Martiño Noriega apoia a Xulio Ferreiro na súa decisión de non cesar aos concelleiros da Coruña

Insiste en que o concelleiro de Medio Rural de Santiago non se "autoexcluíu" da súa participación na próxima candidatura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, asegurou que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, conta co seu apoio, do mesmo xeito que Marea Atlántica; e insistiu en que o concelleiro de Medio Rural de Compostela, Rafa Peña, en ningún momento se "autoexcluíu" da súa participación na próxima candidatura de cara ás municipais.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en rolda de prensa.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Así o sinalou na rolda de prensa posterior á xunta do Goberno local de Compostela deste venres, ao ser preguntado polos medios pola súa visión sobre a situación do Concello da Coruña, no que a oposición esixe ao actual alcalde, Xulio Ferreiro, que cese aos concelleiros de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e de Economía Social, Alberto Lema, polas irregularidades no concurso dos pisos de aluguer social.

En concreto, Noriega resaltou que "o clima electoral tamén o condiciona todo", e realizou unha "valoración positiva" da posición de Xulio Ferreiro, xa que "recoñece que houbo erros", pero tamén hai un "proceso de enmenda" para que "isto non se repita nun futuro" con outros plans sociais de vivenda.

SOBRE A CONTINUIDADE OU NON DE RAFA PEÑA

Por outra banda, preguntado tamén polas declaracións realizadas no pleno municipal do xoves polo concelleiro de Medio Rural, Rafa Peña, --"a seguinte persona que, sexa quen sexa, xestione"-- e que algúns interpretaron como un anuncio de retirada, o alcalde de Santiago considerou que esa resposta "estivo contextualizada" polo anuncio do concelleiro do Partido Popular, Manuel Martínez, que non continuará no seu cargo dende maio de 2019.

"Non creo que en ningún momento se autoexcluise da súa participación a ningunha candidatura", aseverou Noriega. "Somos conscientes de que ten que haber primeiro dispoñibilidade e logo" decidir; "pero non somos cesaristas", asegurou, e engadiu que ten que haber "consenso e dispoñibilidade", seguidos dun "proceso de primarias e de elección de listas".

"Non lle dou maior transcendencia" ás declaracións do concelleiro de Medio Rural de Compostela Aberta, indicou Noriega. "Non teño constancia de que non teña dispoñibilidade", insistiu.

AGRADECEMENTO A MANUEL MARTÍNEZ

Ademais, nesta liña, agradeceu o labor realizado polo concelleiro do PP, Manuel Martínez, na corporación, xa que, na área económica, veo como un "perfil moi técnico", unha "persona de rigor que achega ao debate político".

Así mesmo, lembrou que a súa decisión de continuar ou non á fronte de Compostela Aberta en Santiago de cara ás próximas eleccións municipais darase a coñecer a semana que vén, "probablemente nesta rolda de prensa", posterior á xunta do Goberno local, ou "noutro formato". "Aínda non terminei a roda de contactos cos concelleiros", precisou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta