Que hai detrás do traslado do 061 e Grupo Norte á Estrada?

A construción dun centro integrado no concello pontevedrés onde se atenderían as chamadas a números de emerxencias, como o112 e o 061 nomeadamente, foi recibido polos planteis laborais cunha forte oposición. Existen motivos abondo claros e firmes para estes traslados? Tentamos darlle resposta a esta pregunta.

Por Moncho Mariño | Santiago-A Estrada | 21/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As obras da nova sede para as emerxencias en Galicia comezaran no ano 2011 dentro do recinto que ocupa a Academia Galega de Seguridade, edificación da época Fraga e que viría a ser unha caste de recinto para todos os corpos de emerxencias, adestramento de policías locais, policía autonómica galega, cursos para a Garda Civil e para o 112. As obras foron publicitadas pola Sociedade Pública de Investimento.

Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA
Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA

A creación das dependencias físicas non estivo libre de polémica. No ano 2014 a empresa Antalsis, concesionaria das obras do novo centro integrado, entrou en concurso de acreedores. Unha serie de políticas empresariais que levaron a amontoar débedas cos subministradores, subcontratistas e que finalmente acabou en conceder as obras a unha nova empresa, OGMIOS S.L. Esta empresa recolleu a testemuña da anterior para rematar un edificio por un valor de 17 millóns de euros.

ANTECEDENTES E MOTIVOS

A idea de centralizar os servizos de emerxencias, sobre todo a atención telefónica e coordinación nun único punto, xa fora posta en marcha noutas comunidades autónomas. Querían aproveitar todas as sinerxías de todos os servizos nun único edificio, coa intención dunha mellor cobertura ao territorio ademais de fornecer actividades de formación. “Ese edificio era unha copia do SUMMA de Madrid, unha central moi grande” di Alfonso Castro da UGT. “O que aconteceu é que moitas Comunidades Autónomas caeron na conta que ese sistema (centralizar nun único edificio) non funcionaba ben, logo volveron separalos e viron que funcionaba mellor”. Actualmente estamos diante dunha central de oitenta postos onde hai seis persoas do 112. “A nós, o 061, vannos enviar a outro andar que non se deseñou para ter unha central, senón para oficinas” e aí será onde coloquen a central de coordinación do 061 e as oficinas administrativas.

A cuestión é que detrás do finanzamento do novo edificio para o AXEGA 112, houbo unha aportación de fondos procedentes da Unión Europea segundo Alfonso Castro, malia que na presentación e vídeos oficiais o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non fixo mención a isto. Si fixo mención á centralización de servizos, fixo tamén unha descrición do edificio así como insistiu na ubicación xunto a Academia Galega de Seguridade. O titular na web da Xunta de Galicia xa o dicía “Feijóo salienta que o novo edificio da AXEGA na Estrada converterá este concello na central de coordinación das Emerxencias de Galicia”. “Quizais haxa motivacións políticas detrás para converter A Estrada na capital das emerxencias ademais de ser a capital do moble” apunta Castro.

Alfonso Rueda no centro AXEGA na Estrada
Alfonso Rueda no centro AXEGA na Estrada | Fonte: Xunta.gal

Non nos deron ningún motivo en firme, só o de unificar servizos e para nós puideron facer este edificio na Estrada como noutro lugar de Galicia” di Mario Otero de CIG 061. “Segundo nos dixeron, foi decisión política da Xunta construir este edificio para as emerxencias na Estrada” di Otero.

PROTESTAS E FOLGAS

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, dependente do SERGAS e ao seu tempo da Consellería de Sanidade, divide o seu traballo entre os equipos de atención en emerxencias e a atención telefónica. Esta última tarefa foi encargada á empresa Grupo Norte e os seus traballadores e traballadoras tamén se mobilizaron contra o desprazamento cara as novas instalacións na Estrada. Polo que temos dous conflitos ao mesmo tempo. Non obstante, e debido ás peculiaridades contractuais con Grupo Norte, os traballadores e traballadoras da subcontrata, iniciaron o día 19 un proceso de mediación non A.G.A. (Consello de Relacións Laborais).

“Temos que trasladarnos 30 km ida e 30 km volta, cando agora estabamos ao pé da casa, que inclúen custe económico e o tempo de desprazamento, saíndo media hora antes e chegando media hora máis tarde” e canto o montante do desprazamento “unha de desprazamento nas condicións nas que está esa estrada, o importe anda sobre 250€” di Otero. Dita cantidade foi posta sobre a mesa por parte dos traballadores, quen recibiron como resposta unha oferta de 140€ por parte do 061 que son considerados insuficientes polo persoal.

Nun encontro co xerente do 061, Antonio Fernández-Campa, “segundo nos avisou, o conselleiro (de Sanidade) dixo que terían outra renuión no Parlamento, pero non sabemos cando” di Mario Otero, “pero desde o mes de xullo non se moveron da súa proposta, que nos vemos insuficiente”. Sobre unha mediación do A.G.A., entre SERGAS e persoal do 061, non sería posible teoricamente ao seren un persoal estatutario e non laboral. O mesmo que tampouco poderían ir a un laudo arbitral, o que acontecera na folga do 112. “Eles mesmos (061, SERGAS) teñen recoñecido que foi unha decisión da Xunta de Galicia o trasladarnos alá, isto nunha reunión con Rueda e Almuiña, e ademais, sempre din que o bipartito tiña un proxecto en Oroso e que o da Estrada é máis barato, entendemos que son intereses xeopolíticos os que moveron ao PP a cambiar a ubicación”.

AVISOS DE TRASLADO DEZ DÍAS ANTES

No tocante ao Grupo Norte, subcontrata que tiña a concesión de atención telefónica por dous anos e que, segundo fontes sindicais estarían renegociando. Estes traballadores atenden tanto ao 061 como o número de atencións sanitarias non urxentes (902077333). Segundo Renato Núñez da CIG en Grupo Norte, os motivos que lles deron para o traslado son os mesmos que á xente do 061. Tamén os puntos de reivindicación sobre horarios, tempo de traslado e gastos en desprazamentos son os mesmos que os do persoal de Emerxencias. “Hai empresas que logo de trasladar o seu centro de traballo, fixeron cálculos e dixeron que unha hora de desprazamento sería unha hora de traballo in itinere, por tanto, habería xornadas nas que o traballador ou traballadora tería unha hora menos de xornada laboral” di Renato Núñez. Isto último é parte das reivindicacións pero “se non queren dar ese tempo como traballado, poden dar días de libre disposición, tempo de descanso e outras fórmulas” di Núñez “pero nada diso está sobre a mesa”.

Núñez confirma o da mediación do A.G.A., pero “comezou o día 19 de setembro, quedan menos de vinte días para acabar o mes, e os prazos establecidos por lei para facer un traslado deben comunicarse mínimo un mes antes, pois a día 19 de setembro a ninguén lle comunicaran formalmente que debían incorporarse a un novo centro de traballo” sinala o traballador de Grupo Norte. “A empresa dixo que non era necesario, nós entendiamos que si, e sorpresa, o día 19 pola noite comezamos a recibir as notificacións para incorporarnos ao novo lugar de traballo o día 2 de outubro”. Isto é interpretado como incumprimento da lexislación laboral por parte tanto da Fundación 061 como Grupo Norte.

RESPOSTAS DE 061 E GRUPO NORTE

Galicia Confidencial púxose en contacto coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Sobre o traslado apuntan “obedece á necesidade de integrar todos os servizos de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia nun centro único, cunhas instalación axeitadas en relación á seguridade e á operatividade das mesmas”. Sobre os custes que poda xerar o cambio ao plantel a resposta é que é “un cambio de centro de traballo, non dun traslado, dentro da mesma área sanitaria e que o estatuto marco dos traballadores que regula os dereitos e deberes do persoal estatutario, así como na lexistación de aplicación, non se recolle a compensación económica para estes traballadores na citada situación”.

Mais apuntan “aínda así, a Administración sanitaria ten en conta estas cuestións no borrador de acordo das condicións do cambio de centro de traballo para o persoal estatutario. Propón unha oferta, aos traballadores fixos e eventuais con continuidade, cunha compensación económica de 140 euros en 12 pagas (mentres continúen prestando servizos no mesmo centro de traballo). Tamén “o borrador recolle tamén que os traballadores non sanitarios poderán elixir para o seu goce os días festivos correspondentes ao concello de Santiago ou, no seu caso, ao concello da Estrada. No seguinte concurso de traslados efectivo (realizado o cambio do centro de traballo) adxudicarase unha puntuación adicional con destino ao ámbito xeográfico da área sanitaria de Santiago (que se manterá ata que se teña o destino) e afectará exclusivamente ao persoal con servizos de xeito efectivo no 061”. Desde o 061 apuntan tamén que as negociacións seguen abertas e que xa van cinco reunións.

Tamén se entrou en contacto con Grupo Norte, coa súa sede de Madrid, desde onde responderon a unha batería de preguntas. A resposta da empresa foi a que segue: “como tal, las únicas declaraciones que vamos a realizar son las siguientes: en todo momento hemos tenido una actitud de diálogo y que, pese a que legalmente no es exigible, se acordó con los trabajadores 120 euros por el traslado, que es lo que reclamaban inicialmente".

A cuestión é que parece ser que a Xunta de Galicia en canto sistemas de atención en emerxencias aposta por un modelo copiado da comunidade de Madrid. Unha centralización que, segundo fontes sindicais, noutras  partes do Estado non funcionou e que obrigou a descentralizar de novo, cousa que se mostrou máis eficiente. O investimento no novo edificio para as emerxencias tivo que ser apoiado con fondos para desenvolvemento rural nun concello, A Estrada, Gobernado polo PP onde hai uns meses se descubrira que persoas próximas ao partido vendían material a Protección Civil. Por outra parte, as autoridades sanitarias apuntaron en reunións cos planteis das empresas que o bipartito tiña un proxecto semellante noutro concello. Por outra banda, existen, segundo fontes sindicais, irregularidades en canto cumprimento da lexislación laboral por parte de Grupo Norte ao avisar de traslado e incorporación ao novo lugar de traballo con só doce días de antelación, cando o mínimo por lei son trinta. 

As motivacións do cambio poden mesmo ser políticas, por compromisos adquiridos con determinados grupos, familias ou correntes internas do PPdeG e outras cuestións que quedan no aire.  En tal caso, as negociacións e mediacións entre Funcación, Grupo Norte e os dous planteis están aínda activas, esperando as resolucións concretas para cada ente. 

Feijóo visitando as instalacións do 061 na Estrada
Feijóo visitando as instalacións do 061 na Estrada | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta