a xente que os necesita! O que VENDE a baixo custe e o privatiza todo é un tal Abel Caballero (ese sí que vende canto tiñamos!) https://www.google.com/maps/d/viewe... E ninguén lle emenda a plana... O PP encantado e a Marea de Vigo semella estar moi contenta coa DESFEITA !!!

4 Fran Correa

Gamela, tapa, tapa! Que bonito o Robín Good do partido das marabillas que compra dous pisos a un amigo do partido, co pequeno detalle de que non cumpren coas bases legais, usando diñeiro público para entregalos aos necesitados, seguro que ti aínda acreditas nos Reis Magos!

2 Edelmiro

Hai que lhes reconhocer que son de esquerdas. Levan barba e a roupa está moi desgastada. Non de esquerdas. Non tenho dúbida. Eu que ponho roupa que está un pouco menos usada son un vendido e un mediatizado. Non tenho dereito nin a respirar!

1 comunista independentista

O Bloque ao rabo do PpPsoe. Nada novo.

1 sermos mantidos

A corrupción comeza cunhas garrafas de viño, cun bolso, cun traxe ou coa compra de dous pisos --que non cumpren os requisitos da convocatoria pública-- a un amigo. Sabemos que no BNG se deixaron querer, tamén no PcE e CC.OO. de Izquierda Unida, no PP e PsoE xa é costume ben vista, agora sabemos que na Marea de Podemos comezan polo alto... Un bolso, Unha garrafa é pouco; por colocar un par de pisiños, SI SE PODE!!!

2 BNG

O BNG a sacar á luz as vosas chanchulladas. Por certo que algún como o Lema non aprende. Primeiro nepotismo na RAG, agora isto...A nova política diciades...

3 comunista independentista

Non está o Bloque para 'destapar chanchulladas'. Carrumeiro, Reganoxo, Pokemon, Massó... sóavos? Pediron desculpas? Iso si, para se por do lado do PpPsoe, ben que corren.