Un paciente denuncia máis de sete meses de espera para recibir un diagnóstico e tratamento en Otorrinolaringoloxía

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o caso dun doente que previamente tivo que agardar catro meses para quitar un tapón do oído.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/09/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia un "novo incumprimento da legalidade por parte dos servizos de admisión do Centro de Saúde Concepción Arenal e dun novo desamparo asistencial". En concreto, refírese ao caso de X.F.R.M., paciente dos servizos de Hematoloxía e Otorrinolaringoloxía, quen denuncia que ten que esperar máis de sete meses para recibir un diagnóstico e tratamento, despois de mais de 4 meses agardando para quitar un tapón no oido.

Otorrinolaringoloxía.
Otorrinolaringoloxía.

O doente enviou esta carta:

“O pasado 24 de abril de 2018 solicitei cita no centro de saúde Concepción Arenal para o otorrino e déronme para o día 5 de setembro de 2018, o que supoñía 4 meses e 12 días de espera. Na consulta do especialista, practicamente sen exploración ningunha e sen intercambiar información, dinme que teño que aplicar no oído un tratamento anticerume, que está fora da carteira de servizos e que, polo tanto, teño que aboar na súa totalidade. Despois de indicarme a posoloxía do medicamento, infórmanme de que debo extraer os tapóns de cera no centro de saúde e volver á consulta para ver como evolucionan os oídos e poder emitir un diagnóstico. Neste momento envíame ao mostrador de admisión para que solicite unha nova cita, indicando por escrito que debe ser no prazo dun mes. A pesar desa indicación, fíxase para o 29 de novembro de 2018, é dicir, cun atraso de tres meses. Manifesto o meu malestar por facer caso omiso da recomendación do facultativo e contéstanme que «o médico xa sabe o que hai». Considero inaceptable que para poder ter un diagnóstico sobre unha doenza de oído teña que agardar máis de 7 meses porque hai que quitar previamente un tapón de cera. Non hai moitos anos recordo que no noso sistema público de saúde a cera se extraía no momento e o facultativo emitía un diagnóstico para posteriormente comezar co tratamento. Lamentablemente as cousas cambiaron a peor e os pacientes pagamos coa nosa saúde as consecuencias".

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS recorda que o habitual nos centros de saúde eran "mandar, por sistema, lavar os oídos na consulta de enfermería para eliminar os tapóns, cando non dispoñen dun aspirador como o que usan no servizo de Otorrino do CHUS, mais cómodo e inocuo para os pacientes".

Tamén destacan que "a falta de medios adecuados e de especialización do personal do centro de saúde fai que o tratamento non sexa eficaz, tendo que repetir varias veces o lavado, provocando molestias e mareos nos pacientes e a un posible dano no tímpano".

Dito isto, consideran "alarmante" que un servizo de saúde público tarde máis de sete meses en ter un diagnóstico dun paciente, xa que "ese é o tempo que se tarda en ter cita para a consulta, extraer un tapón de cera e volver á consulta para ser explorado propiamente".

O relato de X.F.R.M. é para esta asociación "un exemplo moi elocuente do nivel de deterioro do noso sistema público de saúde, de como un problema que semella simple e que debería ter unha solución áxil e doada acaba pospoñéndose durante meses, e de como os responsable da área sanitaria vulneran unha e outra vez a legalidade en materia de dereito sanitarios".

A raíz do problema atópase, segundo a asociación, na "vulneración" da orde do 13 de xullo de 2004 da Consellería de Sanidade sobre control da demanda de actividade programada de consultas externas, a cal, lembran, "establece claramente que no caso en que existe indicación facultativa de que a consulta se realice nunha data determinada distinta da primeira data dispoñible, a cita debe fixarse de acordo coa indicación do facultativo prescritor, rexistrándose no sistema de información como cita a data prefixada ou aproximada por criterio médico".

Polo tanto, consideran que "as directrices establecidas polos responsables do servizo de admisión son contrarias á normativa a que está suxeita a administración sanitaria por incumprir a recomendación facultativa facéndoa decaer fronte a criterios burocráticos".

Esta "vulneración", proseguen, "resulta manifestamente contraria á carta europea dos dereitos dos pacientes", cuxo artigo sétimo recoñece que toda persoa ten dereito a recibir o tratamento necesario nun período de tempo predeterminado e rápido en todas as súas fases.

"Non é tolerable que os pacientes nos vexamos indefensos ante un sistema de saúde que non cumpre a legalidade en materia asistencial, que actúa impunemente sen control ningún e opera nun limbo onde o Estado de Dereito é inexistente. Pero máis alarmante é, se cabe, que isto aconteza nunha esfera da saúde dos pacientes e usuarios que é un ben público cuxa protección debe ser merecedor de máxima protección e dun respecto escrupuloso dos principios, dereitos e normas que inspiran o funcionamento do sistema público de saúde", advirten.

Para a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, "o sistema está discriminado a X.F.R.M. e a moitos pacientes que coma el ven adiado o seu tratamento e a súa curación por motivo alleos a criterios facultativos". E é precisamente por "esta discriminación" polo que "prospera a medicina privada, que quere con recursos públicos reducir as avultadas listas de espera da sanidade pública", alertan.

LISTA DE PACIENTES EN ESPERA

De acordo cos últimos datos publicados polos Sergas, a 30 de xuño de 2018, no servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS había rexistrados 2.495 pacientes en espera de obter a primeira cita co seu especialista, aumentando respecto do semestre anterior en 245.

Mentres o tempo medio de espera publicado é de 36,8 días, X.F.R.M. acredita, para unha primeira cita en consultas externas, 132 días de espera. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta