O novo plan de Toysal, un vertedoiro encuberto para a veciñanza de Teo

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos mostrou a súa oposición ao proxecto que a empresa Toysal presentou como “Plan de restauración da canteira de Casalonga”, logo que os informes técnicos do concello de Teo considerasen incompatible a instalación dunha estación de tratamento de residuos co PXOM municipal.

Por Galicia Confidencial | Teo | 20/09/2018 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

A plataforma veciñal contraria ao proxecto para a vella canteira de Casalonga, ve que co novo paso dado pola empresa “quere maquillar como plan de restauración da canteira”. Desta maneira, concouse unha asemblea aberta de urxencia para informar aos veciños e veciñas e “preparar unha gran mobilización veciñal este domingo”.

Manifestación contra proxecto Toysal en Teo
Manifestación contra proxecto Toysal en Teo

O temor dos veciños está en que a empresa adicada á xestión de residuos e propietaria de 41 hectáreas de terreos na Casalonga, xunto co dereito á explotación mineira da antiga canteira desde hai só uns meses, “da un paso máis na súa estrataxema para converter nun vertedoiro de grandes dimensións o monte da Casalonga”.

Sobre este punto, desde a Plataforma lembran que Toysal, empresa propietaria dos terreos “comezou solicitando ao concello un proxecto para unha planta de xestión de residuos de grandes dimensións”. O proxecto fora rexeitado polo concello ao declaralo non compatible urbanísticamente. Agora, os veciños e veciñas consideran que a empresa “ataca cun novo plan xa presentado na dirección xeral de minas en xullo” baixo o nome “Plan de restauración da canteira da Casalonga”. Este plano, segundo sospeitan desde a Plataforma veciñal estaría  “baseado no recheo con residuos do oco xa existente e na abertura de novos ocos coa explotación dunha canteira non rendible en si mesma dada a mala calidade técnica dos áridos e rochas”.

Na nota de prensa enviada pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos din que “todos estes datos amosan claramente a intención da empresa”, que sería “crear na canteira da Casalonga un macrocomplexo de recepción de residuos introducindo, por un lado 90.000 Tn. de residuos orgánicos coa instalación da planta e, por outro unhas 200.000 Tn. ao ano de residuos de obra e “outros” para esparexelos na terra, a auga e o aire da contorna”. Todo isto “baixo a máscara dunha planta de biogás e un plan de restauración dunha canteira”.

Este venres 21 de setembro, a plataforma convoca a unha asemblea aberta con carácter de urxencia no restaurante San Martiño ás 20.30. Queren informar da situación actual e “organizarase a seguinte gran mobilización que terá lugar este domingo 23 ás 11 da mañá” . Formarase unha cadea humana ao longo dos máis de 2km da estrada que atravesa a canteira. “Esta cadea humana, ademais de simbolizar a unión dun pobo en loita, tamén quere deixar unha mensaxe clara, “esta cadea é o muro co cal se vai a atopar calquera actividade que pretenda esnaquizar as nosas vidas envelenando a terra que pisamos, a auga que bebemos e o aire que respiramos”.

Máis información en  http://casalongalimpa.gal e no facebook Casalonga Limpa de Residuos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta