A UVigo formará a unha vintena de alumnos na especialidade de tradución para a industria do videoxogo

O director do título, Ramón Méndez, destaca a "gran demanda" de tradutores neste ámbito

VIGO | 20/09/2018 | Actualizada ás 15:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Universidade de Vigo presentou este xoves o seu título propio de especialista en tradución para a industria do videoxogo, unha formación vinculada ao máster de Tradución para Comunicación Internacional, e no que se ofertan un mínimo de 20 e un máximo de 25 prazas.

Presentación do título de tradutor de videoxogos
Presentación do título de tradutor de videoxogos | Fonte: Europa Press

A Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo acolleu a presentación deste título, a cargo do seu director, Ramón Méndez, quen subliñou que "hai moita demanda" de tradutores na industria do videoxogo e que a propia Universidade de Vigo é un "viveiro de xente que traballa" nestas empresas.

"É o momento de achegar e dar o paso", proclamou, e celebrou o "gran impacto" e acollida que este título tivo entre os estudantes, así como o interese das empresas. De feito, 25 compañías do mundo do videoxogo colaborarán nesta formación, desde Bandai Namco ou Fosfatina, pasando por TaleWords, GameReactor, e outras.

O contido deste título, que consta de 200 créditos, non se centrará na mera tradución de textos de videoxogos, senón que se abordarán outros aspectos, como a dobraxe, os textos legais, a tradución e interpretación na prensa especializada, a tradución nos eventos, ou a tradución de xogos de mesa.

Entre os profesores que impartirán ensinos destacan Curri Barceló, Marc Bernabé, David Caballero, Uxío Couto, Josué Monchán, Gabriel Álvarez, José Ramón Calvo-Ferrer, ou Diana Díaz, entre outros moitos.

INSCRICIÓNS

O prazo de inscrición finaliza o próximo 2 de outubro, aínda que o 80 por cento das prazas está xa cuberto e, na súa maioría, trátase de alumnos de fóra de Galicia. Así, matriculáronse graduados en Tradución e Interpretación, en Linguas Estranxeiras, e mesmo varios profesionais xa en activo.

A directora do Departamento de Tradución e Lingüística, Lourdes Lorenzo, destacou que esta formación "facía moita falta" no plan de estudos, e que había tempo que se detectara esa "eiva".

Na mesma liña, a responsable de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo, Susana Rodríguez, celebrou que este título "mira cara á sociedade" e proporciona formación nun ámbito que "interesa e ten demanda".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta