Galicia aposta pola exportación para superar a crise

As exportacións galegas soben case un 10% até xullo, terceira comunidade que máis crece. Soben seis puntos máis que o avance español e cinco por riba da UE.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

As exportacións galegas subiron un 9,9% entre xaneiro e xullo respecto ao mesmo período de 2017 até 13.594,6 millóns de euros, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Exportacións. EUROPA PRESS - Archivo
Exportacións. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Deste xeito, Galicia rexistra o terceiro maior aumento entre comunidades no que vai de ano, só superada por Navarra (11,4%), seguida polo País Vasco (10,5%). O valor das exportacións incrementouse en 11 autonomías e reduciuse no resto.

Este crecemento das exportacións galegas é seis puntos maior ao progreso das españolas (+3,8%), así como cinco puntos máis que o conxunto da zona euro e a UE (+4,9% en ambos os casos). Aumentan o seu peso e xa supón o 8% do conxunto do Estado.

En Galicia, as principais exportacións proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (aumentaron un 6,5%), sector automóbil (creceron un 16,2%) e bens de equipo (que diminuíron un 2,7%). A UE sigue sendo o mercado referencial das vendas ao exterior galegas, con Francia e Portugal como principais clientes.

No tocante ás importacións, Galicia experimenta o terceiro maior avance interanual (+11,3%) até 11.173,9 millóns de euros, por detrás de Baleares (+17,1%) e Andalucía (+16,4%). O valor aumentou en todas as autonomías, excepto en Canarias. Deste xeito, a Comunidade galega conta cun saldo comercial positivo co estranxeiro de 2.420,7 millóns de euros, o que supón unha subida do 3,8% en comparación aos 2.333,2 millóns co que contaba hai un ano.

XULLO

Respecto só ao mes de xullo, en Galicia houbo exportacións por valor de 1.915,7 millóns de euros, o que supón unha alza da 28,7% fronte ao sétimo mes do ano anterior. Foi o terceiro progreso maior após Cantabria (+101,4%) e Canarias (+35%).

As importacións tamén subiron na Comunidade un 21,8% até os 1.727,1 millóns. Así, o saldo comercial foi de 188,6 millóns e disparouse un 167% respecto ao mesmo mes do ano anterior. Neste mes, as vendas ao exterior do sector do automóbil subiron un 66% interanual; as de bens de equipo, un 51%; mentres que as manufacturas de consumo eleváronse un 2,9%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta