En Marea quere evitar "enchufes" no Sergas e pide regular o acceso ás xefaturas de servizo e coordinación

A formación rupturista pretende que a lei sexa debatida neste período de sesións para acabar coa opacidade na Consellería de Sanidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2018 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario de En Marea avanzou que traballa na elaboración dunha proposición de lei coa que pretenden regular o acceso ás xefaturas de servizo e coordinación nas institucións sanitarias do Sergas co obxectivo de "acabar coa actual opacidade e os enchufes que se están dando por parte da Consellería de Sanidade". Así o anunciou a deputada rupturista Eva Solla nunha comparecencia de prensa celebrada este mércores no Pazo do Hórreo, onde cualificou de "escandalosa" a situación actual, polo que chamou a que o Sergas conte cunha normativa específica para evitar "as colocacións a dedo".

Eva Solla en rolda de prensa na sede do Grupo Parlamentario de En Marea.
Eva Solla en rolda de prensa na sede do Grupo Parlamentario de En Marea.

Deste xeito, En Marea propón que a designación destes cargos sexa allea a cuestións "políticas" e se leve a cabo a través dun órgano colexiado cunha comisión que avalíe os méritos e capacidades dos candidatos. Os membros deste órgano serían elixidos a través dun sorteo, un sistema co que a formación rupturista cre que se evitaría que estas persoas "sexan igualmente colocados a dedo, como ocorre na actualidade", afirmou Solla.

Así, o sorteo para a elección dos membros do tribunal realizaríase entre profesionais que tivesen "os mesmos ou superiores méritos" de cada xefatura de servizo e que serían escollidos nun sorteo da mesa sectorial de sanidade. A proposta de En Marea tamén delimitaría a participación dos cargos de libre designación, que quedarían apartados dos devanditos órganos.

LEI DE INCOMPATIBILIDADES

Nesta liña, Eva Solla denunciou o "continuo incumprimento" da Lei galega de incompatibilidades á hora de elixir os xefes de servizo, xa que a normativa establece que non poden concorrer aos procesos de selección profesionais "con intereses na privada". Segundo Solla, isto último está a ser incumprido na actualidade "como recoñeceu o propio Sergas". "Moitos profesionais denunciaron que os baremos decídense despois de coñecer candidatos e as bases fanse 'ad hoc' e que a decisión final baséase nun proxecto técnico totalmente subxectivo, algo totalmente inaceptable", remarcou.

Así as cousas, o Grupo Parlamentario de En Marea sinalou que nas próximas semanas trasladará a súa proposta aos colectivos profesionais, asociacións médicas e sindicatos para que estes poidan facer achegas, previo paso ao seu rexistro en sede parlamentaria para o seu debate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta