Pontevedra acollerá o festival internacional da lusofonía en outubro con artistas como Chico César e Teresa Salgueiro

'Cantos na Maré' inicia unha nova etapa e estende a súa duración a catro días, con entradas xa á venda por un prezo entre os 7 e os 20 euros.

Por E.P. | SANTIAGO | 20/09/2018 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

'Cantos na Maré', o Festival Internacional da Lusofonía, modifica e amplía as súas datas de celebración, entre o xoves 11 e o domingo 14 de outubro en varios espazos de Pontevedra, ademais de abrirse a máis estilos musicais en busca de novos públicos, combinando concertos de artistas como Chico César e Teresa Salgueiro con diferentes actividades culturais.

Presentación do programa do festival da lusofonía 'Cantos na maré'.. XUNTA
Presentación do programa do festival da lusofonía 'Cantos na maré'.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o anunciou a Xunta nun comunicado remitido despois da presentación este xoves en Pontevedra do programa da décimo cuarta edición do evento, na que estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Pola súa banda, Jacobo Sutil destacou o labor da empresa Nordesía á fronte de 'Cantos na Maré', entre outros proxectos culturais, facendo posible que "poidan manterse no tempo ano tras ano e que o fagan, como sucede neste momento, reinventando e reforzando o seu formato para conectar aínda máis espectadores e músicos a través de sons atlánticos que se poden englobar no ámbito da lusofonía".

Así mesmo, sinalou que, a pesar de celebrarse en Galicia, este festival ocupa un "lugar importante" no ámbito da difusión exterior da música galega, xa que "ten carácter internacional e de intercambio de experiencias musicais entre países". Neste senso, lembrou tamén a colaboración da Xunta con importantes citas fóra da Comunidade galega, como o 'Womex' de Las Palmas de Gran Canaria; a 'Monkey Week' de Sevilla; o 'Celtic Connections' de Glasgow; ou o Festival Intercéltico de Lorient, para "garantir unha destacada representación musical galega nas súas próximas edicións".

As entradas para asistir ao evento, que terá como protagonistas ao brasileiro Chico César, á portuguesa Teresa Salgueiro, a Mercedes Peón ou a Cesaria Evora, estarán á venda a partir deste venres 21 de setembro en Ticketea e na Casa da Luz de Pontevedra. Os prezos oscilan entre o sete e os 20 euros.

LEI PAZ-ANDRADE

Doutra banda, o secretario xeral de Política Lingüística destacou o "incremento do apoio" da Xunta dende o seu departamento "á que xa está consolidada como a gran festa da lusofonía, unha cita no calendario cultural galego moi esperada que fai posible que Galicia e a súa lingua propia se proxecten e se visibilicen no marco dunha comunidade de 250 millóns de falantes ao redor do mundo". Así, Valentín García lembrou que esta colaboración con 'Cantos na Maré' se enmarca no programa de accións que a Consellería de Cultura impulsa e apoia ao amparo da lei 1/2014, para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía, coñecida como 'Lei Paz-Andrade'.

Así mesmo, a concelleira de Cultura de Pontevedra destacou tamén a "importancia de que todas as miradas da xente que goza desta música estean orientadas á cidade durante este catro días de espectáculos e a implicación do concello para que o evento alcance a dimensión que merece nun momento no que a diversidade lingüística está a ser cuestionada".

ARTISTAS CONVIDADOS

En concreto, a organización confirmou xa unha parte importante do seu cartel para esta décimo cuarta edición, con nomes como os da ex vocalista portuguesa de Madredeus, Teresa Salgueiro; o brasileiro Chico César, que regresa ao festival do que foi un dos primeiros artistas invitados; e a galega Mercedes Peón, para presentar o seu quinto disco, 'Deixaas'.

A estes artistas súmanse as raperas lusas Capicúa e Eva RapDiva, xunto á galega Wöyza; Throes & The Shine, con rock e kuduro desde Portugal e Angola; a mozambicana Selma Uamusse; a brasileira Bia Ferreira; o proxecto 'Coladera', liderado polo percusionista brasileiro Marcos Suzano; e o músico e poeta caboverdiano Mário Lúcio, ex ministro de Cultura do seu país.

ESPECTÁCULO DE CLAUSURA

A clausura terá lugar o domingo 14, cun espectáculo no que participarán varios destes artistas, xunto aos integrantes do proxecto 'Ath-Thurdá', impulsado polo Concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura desta localidade portuguesa como Cidade Europea da Cultura en 2027. Nel figuran artistas como Kepa Junkera, ademais doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes ou Celina da Piedade.

ORZAMENTO DE MÁIS DE 28.000 EUROS

O encontro pontevedrés conta co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 12 festivais profesionais de música subvencionados en 2018 pola Agadic, a través da convocatoria anual de axudas para este tipo de eventos. Este ano, a achega ascende a 28.297 euros, aos que se suma a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na presentación deste festival tamén participaron a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; o representante da Cámara Municipal de Évora, Luís García; a cantante e directora artística, Uxía Rivera; o director do festival, Fran Rivera; e o responsable de Nordesía, Aclamación Belho. Ademais dos artistas xa confirmados, a organización anunciará nos próximos días o resto do seu cartel musical e do programa paralelo, que incluirá sesións de cinema, actividades para nenos ou talleres para músicos e público en xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta