A Xunta anuncia unha rebaixa da "presión fiscal" aos galegos nos orzamentos de 2019

A Conta Xeral ratifica que Galicia pechou 2017 cun déficit do 0,22% do PIB e Feijóo asegura que "volverá cumprir" este ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2018 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este xoves que o Executivo autonómico, en pleno proceso de elaboración dos orzamentos para o ano 2019, traballa para "rebaixar a presión fiscal" aos galegos.

Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA
Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Ao termo da reunión semanal co seu Executivo, Feijóo mostrouse prudente e explicou que aínda é preciso ver as entregas a conta e determinar as previsións de crecemento, antes de incidir en que a economía "está a ter algunhas tensións e cae o investimento estranxeiro en España".

"Unha vez que teñamos o cadro macroeconómico, decidiremos que facer", sinalou, aínda que defendeu que a "proposta" do Executivo galego é "facer un esforzo baixando algúns impostos máis" en 2019. Con todo, precisou que sería "precipitado" concretar "que impostos e en que contía".

"Pero traballamos nunha rebaixa da presión fiscal", insistiu e subliñou que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) "está a dispararse" mentres o Executivo central "propón subir impostos". "Se o Goberno central propón subir impostos cun IPC disparado e servizos básicos disparados, non é un bo panorama para as familias galegas. Imos ver como podemos rebaixar a súa presión fiscal", aseverou.

COMUNIDADE "SOLVENTE" E AUTOGOBERNO "BLINDADO"

En clave económica, Feijóo informou de que o Consello aprobou este xoves a Conta Xeral da comunidade correspondente a 2017, que ratifica que en 2017 Galicia "volveu cumprir o obxectivo de déficit e aforrou 46 millóns de euros en intereses da débeda.

A Comunidade pechou o exercicio cun déficit do 0,22% do PIB, fronte ao 0,32% da media autonómica. Segundo o presidente, quen asegurou que Galicia tamén cumprirá este ano o obxectivo do 0,4%, o dato de peche significa que a comunidade mellorou en 0,37 puntos a cifra de 2016, o que, en termos cuantitativos, son 207 millóns de euros.

"E que estamos moi por baixo do límite máximo para o conxunto de comunidades, que foi do 0,6%", engadiu, antes de precisar que Galicia, unha comunidade "solvente", consolídase como a cuarta con menor déficit acumulado no últimos seis anos.

Tamén resaltou que Galicia é a autonomía que menos aumentou a súa débeda desde o ano 2008. Así, en 2017 aforrou 46 millóns de euros en intereses da débeda que se puideron dedicar a gasto social e investimentos.

No últimos tres anos, o aforro en intereses da débeda alcanzou os 140 millóns. "Un galego debe, de media, 2.000 euros menos que o resto de españois que viven noutras comunidades", esgrimiu, antes de defender que Galicia "blinda o seu autogoberno" e non se ve obrigada a pedir recursos ao Goberno central para "chegar a fin de mes".

EXECUCIÓN DE ORZAMENTOS E PAGO A PROVEDORES

Segundo afirmou, a Conta Xeral tamén evidencia que se executou o 99% do orzamento consolidado de gasto, un indicador que se eleva até o 101,7% no gasto corrente, que engloba todo o gasto social na comunidade.

En canto ao aforro bruto, neste exercicio os ingresos correntes da Comunidade superaron en 538 millóns de euros aos gastos correntes, o que permite financiar máis investimentos sen recorrer á débeda.

Feijóo reivindicou que esta diferencial axuda a situar Galicia como a terceira comunidade cun maior esforzo investidor, un 11,9%. Ademais, destacou que axuda a cuantificar o beneficio que supuxeron para os galegos as baixadas de impostos.

En total, 83 millóns de euros "quedaron nos petos das cidadáns" grazas --remarca o Executivo autonómico-- á supresión do imposto de sucesións para a práctica totalidade dos galegos e ao programa de impostos 'cero' no rural.

Finalmente, Feijóo recalcou que a Comunidade paga aos seus provedores nunha media de 11 días, o prazo "máis curto" en España, e lembrou que o prazo para entregar a Conta Xeral é o 30 de setembro, polo que agradeceu aos empregados públicos que fixesen "posible" o seu cumprimento anticipado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta