A Anpa do IES de Brión dille ao conselleiro de Educación que "non se esconda tras a lexislación" e acuda ao centro

As familias convídano a "rectificar a súa euforia" e defenden que as súas reivindicacións "tampouco" están movidas "por intereses políticos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2018 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

A asociación de nais e pais (Anpa) do IES de Brión (A Coruña), encerrados no instituto desde fai máis dunha semana para demandar máis persoal docente, pide ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que "non se esconda tras a lexislación vixente" e acuda ao centro "se atopa un momento".

Aula baleira no IES de Brión. ANPA IES DE BRIÓN
Aula baleira no IES de Brión. ANPA IES DE BRIÓN | Fonte: Europa Press

Nunha carta aberta remitida aos medios, as familias critican as declaracións expresadas na última semana polo mandatario, quen se remitiu en varias ocasións aos informes de inspección, que están elaborados "sen arbitrariedade" e que "entenden que é posible desenvolver a actividade educativa nesas situacións".

Neste sentido, a Anpa afirma "supor" que a Xunta "non toma ese tipo de decisións por motivos políticos", á vez que defende que as súas reivindicacións "tampouco" están movidas por intereses políticos. "Di tamén que comprende as demandas e logo, supoñemos, que non están tan fóra da racionalidade como para que non se poidan discutir cos que entenden (a dirección do centro) máis aló de escudarse no mantra de que se cumpre a legalidade", esgrimen os pais.

Ademais, as familias censuran que a Xunta "debe oír" aos profesores do IES "pero non escoitalos", porque lles dixeron "en varias ocasións e coas cifras na man que, co número de docentes que enviaban para este curso, era imposible manter o que había".

UNHA "FALTA" DE PROFESORES

E é que, segundo asegura a Anpa e mantén como motivo das súas protestas, a "falta" de profesores fai que "desapareza" o grupo do Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento (PMAR) e "se masifiquen" as clases, pois o curso de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria contará este ano con 30 e 31 alumnos, respectivamente.

"Diga se isto é certo ou non, por favor. E para a próxima pedímoslle que rectifique a súa euforia", retan a Rodríguez, quen ao longo desta semana insistía en que o curso académico se iniciou "con normalidade" en toda Galicia, mentres reducía a problemática en Brión a un "caso concreto" e "puntual".

"Tal vez como somos un instituto do rural escápasenos algún dos seus razoamentos. Fala vostede de levantar o foco e ver o conxunto. É certo, e esa debe ser a súa misión pero, igual que para nós, tamén debe pór o foco nos máis pequenos", responde a Anpa.

Por todo iso, os pais expresan que "se conformarían" con que "alguén coa mesma filosofía" que a do conselleiro "lles reciba con ganas de analizar os datos concretos" do centro "e non se esconda tras a lexislación vixente". "De todos os xeitos, se atopa un momento, estamos pechados desde fai máis dunha semana no IES", lembran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta