Por E.P. | A Coruña | 19/09/2018 | Actualizada ás 20:30
O pleno da Coruña, cos votos de PP, PSOE e BNG, esixiu o cesamento de dous concelleiros do goberno local --o de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e o responsable de Contratación, Alberto Lema-- pola compra de dous pisos, considerada nula polo Consello Consultivo.
O tres grupos da oposición no Concello da Coruña instaron ao alcalde, Xulio Ferreiro, nun pleno extraordinario, a "depurar responsabilidades políticas" pola compra "irregular" destes pisos.
Fixérono cos seus votos a favor dunha iniciativa presentada polo PP e aprobada no pleno. En concreto, a oposición instou ao rexedor a cesar aos concelleiros Xiao Varela e Alberto Lema, como expuña a iniciativa presentada polos populares, apoiada polos socialistas e a única edil nacionalista polo que, finalmente, saíu aprobada.
Esta cuestión debateuse nun pleno extraordinario solicitado polo PP, que pediu tamén que leven a cabo "as accións administrativas e xudiciais oportunas para recuperar, o máis axiña posible, o diñeiro dos coruñeses", sinalou a portavoz do grupo municipal do PP, Rosa Gallego, sobre outra das cuestións expostas na súa iniciativa.
Nas súas intervencións, todos os grupos da oposición esixiron que se asuman responsabilidades e denunciaron que, co concurso para a compra destas vivendas, vulnerouse o principio de "libre concorrencia", segundo recolle tamén o ditame do Consello Consultivo no caso dos dous pisos cuxa compra considera nulos.
"FAVORITISMO" NO CONCURSO
Na súa intervención, a portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, denunciou a existencia dunha actitude "proactiva" por parte do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, no concurso municipal. "Falamos de compra irregular de inmobles a un colega", dixo sobre a adquisición destes inmobles a un afín á Marea Atlántica. Houbo "favoritismo", expuxo, á súa vez, o concelleiro socialista José Manuel Dapena.
Desde a oposición, reprochouse tamén ao alcalde que "negase" supostas irregularidades antes do primeiro pleno extraordinario --o deste mércores foi o segundo-- que abordou esta cuestión. En particular, o PP considerou especialmente "demoledor" o caso do piso Santander, sobre o que a Marea consideraba que non existía causa de nulidade.
"Neste procedemento houbo présas e opacidade", sentenciou o concelleiro José Manuel Dapena, quen a iso engadiu a "falta de publicidade". "As condutas mostran falta de dilixencia, desidia e inoperancia", sinalou noutra parte da súa intervención. "Por todas estas razóns, dimitan", instou a Xiao Varela e Alberto Lema.
Pola súa banda, a concelleira do BNG Avia Veira criticou que "os mesías en responsabilidade política seguen considerando que aquí houbo erros, pero non responsabilidades de ningún tipo", á vez que cuestionou a política do goberno local en materia de vivenda.
DESCULPAS DE XIAO VARELA
Na súa intervención, o concelleiro de Rexeneración Urbana remitiuse ao escrito asinado por funcionarios que rexeitaron "inxerencias" no seu traballo. "Un erro administrativo non é corrupción e non se equivoca o que non tenta cambiar a realidade", sinalou para justificar o sucedido.
"E pedimos desculpas porque nos importan as persoas", insistiu, reivindicando o labor do goberno local para dotar de vivendas ás familias con menos recursos. "Temos a conciencia tranquila", engadiu rexeitando "trato discrecional de favor".
"Actúan como palmeiros do PP", reprochou, así mesmo, aos socialistas. Xiao Varela, que instou á oposición a acudir á Fiscalía se "cren no que din", reprochou ao PP ou ao PSOE que pidan agora dimisións e non as houbese durante a súa xestión no concello.
"Por non dimitir ningún responsable nin pedir perdón por licenzas concedidas durante o seu mandato no concello e agora anuladas". "Cada ano facemos fronte a sentenzas que nos custan millóns", apuntou sobre casos da etapa de PP e PSOE no goberno local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.